Actualidade tributaria: Posibilidade de apelación das sentenzas que declaren a inadmisión do recurso contencioso-administrativo aínda que a contía do preito non supere os 30.000 €
03/11/2025
En aplicación do artigo 81.2.a da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, o Tribunal Supremo (TS), na Sentenza 685/2025, de 4 de xuño, declara que son susceptibles de apelación as sentenzas dos xulgados do contencioso-administrativo que declaren a inadmisibilidade do recurso contencioso-administrativo, é dicir, que por calquera causa non se pronuncien sobre o fondo da controversia, mesmo cando a contía do procedemento non exceda de 30.000 euros. Isto con independencia de que esa contía sexa predicable de todas ou dalgunha das pretensións acumuladas en primeira instancia, isto é, que o obxecto do recurso sexa unha única liquidación que non exceda de 30.000 euros ou que, tratándose de varias liquidacións, en conxunto sumen máis de 30.000 euros pero que de xeito individual non alcancen esta contía.
O TS conclúe co acordo de retrotraer as actuacións ata o momento anterior ao sinalamento para a votación e fallo do recurso de apelación, para que o tribunal de instancia proceda sobre as cuestións formuladas no recurso de apelación.