Compostaxe doméstica
Programa de compostaxe local
Revitaliza
Compostaxe doméstica
A compostaxe doméstica supón o aproveitamento dos biorresiduos ―restos de comida e vexetais― nun domicilio particular. Nas vivendas unifamiliares con horta ou xardín é a maneira de xestionar os biorresiduos máis eficaz e respectuosa co medio.
Calquera membro da familia pode encargarse de levar os restos ao seu composteiro e do mantemento deste (coa formación e co asesoramento das mestras e mestres composteiros), e así poder aproveitar o compost final na súa horta ou xardín.
A Deputación de Pontevedra ofrécelles aos concellos da provincia unha plataforma para almacenar os datos dos composteiros individuais repartidos no seus respectivos territorios e poder levar conta do seu bo uso.
Se che interesa compostar no teu fogar, consulta no teu Concello.
Para obter un bo compost, cómpre mesturar unha variedade de materiais orgánicos ou biorresiduos frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas trituradas ou partidas, follas secas...), que funcionan como estruturante.
- Unha vez instalado o composteiro, en primeiro lugar, hai que poñer unha base ou cama de material de tipo leñoso e seco (estruturante) duns 10cm de alto no fondo. A súa función será facilitar a aireación e a entrada de microorganismos.
- A continuación, vanse introducindo os nosos restos de cociña, horta e xardín. É aconsellable, cada vez que se achegue material fresco, engadir material seco para manter a humidade e permitir a circulación de aire no composteiro.
- Sempre que acheguemos novos restos é preciso remexer para mesturalos coa capa de material inmediatamente inferior e despois tapar con estruturante.
- Débese comprobar a humidade do noso composteiro para saber se é necesario regar ou engadir material seco.
- O compost retirarase pola parte inferior do composteiro.