Actualidade tributaria: Nos procedementos iniciados de oficio tamén debe prevalecer o domicilio de notificacións sinalado pola persoa interesada

06/10/2025

Aínda que segundo o art. 110.2 da Lei xeral tributaria (LXT) permíteselle á Administración optar pola práctica da notificación en diferentes lugares nos procedementos iniciados de oficio, se a persoa interesada sinala nalgún dos seus escritos un domicilio en concreto para recibir as notificacións, este debe ser o empregado pola Administración que, á súa vez, debe seguir a canle procedente ou obrigatoria (en papel ou de forma electrónica).

Neste caso tratábase dunha mercantil, obrigada a recibir as notificacións a través de medios electrónicos, que no seu escrito de alegacións indicou, para os efectos de notificacións, o domicilio do seu letrado. O Tribunal Supremo considera que se lle causou indefensión ao poñer a notificación á disposición na dirección electrónica habilitada (DEH) da persoa representante da entidade e que se lle debería remitir á dirección sinalada pola reclamante, e que se a Administración necesitaba unha dirección electrónica para levar a cabo a notificación electrónica, debería advertirllo á ou ao obrigado tributario.

Ligazóns de interese