Anulación parcial e conservación de actos

Único acordo de liquidación ou sanción que inclúe varios períodos: anúlanse só as liquidacións ou sancións dos períodos anulados. Principio de conservación de actos, Resolución do Tribunal Económico-Administrativo Central (TEAC), de 25 de marzo de 2026 (00/08105/2025/00/00)

25/05/2026

A resolución do TEAC ditada en unificación de criterio aborda a execución de resolucións ou sentenzas cando existe un único acordo sancionador (ou de liquidación) que engloba varios períodos impositivos e a consecuencia que iso ten na devindicación de xuros suspensivos.

O suposto xorde tras un procedemento inspector que abrangueu IRPF e IVE desde o 2009 ata o 2012 e un acordo sancionador multiperíodo do IRPF no mesmo período. Na vía revisora, producíronse pronunciamentos parciais: determinadas cuestións afectáronlles só a algúns exercicios (en particular, a anulación por prescrición dalgúns actos do 2009), mentres que outros períodos quedaron confirmados. A controversia céntrase en se, ao executarse a resolución ou sentenza, debe entenderse anulado todo o acordo sancionador por ser un documento único, ou se a anulación debe operar unicamente respecto do período afectado, mantendo vixentes as sancións correspondentes aos restantes exercicios.

O TEAC conclúe que, ao tratarse de actos multiperíodo, a estimación parcial debe interpretarse como unha estimación total respecto dos períodos afectados e unha desestimación total respecto dos demais. En consecuencia, na execución anúlanse exclusivamente as sancións ou liquidacións dos períodos anulados e consérvanse as restantes e aplícase o principio de conservación (artigo 66.3 do RXRVA) e a previsión regulamentaria que permite estes actos agregados (por exemplo, no artigo 176.3 da RXAT e no 22.4 do Regulamento xeral do réxime sancionador tributario).

Derivado do anterior, o TEAC fixa como criterio que, ao subsistiren as sancións dos períodos non afectados pola anulación, resulta procedente respecto delas a devindicación de xuros suspensivos, conforme ao réxime de suspensión de sancións e ao seu levantamento logo da finalización da vía revisora.