Exención no IBI dun inmoble con máis de 100 anos sen necesidade de declaración como BIC
Dirección Xeral de Tributos, consulta núm. V2291-25, do 25 de novembro de 2025
10/03/2026
A consulta versa sobre a posibilidade de obter a exención no IBI dun inmoble cun escudo heráldico na fachada con máis de cen anos.
A Dirección Xeral de Tributos (DXT) examina o réxime de exencións previsto no artigo 62.2.b) do Real decreto lexislativo 2/2004, que regula o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. Este precepto recoñece a exención, previa solicitude, a determinados bens inmobles integrantes do Patrimonio Histórico Español, especialmente aqueles declarados ben de interese cultural (BIC) segundo a Lei 16/1985, de 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).
A exención aplícase en tres grandes supostos:
- Inmobles declarados expresa e individualizadamente monumento ou xardín histórico mediante un real decreto e incluídos no rexistro xeral correspondente.
- Bens comprendidos nas disposicións adicionais da LPHE, entre eles os protexidos por normas históricas específicas.
- Determinados inmobles situados en zonas arqueolóxicas ou conxuntos históricos, sempre que cumpran requisitos adicionais de protección integral.
No caso exposto, a clave radica na disposición adicional segunda da LPHE, na que se consideran bens de interese cultural aqueles protexidos por determinados decretos históricos. Entre eles atópase o Decreto 571/1963, relativo a escudos, emblemas, pedras heráldicas, rolos de xustiza e pezas análogas con antigüidade superior a cen anos. A DXT interpreta que a remisión normativa permite aplicarlles a exención do IBI aos inmobles que incorporen este tipo de elementos protexidos, sempre que se cumpra o requisito de que tanto o inmoble coma o escudo ou a peza heráldica teñan máis de cen anos de antigüidade. Nestes supostos, non se esixe a declaración individualizada mediante un real decreto nin a inclusión nun catálogo con protección integral, xa que a propia norma histórica lles outorga a consideración de bens de interese cultural.
Por tanto, se o inmoble e o escudo cumpren o requisito de antigüidade superior a cen anos, poderá aplicarse a exención prevista no artigo 62.2.b) do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. Finalmente, lémbrase que a exención non é automática, xa que debe solicitarse expresamente ante o Concello competente.
En conclusión, a consulta clarifica que a protección histórica derivada do Decreto 571/1963 permite acceder á exención do IBI sen necesidade dunha declaración individual como BIC, sempre que concorran os requisitos de antigüidade e se formule a correspondente solicitude.