Escola de Igualdade María Vinyals

Muller e Liderado

A Escola de Igualdade María Vinyals, situada no castelo de Soutomaior, acolleu a xornada "Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!", que se desenvolveu o 29 de setembro de 2016. Esta actividade foi organizada polo Servizo de Igualdade da institución provincial.

"Muller e liderado" promove a creación dun espazo de aprendizaxe e intercambio para analizar o liderado feminino e dar resposta ás necesidades do mercado actual, tanto no referido ao autoliderado coma ao liderado de equipos. Esta xornada estivo dirixida a mulleres directivas, emprendedoras, profesionais do eido dos recursos humanos, da xestión de persoas e do desenvolvemento persoal e profesional, entre outras; tamén se mostraron ferramentas e estratexias para mellorar o liderado persoal e profesional.

Na xornada tivo lugar tamén a mesa de experiencias "Son bos tempos para o liderado feminino", que contou coa participación da directora xerente de Vinos & Bodegas Gallegas, Myriam Vázquez, e a fundadora de Exquisitec.es, Sandra Amezaga. A presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Lucía Pedroso, foi a moderadora.

A continuación desenvolvéronse obradoiros simultáneos relativos ás ferramentas para mellorar o liderado e ás estratexias para potencialo. As relatoras nestes obradoiros foron Marcela Parga Fernández, trainer para España na International Coaching Community; Carmen Pomar Tojo, doutora en Psicoloxía e experta en educación e xestión emocional; Alejandra Mosteiro Catoira, coach sénior, socia directora de Extend, experta en organización e xestión de persoas; Susana Mosquera Martín, psicóloga especializada no desenvolvemento de actividades; Raquel Pedrouso Carreira, consultora de desenvolvemento persoal e profesional; e Carmen Vázquez de Prada Belascoaín, psicóloga experta en recursos humanos, responsable de innovación de recursos humanos en R Cable.

A xornada rematou co relatorio "Existe un estilo de liderado feminino? Muller e poder", no que participou Maden Castillo de la Rosa, experta en comunicación e liderado con perspectiva de xénero. Esta sesión estivo moderada pola presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, Susana Pérez Iglesias.

Con "Muller e liderado" preténdese promover novos referentes, inspirar novas prácticas e contribuír ao empoderamento das mulleres.