Luis López sinala os programas provinciais SmartPeme, DemoDay, TurisTic ou os Premios á Xuventude como exemplos do apoio da Deputación ao emprendemento

O presidente provincial pecha a segunda edición da gala de emprendemento SmartPeme na que cinco empresas pontevedresas presentaron o seu innovador modelo de negocio

09/05/2024

Gala do emprendimento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou as actividades do programa SmartPeme, así como os Premios á Xuventude, o recoñecemento ás iniciativas empresarias dos estudantes de Formación profesional do DemoDay ou a aposta pola modernización do tecido empresarial do turismo coas xornadas TurisTic como mostra do compromiso do goberno provincial co emprendemento. Fíxoo durante a celebración da segunda edición da Gala de Emprendemento SmartPeme, que se celebrou esta tarde de xoves no Salón de Plenos do Pazo Provincial e no que se recoñeceu o mérito de cinco proxectos empresariais xurdidos na provincia. “Vexo tantas e tan boas iniciativas que non podo ser máis optimista polo prometedor futuro que ten a nosa provincia. Podo garantir que esta Deputación vai seguir tendendo pontes cos emprendedores e emprendedoras da nosa provincia”, afirmou o presidente López no peche da cerimonia.

A gala, conducida pola xornalista Belén Xestal e coa presenza como invitadas das empresarias fundadoras de Las Merceditas de Iria, Mercedes e Carmen Zaldívar; serviu para presentar as cinco empresas finalistas que competiron por un premio valorado en 3.000 euros para mellorar a súa formación. As cinco marcas foron seleccionadas polo xurado entre todas as empresas que participaron ao longo do curso nalgún dos obradoiros ou aceleradoras impulsadas desde SmartPeme, o programa de apoio ao emprendemento da Deputación de Pontevedra. Entre as preto de 500 empresas que participaron nalgunha actividade deste proxecto, foron preseleccionadas as trinta máis interesantes e destas, o xurado elixiu as cinco finalistas seguindo criterios relacionados coa súa innovadora idea de negocio, polo seu impacto social, polo crecemento experimentado desde o seu ingreso en SmartPeme.

As axencias de viaxe Galiwonders e Salmoira, a xestoría Ceogest, Musggo Yoga, que ofrece clases de ioga para todos os públicos; e Amarelas, que ofrece experiencias educativas ambientadas na natureza e o patrimonio da provincia; foron as cinco finalistas. Durante a gala e despois de ver un vídeo promocional de cada unha delas, os asistentes decidiron o gañador a través dun novidoso sistema de votación co seu móbil.

Despois de darlle aos asistentes a benvida á “casa de todos os pontevedreses e pontevedresas e, hoxe máis ca nunca, á casa do emprendemento”, Luis López felicitou aos emprendedores polo seu labor. “Quero darvos os parabéns pola vosa valentía para lanzarvos coa vosa idea a un mercado tan global e competitivo, pola vosa confianza para apostar por un proxecto empresarial propio, diferente e innovador; e por poñer á disposición dun ben común, construír unha provincia máis forte, o voso talento, o voso tempo e o voso patrimonio”, recoñeceu.

Luis López destacou a capacidade da cidadanía pontevedresa para emprender. “Vivimos nunha provincia que é pequena en extensión, pero que conta cunha enorme capacidade emprendedora. Aló onde pousamos a mirada, vemos un pontevedrés ou unha pontevedresa poñendo en marcha un negocio”, subliñou para reafirmar o apoio do seu goberno ao tecido empresarial. “Se todos vós apostades pola nosa provincia, nós como Deputación apostamos polos emprendedores”, confesou. “Fronte esas voces que falan dun sector privado inimigo do público, fronte eses pensamentos que critican aos emprendedores ou fronte esa visión das empresas como contrarias do benestar colectivo. Esta Deputación di un si ben claro a recoñecer a importancia do tecido empresarial para o progreso da nosa economía, a apoiar o emprendemento como o camiño cara a innovación e modernización dos nosos servizos e a escoitar a voz dos nosos profesionais para afrontar con vantaxe os retos colectivos que temos por diante”, puntualizou o mandatario provincial.

Finalmente, o presidente da Deputación referiuse á filosofía do goberno provincial de colaborar con todos os estamentos da sociedade a prol da veciñanza e do progreso da provincia. “Esta gala é un exemplo claro de que a Deputación e os emprendedores da provincia camiñamos xuntos”, concluíu Luis López. 

Galerias de imagenes