Entra en vigor a reforma do Regulamento xeral de circulación para reforzar a protección das persoas usuarias vulnerables da vía

Real decreto 518/2026, de 24 de xuño, polo que se modifica o Regulamento xeral de circulación, aprobado polo Real decreto 1428/2003, de 21 de novembro, en materia de protección dos usuarios vulnerables da vía. BOE núm. 155, de 26 de xuño de 2026; entrada en vigor, o 1 de outubro de 2026.

20/11/2026

O 1 de outubro de 2026 entrou en vigor a reforma do Regulamento xeral de circulación introducida polo Real decreto 518/2026, coa finalidade de reforzar a seguridade das e dos usuarios vulnerables da vía e adaptar a normativa ás novas formas de mobilidade, especialmente no ámbito urbano.

A reforma incorpora por primeira vez unha definición de persoa usuaria vulnerable, que comprende peóns, ciclistas, persoas usuarias de vehículos de mobilidade persoal (VMP) e ocupantes de motocicletas e ciclomotores, e préstalles especial atención ás e aos menores, ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade. Así mesmo, introduce un novo título VI dedicado especificamente ás normas de circulación en vías urbanas.

Entre as principais novidades destacan as seguintes:

Vehículos de mobilidade persoal: establécese unha idade mínima de 15 anos para a súa condución e a obrigatoriedade do uso de casco de protección. Durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade, as persoas condutoras deberán utilizar elementos luminosos ou reflectores visibles a unha distancia mínima de 150 metros. O chaleco reflector de alta visibilidade será obrigatorio para quen utilice estes vehículos no desenvolvemento da súa actividade profesional. Así mesmo, a partir do 1 de outubro de 2027 será obrigatorio manter acesa a iluminación do vehículo tamén durante o día.

Bicicletas: elimínanse as exencións do uso do casco en vías interurbanas. Nos adiantamentos fóra de poboación deberá reducirse a velocidade, como mínimo, 20 km/h respecto do límite da vía e manter unha separación lateral de 1,5 metros, e será obrigatorio o cambio completo de carril cando exista máis dun carril por sentido. No ámbito urbano, establécese unha distancia de seguridade de cinco metros entre os vehículos a motor e as e os ciclistas que os precedan no mesmo carril.

Motocicletas e ciclomotores: establécese a obrigatoriedade de utilizar luvas de protección nas vías interurbanas e calzado pechado en todo tipo de vías, tanto para as persoas condutoras coma para as acompañantes. Así mesmo, permítese a circulación de motocicletas pola beiravía dereita en situacións de conxestión do tráfico, sempre que o tramo estea sinalizado e non se superen os 30 km/h.

Mobilidade urbana: refórzase a protección das peoas e peóns e a prioridade do uso peonil nas beirarrúas, e restrínxese a circulación e o estacionamento de vehículos sobre elas. Permítese que os concellos autoricen, mediante a correspondente sinalización, que as bicicletas circulen en sentido contrario ao establecido para o resto dos vehículos nas vías urbanas dun único carril con velocidade limitada a 30 km/h ou inferior. Ademais, regúlanse as áreas de prioridade residencial e introdúcense previsións relativas ás contornas escolares seguras e ás restricións de circulación por motivos ambientais.

Estas modificacións teñen especial incidencia nas competencias municipais en materia de ordenación e control do tráfico, polo que resultaría conveniente revisar a adecuación das ordenanzas municipais de circulación e mobilidade ás novas previsións regulamentarias.

Ligazóns de interese