Quen somos?
Obxectivos, misión, visión, valores e política de calidade
O Órgano de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais (ORAL) é o órgano desconcentrado sen personalidade xurídica que desenvolve as funcións de xestión catastral, censual, tributaria, inspectora, recadadora e de colaboración na xestión catastral e de recadación das sancións de tráfico e doutros ingresos públicos para as entidades locais que teñan delegadas de forma expresa as ditas funcións, de conformidade co disposto nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, ou se se lle son encomendadas, segundo o establecido no artigo 11 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Do mesmo xeito, tamén desenvolve as funcións de recadación e outras que lle sexan expresamente encargadas respecto dos recursos propios da Deputación.
O noso traballo persegue os seguintes obxectivos:
- A conformación e o mantemento actualizado dos padróns dos tributos municipais co alcance e coas condicións que se conveñan.
- A práctica de liquidacións para determinar as débedas tributarias e outros actos de xestión.
- A recadación en período voluntario e executivo de toda clase de tributos, así como doutros ingresos de dereito público.
- A inspección dos tributos locais.
- O asesoramento xurídico e económico en materia de xestión tributaria aos concellos cuxa xestión lles fose delegada.
- A colaboración na xestión catastral e na xestión do procedemento sancionador en materia de tráfico.
- A prestación de calquera outra actividade ou servizo necesario para a maior efectividade dos anteriores.
Así, cúmprese o establecido nos artigos 31, 36 e, especialmente, no artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e nos artigos do 113 ao 117 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Misión, visión e valores
Misión
A misión do ORAL consiste na xestión, inspección e recadación, por delegación daqueles concellos e doutros entes locais da provincia de Pontevedra que o desexen, dos ingresos públicos que permitan prestarlles ás persoas contribuíntes servizos públicos de calidade, impulsando a modernización da Administración local.
Visión
A visión do órgano é a de ser unha Administración moderna e eficaz, referente na xestión de tributos locais, próxima á cidadanía, co fin de asistir na prestación dos servizos de xestión da recadación tributaria, en período voluntario e executivo, así como de apoiar a xestión financeira dos concellos delegantes, especialmente daqueles con menos de 20.000 habitantes.
Valores
- Profesionalidade, imparcialidade e transparencia da xestión efectuada
- Seguridade e confidencialidade nas relacións coa cidadanía
- Eficacia e eficiencia na xestión
- Información continuada, clara e precisa
- Calidade, avaliada a través de diferentes indicadores, e implantación de medidas correctoras na liña da innovación tecnolóxica e da mellora continua
- Compromiso coa igualdade de oportunidades en materia de xénero
Política de calidade
O compromiso do ORAL é ofrecermos a máis ampla, eficaz e eficiente prestación de servizos, dirixidos a satisfacer as necesidades das persoas usuarias e entes delegantes, como resposta ao noso cometido e valores e ao propio cumprimento lexislativo como Administración pública.
Neste sentido, o noso labor céntrase en:
Maximizar as facilidades para cumprir de forma voluntaria as obrigas tributarias e o respecto polos dereitos e garantías das persoas contribuíntes, minimizando os custos indirectos da fiscalidade.
Comprometernos a mellorar de forma continua a calidade dos nosos servizos, coa implementación e fomento da innovación e o uso eficiente dos recursos.
Esta política de calidade ponse á disposición das partes interesadas, como referencia para orientar os obxectivos e lograr o desenvolvemento da actividade. Co propósito de informar adecuadamente o persoal e implicalo, estableceranse as canles de información necesarias, que facilitarán o entendemento dos obxectivos, políticas, estratexias e propósitos da organización.
¿Non atopas o que buscas? Chámanos ao 886 211 400/886 211 420 e te axudaremos a atopar a información que necesitas. Tamén podes mandarnos unha consulta por escrito a través do seguinte acceso: CONTACTA

