null Servizo de retirada de vehículos abandonados

Servizo de retirada de vehículos abandonados

Convenios cos concellos de Pontevedra cunha poboación inferior a 50.000 habitantes

A recollida de vehículos abandonados e a súa posterior xestión é unha competencia propia dos concellos de acordo co disposto, entre outros, no artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; no artigo 80 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no artigo 12 da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular; no artigo 9 da Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia; ou no artigo 106 do Real decreto lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.


Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra ten entre os seus fins garantir a prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal en todo o territorio da provincia, así como darlles soporte aos concellos na tramitación de procedementos administrativos e na realización de actividades materiais e de xestión, asumíndoas cando aqueles llas encomenden.

En relación co anterior, a Deputación de Pontevedra, consciente da problemática existente neste eido, prestou nestes últimos anos o servizo de retirada de vehículos abandonados nos concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior a 50.000 habitantes a través dunha empresa externa, previa adhesión dos concellos a este servizo mediante a subscrición do oportuno convenio de colaboración.