Diferenza entre actos de trámite simples e cualificados
Sentenza do Tribunal Supremo (STS) núm. 1670/2025, de 17 de decembro (Recurso de casación 8387/2022)
03/02/2026
Esta sentenza resulta de interese pola diferenciación que efectúa o Tribunal Supremo (TS) entre actos de trámite simples e os cualificados, o cal é relevante para coñecer se o acto é recorrible de xeito separado ou só é susceptible de recurso o acto definitivo.
Lembra o TS que os actos de trámite simples teñen un carácter meramente preparatorio ou instrumental fronte á resolución final, que decide sobre o fondo do asunto e lle pon fin ao procedemento. Sería esta resolución final a recorrible de xeito separado e non así os actos de trámite simples, que, se ben poden ser impugnados, esa impugnación debe realizarse xunto co acto que lle pon fin ao procedemento.
Non obstante, debemos recordar que existen actos de trámite regulados no art. 112.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no art. 25.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa, que, como sinala o TS, teñen carácter de cualificados:
- Se deciden directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto.
- Se determinan a imposibilidade de continuar o procedemento.
- Se producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos.
Estes actos de trámite cualificados dispoñen de substantividade propia e son recorribles separadamente e de forma autónoma do acto resolutorio do procedemento.
Como non é doado, en moitas ocasións, determinar se estamos ante un acto de trámite simple ou cualificado, o TS indica que deben analizarse de xeito individualizado e recompila algúns actos sobre os que xa se pronunciou previamente e cualificou como dun ou doutro tipo.