A Sección de Residuos participa, a través do SEVIC, nun grupo de traballo da Xunta sobre economía circular no comercio local e a hostalaría
18/06/2026
Dúas integrantes do equipo técnico da Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra participaron este xoves, 18 de xuño, en Santiago de Compostela, no grupo de traballo sobre comercio local e hostalaría convocado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia. A súa participación enmarcouse no SEVIC (Servizo de Vixilancia, Inspección e Control), servizo da propia Sección de Residuos.
O encontro, celebrado na Confederación de Empresarios de Galicia, reuniu administracións públicas, sector comercial e hostalaría para identificar boas prácticas, analizar problemáticas comúns e avanzar en medidas que favorezan a economía circular. Nunha mesa de traballo conxunta abordáronse cuestións como a prevención de residuos, a separación en orixe, a mellora da información aos establecementos e a coordinación entre administracións, empresas concesionarias e establecementos. Participaron tamén dúas persoas da Oficina de Economía Circular Municipal, xunto a representantes doutras administracións e entidades do ámbito comercial, hostaleiro e da artesanía.
A achega do SEVIC permitiu trasladar a experiencia no traballo directo cos concellos e cos produtores de residuos da provincia, especialmente na separación en orixe, a recollida diferenciada das fraccións e a detección de dificultades prácticas na xestión. Desde a Sección de Residuos valorouse positivamente este tipo de espazos, que axudan a mellorar os resultados de separación, reducir impropios e impulsar a prevención.
