Alcance das funcións que pode asumir o persoal laboral nos procedementos de inspección tributaria
15/12/2025
A cuestión relativa á contratación de empresas externas para que colaboren na tramitación dos procedementos de inspección leva sendo obxecto dun amplo debate nos últimos anos. Tanto o Tribunal Supremo nas súas sentenzas coma a xurisprudencia menor deixan claro que esa colaboración é posible sempre que as empresas se limiten a realizar tarefas de colaboración que non impliquen exercicio de autoridade, unha competencia reservada ás funcionarias e funcionarios públicos.
As sentenzas máis recentes manifestan que a intervención material non pode ser tan intensa que desprace a Administración municipal do control efectivo do procedemento (STS 19/12/2024), e que o noso ordenamento xurídico esixe “o monopolio da actuación” do persoal funcionario competente no exercicio das funcións que implican o exercicio de potestades públicas, polo que este non pode ser substituído sen máis por terceiros alleos á función pública (TEAC 20/02/2025 sobre a base da STS 14/09/2020-recurso de casación 5442/2019).
Coa admisión deste novo recurso de casación o Alto Tribunal revisará e completará novamente a súa doutrina, e neste caso non se enfocará no persoal das empresas privadas, senón no persoal das administracións tributarias que ten a condición de persoal laboral e non de funcionario público.
Ligazón: https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/0e18aa88d84aa61ca0a8778d75e36f0d/20250918