Actualidade tributaria: non é necesaria a declaración de falido na hipoteca legal tácita
O Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 3 de Pontevedra lembra na Sentenza 17/2025, de 5 de febreiro, que na hipoteca legal tácita non é necesario declarar falido a ou o obrigado tributario principal, a diferenza do que acontece na derivación por afección para esixirlle a débeda á persoa responsable subsidiaria.
28/05/2025
A ou o recorrente confundiu ambas as vías de esixencia da débeda tributaria, considerando que o procedemento recadatorio incoado era a derivación da débeda por afección real, regulada no art. 64.1 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, nese caso é necesario, antes de derivarlle a débeda á persoa responsable subsidiaria, declarar falido a ou o debedor principal e responsables solidarios (art. 176 da Lei xeral tributaria, LXT).
Con todo, neste caso, a esixencia da débeda efectuouse a través da hipoteca legal tácita (art. 78 da LXT), posto que o que se reclamaba era o IBI do exercicio en curso no momento de esixirse o pagamento e o do ano inmediatamente anterior. Como en calquera hipoteca execútase a garantía sobre o ben, aínda que pasase a unha terceira persoa, sen que esta poida considerarse debedora nin se lle estea derivando ningunha débeda, senón que simplemente é titular dun ben que está gravado cunha garantía real.