Interpretación xurisprudencial da confianza lexítima na actuación administrativa

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña núm. 370/2026, de 18 de febreiro

20/04/2026

A sala explica, en relación cos principios de boa fe e confianza lexítima, que esta só se vulnera cando a Administración realiza actuacións previas claras que xeran na cidadanía unha expectativa razoable de que actuará dunha determinada maneira e posteriormente adopta unha decisión contraditoria.

Para que exista esta protección é necesario que concorran signos externos inequívocos da Administración, unha expectativa lexítima da ou do administrado e unha actuación posterior incoherente ou sorprendente. No caso analizado, a sala considera que estes requisitos non se cumpren, porque a Administración lle notificou á persoa interesada a situación do vehículo, lle advertiu das consecuencias legais do abandono e tramitou o procedemento conforme á normativa aplicable.

Polo tanto, non se xerou ningunha expectativa fundada de que o Concello actuaría doutro xeito, nin existe contradición cos actos anteriores da Administración. En consecuencia, conclúese que non se vulnera o principio de confianza lexítima nin o de boa fe administrativa.