Ampliación de beneficios fiscais do ICIO e do IAE

Real decreto lei 7/2026, de 20 de marzo, polo que se aproba o Plan integral de resposta á crise en Oriente Medio

28/04/2026

O Real decreto lei 7/2026 introduce dúas novidades con impacto directo no imposto sobre actividades económicas (IAE) e no imposto sobre construcións, instalacións e obras, (ICIO) e, de xeito conexo, tamén no de bens inmobles (IBI), orientadas a favorecer a electrificación, o autoconsumo e as enerxías renovables.

No IAE, a reforma céntrase na regra 14.ª da Instrución (cálculo da potencia instalada tributable). Precísase que na potencia computable entran só os elementos enerxéticos directamente afectos á produción, incluídos os destinados á transformación e rectificación de enerxía eléctrica, e exclúense expresamente as potencias de usos auxiliares (calefacción, iluminación, climatización, instalacións anticontaminantes, ascensores, servizos sociais e sanitarios etc.). Mantense, ademais, un tratamento favorable para bancos de probas e plataformas de ensaio (computan ao 10 % da potencia real) e aclárase que os equipos de reserva non tributan como elemento se se lle declaran como tales á Administración. Na práctica, é unha medida de clarificación e acoutamento da base "potencia", que reduce conflitos interpretativos e evita que se incorporen potencias non produtivas á cota.

En materia de beneficios fiscais locais, no artigo 44 modifícase o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLRFL) en dous puntos relevantes. Primeiro, amplíase e actualízase a bonificación potestativa do IBI (artigo 74.5), que permite ata o 50 % para inmobles con sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía do sol ou da enerxía ambiente, condicionada á homologación administrativa, e habilítase que as ordenanzas establezan porcentaxes diferenciadas cando exista cesión de espazos vinculada a comunidades enerxéticas. Segundo, refórzase o incentivo no ICIO (artigo 103.2.b), ao prever unha bonificación de ata o 95 % para obras que incorporen sistemas de aproveitamento solar ou de enerxía ambiente, tamén suxeita a homologación, e aclárase que se aplica sobre a cota resultante, se procede, tras a bonificación previa do artigo 103.2.a.

Ligazóns de interese