Taxa de recollida de residuos: locais baleiros, substituto da persoa contribuínte e cálculo da cota

Subdirección Xeral de Tributos Locais (SXTL), consulta vinculante núm. 0290-26, de 12 de febreiro de 2026

08/06/2026

A SXTL analiza a aplicación da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos en oficinas, rochos e garaxes en alugueiro, mesmo cando permanecen baleiros ou desocupados. A consulta conclúe que a taxa é esixible sempre que o servizo municipal estea establecido e se preste con normalidade, independentemente do uso efectivo do inmoble.

Tamén aclara que as e os propietarios actúan como substitutos da persoa contribuínte, polo que o Concello debe dirixir contra elas e eles a liquidación e o cobro da taxa, aínda que lles poidan repercutir posteriormente o importe a quen ocupa o inmoble.

A SXTL lembra que as ordenanzas fiscais, ao regular os sistemas de pago por xeración, poderán diferenciar a parte fixa e a variable da taxa, o que inclúe as posibles bonificacións ou exclusións para inmobles baleiros, se así se regula expresamente.

Respecto da contía, admítese que os concellos utilicen criterios de capacidade económica, coma o valor catastral, sempre que exista xustificación técnico-económica e se respecte o custo real do servizo.

Finalmente, sublíñase que lles corresponde ás ordenanzas fiscais concretar os elementos esenciais da taxa e que estas poden ser impugnadas ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Ligazóns de interese