Estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública coñecen de cerca o labor estratéxico do ORAL
20/03/2026
Un grupo de alumnas e alumnos do grao en Dirección e Xestión Pública visitaron o pasado 12 de marzo as instalacións da Deputación de Pontevedra para reunirse, entre outros, con persoal técnico do ORAL, nunha xornada formativa deseñada para achegarlles a realidade da Administración tributaria local ás futuras e futuros profesionais do sector público.
As e os estudantes tiveron a oportunidade de profundar no modelo de funcionamento do organismo, así como na carteira de servizos que se lles prestan aos concellos e á cidadanía.
Durante a visita presentáronse os resultados do exercicio 2024 recollidos na memoria anual e explicáronse os piares operativos do organismo:
- Xestión e recadación: como se integran os procesos para optimizar os ingresos locais.
- Innovación tecnolóxica: o uso de ferramentas dixitais para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias.
- Atención cidadá: a importancia da transparencia e da proximidade na xestión de tributos.
