Obrigada motivación do rexeitamento de proba de cargo no procedemento sancionador
Sentenza do Tribunal Supremo número 1511/2025, de 24 de novembro, (Recurso de casación 5958/2023)
19/02/2026
Esta sentenza resulta de interese por repasar a doutrina do Tribunal Constitucional (TC) no referido ao alcance do dereito a utilizar os medios de proba pertinentes para a defensa e por lembrar que, aínda que o TC estaba a referirse ao contexto xudicial, segundo a doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (doutrina Saquetti), os mesmos criterios son aplicables ao ámbito administrativo, especialmente aos procedementos sancionadores.
Considera o TS que as probas só podían levarse a cabo pola Inspección e que concordan cos medios de proba recollidos na Lei de axuizamento civil e coas facultades asignadas pola lei á Administración.
Por conseguinte, o Alto Tribunal conclúe que é causa de invalidez da resolución sancionadora que o órgano competente para sancionar desatendese a solicitude de probas de descargo promovidas tempestivamente pola persoa interesada, xa que estas probas deberían admitirse e practicarse porque reunían os requisitos que integran o dereito fundamental a utilizar os medios de proba para a defensa (artigos 9.1 e 103.1 da Constitución española) e que, polo tanto, a súa inadmisión provocou indefensión na persoa interesada. E, sobre todo, sen que o órgano competente para impoñer a sanción tributaria se pronunciase expresamente sobre a solicitude da proba de descargo sen xustificar nin motivar o rexeitamento ou denegación da súa práctica.