A Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra reforza a vixilancia e control das verteduras incontroladas de residuos na provincia
28/08/2026
A Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Vixilancia, Inspección e Control de Residuos (SEVIC), mantén unha liña de traballo de actuación permanente para a vixilancia e control das verteduras incontroladas de residuos nos concellos adheridos ao servizo.
No que vai de ano, o SEVIC recibiu 13 avisos de posibles verteduras incontroladas por parte dos concellos adheridos. Tras a realización da correspondente inspección sobre o terreo por parte das e dos axentes do servizo, formulouse unha proposta de incoación de expediente sancionador en sete dos casos, ao identificárense indicios suficientes sobre a responsabilidade dos feitos.
Nos restantes casos, as actuacións realizadas non permitiron identificar as persoas responsables do abandono dos residuos. Nestes supostos, a información recompilada durante a inspección foi trasladada aos respectivos concellos para facilitar a xestión e retirada dos residuos, e o SEVIC mantén a vixilancia sobre os puntos afectados e realiza, cando procede, novas comprobacións.
Información e prevención, elementos fundamentais
Ademais das actuacións de inspección e control, a Sección de Residuos desenvolve un importante labor informativo e de sensibilización, dirixido tanto á cidadanía coma ás empresas e actividades económicas.
Neste sentido, lémbraselle á veciñanza que os concellos dispoñen de sistemas municipais de recollida de residuos ou puntos limpos para facilitar a súa correcta entrega e xestión. Así mesmo, ás empresas e actividades económicas recórdaselles a súa responsabilidade na correcta xestión dos residuos xerados como consecuencia da súa actividade, ben mediante o servizo municipal, nos supostos nos que a correspondente ordenanza o permita, ben mediante a entrega a xestores autorizados.
Ante calquera dúbida sobre a forma correspondente de xestionar un determinado residuo, recoméndase consultar previamente co concello correspondente ou na propia Sección de Residuos da Deputación, que pode informar sobre as alternativas dispoñibles en cada caso e orientar sobre a vía adecuada para a súa entrega.
Este labor de información e asesoramento ten como finalidade facilitar o cumprimento das obrigas en materia de residuos e previr situacións de abandono ou xestión incorrecta, ademais de promover unha xestión axeitada e ambientalmente responsable.
Non obstante, cómpre lembrar que o abandono e a vertedura incontrolada de residuos constitúen infraccións tipificadas na Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, o que pode dar lugar, cando concorran as circunstancias previstas na normativa, á correspondente incoación dun expediente sancionador.
Unha realidade que vai máis alá dos avisos recibidos
Cómpre sinalar que o número de avisos recibidos non reflicte a totalidade das verteduras incontroladas que se producen na provincia.
Por unha banda, os concellos adoitan trasladarlle ao servizo aqueles casos de maior entidade, impacto ou visibilidade, mentres que outras verteduras de menor volume poden non chegar ao coñecemento deste.
Ademais, hai que ter en conta que non todos os concellos adheridos están a utilizar esta vía de colaboración para detectar e revisar os puntos con posibles verteduras incontroladas, polo que os animamos a facer un maior uso desta canle de vixilancia e control, favorecendo unha actuación coordinada que permita detectar con maior rapidez as verteduras, identificar, cando sexa posible, as persoas responsables e adoptar as medidas correspondentes.
A Deputación de Pontevedra continuará traballando, en colaboración cos concellos, na prevención e control das verteduras incontroladas, combinando as actuacións de inspección e vixilancia co asesoramento e a información á cidadanía e ás actividades económicas, co obxectivo de avanzar cara a unha xestión dos residuos máis correcta, responsable e respectuosa co medio.
