Actualidade tributaria: novidades na taxa de transporte de enerxía eléctrica; o Tribunal Supremo valida unha ordenanza ao distinguir dous supostos de tributación

O Tribunal Supremo (TS), na súa Sentenza 430/2025, de 10 de abril de 2025, considera axustados a dereito os criterios que o Concello de Esterri de Cardós (Lleida) seguiu para modificar a Ordenanza reguladora da taxa pola utilización privativa do solo e para o aproveitamento especial da cuberta forestal dos terreos comunais, como bens de dominio público municipal, con liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica en alta tensión que non subministran enerxía eléctrica á veciñanza do municipio.

11/06/2025

Nunha sentenza duns días antes, concretamente a STS núm. 409/2025, de 3 de abril de 2025, o TS anula o artigo 6 e anexo de tarifas da ordenanza correspondente á mesma taxa, neste caso do Concello de Barcelona, polas mesmas razóns e en aplicación dos mesmos criterios que levaron á anulación, en recursos anteriores, das ordenanzas doutros concellos.

Vexamos, de maneira sintetizada, cales son os principais argumentos que segue o TS para validar un modelo de ordenanza e rexeitar outro.

No caso da STS 409/2025, do mesmo xeito que sucedeu noutros recursos anteriores aos que se remite, o TS non valida a ordenanza da taxa do Concello polos seguintes motivos:

  • A Ordenanza fiscal (OF) non contempla ningún suposto de aproveitamento privativo, considerando todos eles como aproveitamentos especiais, utilizando, non obstante, a base de cálculo que se prevé no artigo 64.1.a da Lei 25/1998, de 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, para os casos de utilización privativa de bens.
  • Esta incompatibilidade non queda emendada polo feito de que a OF estableza dous tipos de gravame segundo a intensidade de uso (5 % e 2,5 %).
  • En conclusión: non é compatible utilizar a base impoñible que a lei prevé para o uso privativo para gravar os aproveitamentos especiais, aínda que o resultado trate de modularse regulando dous tipos impositivos diferentes segundo a maior ou menor intensidade de uso.

Pola contra, a STS 430/2025 considera axustados a dereito os criterios utilizados polo Concello polas seguintes razóns:

  • Ao contrario que no caso anterior, a OF non contempla exclusivamente aproveitamentos especiais e atende para valorar a taxa por ese aproveitamento especial só ao valor dos elementos catastrais, coma se se tratase dun aproveitamento privativo para, a continuación, modulalo coa tarifa.
  • Na OF, aínda que non se diga de forma expresa, distínguense dous supostos de tributación que están en consonancia cos parámetros regulados no artigo 24.1 do R. d. l. 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLFL).

Os dous supostos de tributación son:

  • Aproveitamento privativo: toma como referencia o valor do solo no que se asente a construción, aplicando o coeficiente RM do 0,5, e o valor do construído (a cimentación das torres ao solo):
    B. I.= VC solo ocupado + valor das torres coa súa cimentación x RM (0,5).
    A esta base impoñible aplícaselle un tipo do 5 %.
  • Aproveitamento especial: calcúlase sobre o valor de cobertura forestal do solo que se ocupa, a cablaxe e os seus accesorios aos que se lles aplica o coeficiente RM, é dicir, sobre os valores do investimento das liñas de alta tensión:
    B. I.= VC da cobertura forestal do solo ocupado + valor da cablaxe e dos seus accesorios x RM (0,5)

A esta base impoñible aplícaselle un tipo do 1,5 %, que, coma na propia ST se especifica, nada ten que ver, máis alá da pura coincidencia porcentual, co previsto no artigo 24.1.c do TRLFL.

Para calcular a totalidade do valor que reporta o investimento (torres, cables e accesorios…) prevese un requirimento de información a REE, e, só por falta de información facilitada pola empresa sobre o investimento realizado, acudirase á estimación indirecta a través da aplicación dos criterios fixados no denominado VURILA.

Ligazón á sentenza: https://www.poderjudicial.es/search/TS/openDocument/10e4b2afb0ca23e2a0a8778d75e36f0d/20250425