As bases dunha convocatoria non poden alterar as competencias legalmente establecidas

Sentenza do Tribunal Supremo núm. 98/2026, de 3 de febreiro

23/03/2026

O litixio xorde a raíz da denegación dunha subvención ao Concello de Osuna por non achegar o acordo do Pleno municipal no que se aceptaban os compromisos derivados da axuda, malia que a solicitude fora formulada pola Alcaldía, órgano competente conforme a lexislación básica estatal.

A cuestión de interese casacional céntrase en determinar se as bases dunha convocatoria de subvencións poden esixir, como requisito para a súa concesión, o acordo do Pleno municipal no que se aceptan os compromisos derivados da subvención, cando a competencia para solicitala lle corresponde legalmente á Alcaldía.

O Tribunal Supremo (TS) parte dunha afirmación categórica: a competencia é irrenunciable e debe exercerse polo órgano que a teña atribuída legalmente. No ámbito local, os artigos 21 e 22 da Lei de bases do réxime local delimitan as competencias da alcaldesa ou alcalde e do Pleno. No caso axuizado, non se discutía que a competencia para solicitar a subvención lle correspondese á Alcaldía. A esixencia dun acordo plenario supoñía, na práctica, condicionar o exercicio dunha competencia legalmente atribuída a outro órgano.

O TS afirma que as bases dunha convocatoria non poden alterar o réxime competencial legalmente establecido nin esixir que unha solicitude sexa avalada por un órgano sen competencia para iso.

O Alto Tribunal rexeita a tese da Administración autonómica que diferenciaba entre competencias orgánicas e requisitos subxectivos para beneficiarse da subvención. Para o TS, esta distinción é artificial cando o requisito afecta directamente o exercicio dunha competencia legal. Permitilo implicaría que unha norma regulamentaria ou mesmo unha base administrativa puidese modificar indirectamente a repartición competencial fixada pola lei básica estatal.

Esta doutrina do TS evita a inseguridade xurídica que podería xerar o feito de que as bases dunha convocatoria alterasen o réxime competencial legalmente establecido e, por outra banda, pode interpretarse tamén como unha garantía da autonomía local.