O ORAL amplía as súas delegacións: Forcarei delega a xestión e recadación dos seus tributos municipais
08/07/2026
No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 2 de xullo de 2026 publicouse a aceptación da delegación de competencias efectuada polo Concello de Forcarei na Deputación de Pontevedra para que, a través do ORAL, se desenvolvan as facultades de xestión tributaria e recadación en vía voluntaria de diversos ingresos de dereito público municipais.
O Pleno da Deputación de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do 26 de xuño de 2026, acordou aceptar esta delegación, aprobada polo Pleno do Concello de Forcarei na súa sesión do 23 de abril de 2026, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Que tributos comprende esta delegación?
A delegación abarca a xestión tributaria e a recadación en período voluntario dos seguintes ingresos de dereito público municipais:
- Imposto sobre bens inmobles (IBI).
- Imposto sobre actividades económicas (IAE).
- Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM).
- Taxa por servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación destes, monda de pozos negros e limpeza en rúas particulares.
- Taxa por servizos de distribución de auga, gas, electricidade e outros abastecementos públicos, incluídos os dereitos de enganche de liñas e a colocación e utilización de contadores e instalacións análogas, cando estes servizos ou subministracións sexan prestados por entidades locais.
- Taxa pola prestación do servizo da rede de sumidoiros.
- Taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos e carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
- Taxa por ocupacións do voo de toda clase de vías públicas municipais con elementos construtivos pechados, terrazas, miradoiros, balcóns, marquesiñas, toldos, paraventos e outras instalacións semellantes saíntes sobre a vía pública ou que sobresaian da liña de fachada.
- Taxa por servizos de cemiterios locais, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres de carácter local.
- Taxa pola licenza de autotaxi e demais vehículos de aluguer.
Que implica esta delegación?
- Xestión integral: o organismo provincial asumirá a xestión dos tributos delegados, desde a elaboración dos padróns e as liquidacións ata a súa recadación en período voluntario.
- Maior eficiencia: a colaboración do ORAL permitirá unha xestión máis eficiente dos tributos municipais, o que reducirá os tempos de tramitación e mellorará a atención á cidadanía a través de todas as canles de atención das que dispón este ente.
- Recadación centralizada: o ORAL encargarase da cobranza dos tributos delegados polo Concello, o que permitirá unha xestión máis áxil e centralizada dos pagos.
Beneficios para a cidadanía
- Maior comodidade: as persoas contribuíntes poderán realizar o pago dos seus recibos de forma máis sinxela e cómoda a través das diferentes canles que ofrece o ORAL, incluída a Oficina Virtual Tributaria.
- Axilidade nos trámites: a colaboración co ORAL permitirá axilizar os trámites tributarios, ao reducirse os tempos de tramitación e mellorar a eficiencia do servizo.
- Maior transparencia: o órgano provincial garante a transparencia na xestión tributaria ao ofrecerlle á cidadanía información clara e detallada sobre o estado dos seus recibos e expedientes.
O ORAL conta cunha ampla experiencia na xestión e recadación deste tipo de ingresos de dereito público, polo que esta delegación supoñerá un importante avance na xestión tributaria de Forcarei e terá un impacto positivo na calidade do servizo ofrecido á cidadanía.