A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo domingo, 5 de maio, no Palacete das Mendoza a exposición “Cor e vida” da pintora Soco Vara de Rey

A mostra da artista pontevedresa recompila as súas pinturas na busca da cor e “da forma do meu verdadeiro eu”

28/04/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo domingo, 5 de maio, na sede de Turismo Rías Baixas, a exposición “Color y vida”, da pintora Soco Vara de Rey. A mostra da artista pontevedresa, que se pode visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, recompila as súas pinturas na busca da cor e “da forma do meu verdadeiro eu”.

Como explica a propia artista, a súa obra actual xorde tras un período de cinco anos sen pintar. Un cambio na súa vida impulsouna a retomar os pinceis e encher os seus cadros de cores. Desta maneira, para crear as súas obras prepara o soporte cunha base de cor e despois “deixa fluír” o pincel ao ritmo da súa imaxinación e sentimento, algo que se pode observar en cada  un dos cadros da mostra.

Soco Vara de Rey (Pontevedra, 1948) comezou a pintar de maneira autodidacta en 1970, aprendendo en Bilbao, onde residía, cos pintores Carmelo Bilbao e Consol Xiberta. Posteriormente, ao longo dos anos formouse con artistas como Eduardo Peña ou Enrique González, en Madrid, se ben tamén realizou diferentes cursos en Pakistán ou Viena, lugares nos que viviu en diferentes épocas da súa vida. Ten realizado exposicións, tanto individuais como colectivas, en Madrid, Viena, Asturias, Lugo, Valladolid, Barcelona, Mallorca ou Pakistán.

A exposición “Color y vida”, que acolle o Palacete das Mendoza ata o 5 de maio, pode visitarse de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e domingo de 10:00 a 14:00 horas.

 

documentos