Os efectos no IBI da ampliación de superficie dunha vivenda non derivan automaticamente dunha resolución xudicial, xa que veñen determinados pola data de efectos no Catastro
Dirección Xeral Tributaria (DXT), consulta núm. V2310-25, de 27 de novembro de 2025
24/03/2026
A persoa que fai a consulta adquiriu en 2003 unha vivenda situada na planta baixa dun edificio. No momento da compra, a vivenda dispoñía de acceso exclusivo a un patio que tiña carácter comunitario e que xa se atopaba pechado nesa data. Como consecuencia do uso privativo do devandito espazo, a comunidade de persoas propietarias interpuxo unha demanda na que solicitaba a retirada do cerramento. O procedemento xudicial finalizou mediante unha resolución firme na que se declaraba a desafectación do patio como elemento común, pasando a integrarse como elemento privativo da vivenda. A incorporación do patio á propiedade privativa implica un incremento da superficie construída e privativa, susceptible de producir unha modificación do valor catastral e, en consecuencia, da cota do imposto sobre bens inmobles (IBI).
A cuestión que se formula é se debe entenderse que a obriga no IBI respecto do aumento de superficie da vivenda nace a partir da data da resolución xudicial firme na que se declara a desafectación do elemento común e a súa incorporación á vivenda, ou ben se estende retroactivamente aos catro exercicios anteriores á antedita resolución, polo que se deben ingresar as cotas de IBI correspondentes a eses exercicios pasados.
A DXT establece as seguintes conclusións:
- O IBI é un imposto de xestión compartida: a xestión catastral correspóndelle ao Catastro e a xestión tributaria, aos concellos.
- A determinación da data de efectos catastrais da alteración de superficie non é competencia da DXT, senón do Catastro.
- A persoa contribuínte debe presentar a correspondente declaración catastral, iniciándose así o procedemento de modificación descritiva.
- Unha vez fixada a data de efectos catastrais na resolución correspondente, o Concello liquidará o IBI desde a devindicación inmediatamente posterior á devandita data.
En consecuencia, o aumento de superficie non xera por si mesmo unha obriga tributaria retroactiva automática, senón que a incidencia no IBI queda condicionada á determinación administrativa da data de efectos catastrais.
A obriga de tributar polo incremento de superficie derivado de anexionar o antigo elemento común non nace necesariamente na data da sentenza firme nin se estende automaticamente aos catro exercicios anteriores.
O elemento determinante é a data de efectos catastrais que fixe o Catastro tras a correspondente declaración. A partir desa data, o IBI esixirase desde o 1 de xaneiro inmediatamente posterior, conforme o réxime de devindicación anual do imposto.