Reunión técnica: Mozambique analiza o modelo do ORAL como clave para harmonizar o seu sistema tributario local
Logo da recepción por parte da deputada provincial Sandra Bastos, o tesoureiro da Deputación e o Servizo de Coordinación do ORAL mantiveron unha reunión de carácter técnico co coordinador do Departamento de Finanzas da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) e con persoal técnico de contabilidade e planificación dos municipios mozambicanos de Namaacha e Manhiça e mais do Fondo Galego de Cooperación.
29/05/2025
A comitiva de Mozambique expuxo a complexa realidade do financiamento local nos seus territorios, con problemas coma a disparidade de criterios na determinación de tributos entre municipios, a falta de normalización nos métodos de cobranza, o baixo investimento en padróns fiscais e a falta de comunicación entre eles. Neste contexto, presentaron os seus ambiciosos proxectos de modernización, que buscan unificar o sistema tributario local no ámbito nacional para reducir as inxustizas fiscais.
Pola súa banda, desde o ORAL compartiuse unha exposición detallada das súas funcións, especialmente en relación ás delegacións municipais e ao funcionamento do sistema de financiamento local. Presentáronse os resultados de xestión e recadación, o que serviu para ilustrar a operatividade e eficiencia do seu modelo. Desde este organismo ofreceuse unha colaboración total, co convencemento de que este tipo de intercambios de experiencias son mutuamente enriquecedores e abren a porta a futuras vías de cooperación.
A reunión enmárcase no proxecto de cooperación "Apoio á sustentabilidade e xestión financeira dos municipios de Manhiça e Namaacha (provincia de Maputo- Mozambique)" e marca un paso significativo no intercambio de coñecementos e boas prácticas na xestión financeira e tributaria local.
