A hostalería e o comercio, claves na separación: case tres cuartas partes do contido do colector de resto deberon ir á reciclaxe
02/10/2026
Os establecementos comerciais e hostaleiros teñen un papel crucial e obrigatorio na xestión sostible dos residuos. Así o reflicten os resultados da última caracterización realizada polo persoal técnico da Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra o pasado 2 de setembro nun establecemento hostaleiro da Provincia de Pontevedra, onde se demostrou unha alarmante falta de separación na orixe.
O equipo técnico analizou o contido de dous colectores verdes de fracción resto (un total de 95,28 kg repartidos en 25 bolsas) co obxectivo de avaliar o grao de cumprimento na separación de residuos no sector comercial.
Un 75,8 % de residuos fóra de lugar
Os datos poñen de relevo a urxente necesidade de que o sector comercial se implique de forma activa na separación:
- Só o 21,6 % do peso total se correspondía realmente co "resto" (residuos sen posibilidade de recollida separada).
- O 75,8 % restante eran fraccións que se depositaron incorrectamente e que deberon ser introducidos nos seus respectivos colectores de recollida separada.
- O 2,6 % adicional correspondeuse con perdas de humidade durante a manipulación.
A fracción de biorresiduos foi a máis representada, xa que superou con creces o propio resto. Case 40 kg do total (un 41,9 %) eran restos de alimentos e materia orgánica que deberían ter rematado no colector marrón.
O resto do contido que se botou de forma incorrecta no colector verde distribuíuse da seguinte maneira:
- Envases: 19 %
- Papel e cartón: 9,5 %
- Vidro: 3,2 %
- Téxtil: 1,9 %
- Outros: pequenas cantidades de medicamentos (SIGRE), aparellos eléctricos (RAEE), pilas e metal.
Estes datos confirman a información observada durante as visitas realizadas polos axentes aos establecementos, e poñen de manifesto que os grandes xeradores, especialmente o sector hostaleiro e o comercial, deben asumir un compromiso firme e estrito coa separación en orixe. A presenza masiva de biorresiduos e envases no colector de resto non só obstaculiza os obxectivos de reciclaxe, senón que evidencia que o tecido comercial debe dar un paso adiante na xestión responsable dos seus residuos.
