O Supremo limita a impugnación indirecta das ordenanzas fiscais a través do recurso contra a providencia de constrinximento
Sentenza do Tribunal Supremo núm. 805/2026, de 29 de xuño de 2026, Recurso de casación 2089/2024)
13/08/2026
O Supremo fixa como doutrina que non é posible impugnar indirectamente unha ordenanza fiscal con ocasión do recurso contra unha providencia de constrinximento cando a persoa interesada puido recorrer previamente a ordenanza, de forma directa, ou as liquidacións ditadas ao seu abeiro e non o fixo. O Alto Tribunal destaca que a providencia de constrinximento é un acto de execución sometido aos motivos taxados de oposición do artigo 167.3 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, polo que non pode empregarse para reabrir cuestións que debían suscitarse na fase declarativa. Deste xeito, prevalecen os principios de seguridade xurídica e firmeza dos actos administrativos, o que impide cuestionar nesta fase as liquidacións que adquiriron firmeza por non seren recorridas.