O ORAL aumenta o número de delegacións asumidas: o Concello de Covelo delega a recadación voluntaria e inspección da taxa por entrada de vehículos na Deputación de Pontevedra
08/01/2026
O 30 de decembro de 2025 publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a aceptación da delegación de competencias efectuada polo Concello de Covelo na Deputación de Pontevedra para que, por parte do ORAL, se leven a cabo as facultades de recadación voluntaria e inspección da taxa por entrada de vehículos a través das beirarrúas e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos e carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Con esta delegación, que entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación obrigatoria no Diario Oficial de Galicia, este Concello asegurará unha mellora na prestación do servizo ao garantir unha maior accesibilidade e seguridade xurídica para a cidadanía. Esta medida ten como obxectivo principal axilizar e optimizar o proceso, así como ofrecer un servizo máis eficiente.
Que vantaxes implica esta delegación?
- Optimizar e axilizar a xestión:
- A delegación no ORAL simplificará o proceso de xestión das taxas e reducirá os tempos de tramitación.
- A cidadanía beneficiarase dunha atención máis eficiente a través das canles especializadas do ORAL.
- Comodidade, transparencia e accesibilidade:
- O pago de taxas simplificarase grazas ás diversas opcións de pago que ofrece o ORAL.
- A cidadanía terá acceso directo e claro a toda a información relevante ofrecida polo ORAL.
- Aforro de custos e mellora na recadación:
- O Concello reducirá os custos operativos asociados á xestión das taxas.
- O ORAL, coa súa experiencia, optimizará a recadación e centralizará e axilizará os pagos.
O ORAL conta na actualidade cunha ampla experiencia na tramitación e recadación deste tipo de procedementos. Con esta delegación son xa 32 municipios os que xestiona nesta materia, polo que suporá un importante avance na xestión destas taxas no mencionado Concello e impactará positivamente na calidade do servizo ofrecido á cidadanía.