#ADEPUTACIÓNDEPONTEVEDRA

Política de Calidade

O sector público, en xeral, e a Administración local, en particular, deben estar próximos ás inquedanzas da cidadanía e responder con prontitude e dilixencia ás súas necesidades. A implantación de sistemas de calidade na xestión permite acadar este obxectivo, de xeito que se consegue unha maior satisfacción dos usuarios e usuarias e, ao mesmo tempo, se optimizan os recursos empregados e se mellora a eficiencia.


As administracións realizaron un achegamento ás ferramentas de calidade, tendo como referencia a consideración do cidadán como "cliente" receptor dos servizos que prestan. Esta aproximación produciuse desde diferentes enfoques, coa aplicación de autoavaliacións, cartas de servizos e xestión de indicadores.

A política de calidade da Deputación de Pontevedra esténdese a diferentes servizos e departamentos e é obxecto de revisión periódica para asegurar a súa adecuación aos obxectivos pretendidos.

Estación Fitopatolóxica Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro ten por obxectivo prioritario mellorar continuamente a calidade dos servizos prestados aos clientes. Por iso, adaptou o seu funcionamento aos requisitos que establece a norma de xestión de calidade UNE-EN ISO 9001 e obtivo o recoñecemento externo da adecuada xestión da calidade do seu laboratorio por parte dunha entidade de certificación de calidade (concretamente AENOR).

Na actualidade a Estación Fitopatolóxica Areeiro está certificada para realizar as seguintes actividades desenvolvidas no laboratorio:

  • Detección e identificación de fungos fitopatóxenos e fitoplasmas por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación).
  • Análises físico-químicas en kiwi (dureza, tamaño, sólidos solubles, amidón, acidez total e porcentaxe de materia seca).
  • Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
  • Detección de virus (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV; GFKV) e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa, da vide, e Xylella fastidiosa, de leñosas e ornamentais pola técnica ELISA.
  • Análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica e fósforo).

Certificado de sistema de xestión da calidade

Certificado IQNet

Finca Mouriscade

A presidencia da Deputación de Pontevedra xunto coa Dirección da Finca Mouriscade son conscientes das novas regras de competencia técnica que se van introducindo para os laboratorios de ensaios e por iso queren pór de manifesto o seu compromiso de enfocar todos os esforzos para mellorar a calidade dos servizos prestados pola Finca Mouriscade, co fin de traballar a un nivel no que a competencia técnica sexa recoñecida por un organismo acreditador.

Para iso a Deputación de Pontevedra e a Finca Mouriscade establecen como obxectivos:

  • Asegurar que os ensaios se realicen segundo os métodos establecidos e as especificacións que os clientes establezan.
  • Asegurar a formación continua do persoal do laboratorio tanto en materia de ensaios coma en materia de calidade.
  • Asegurar que todos os ensaios que se realicen se atopen sometidos a un rigoroso control de calidade que garanta a súa fiabilidade.
  • Satisfacer as necesidades dos nosos clientes, das autoridades reguladoras ou das organizacións encargadas do recoñecemento do laboratorio.
  • Mellorar o servizo prestado ós nosos clientes.

Para cumprir os obxectivos establecidos comprométense a:

  • Cumprir os requisitos da norma internacional ISO/IEC1 17.025.
  • Asegurar que o laboratorio siga unhas boas prácticas profesionais.
  • Asegurar o adecuado nivel do traballo do laboratorio para garantir a satisfacción dos nosos clientes e a calidade dos ensaios realizados.
  • Promover a adquisición dos recursos materiais e humanos que sexan necesarios para a consecución do mencionado obxectivo.

A calidade é un propósito e unha responsabilidade de todo o persoal do laboratorio. Por iso establecemos como requisito imprescindible para a consecución desta política que todo o persoal se familiarice coa documentación sobre a calidade e poña en práctica, no seu traballo diario, os procedementos establecidos.

A presidencia da Deputación delega na Dirección da Finca Mouriscade a responsabilidade de implantar o sistema de calidade e encoméndalle a persoa responsable de Calidade a tarefa de supervisar a eficacia e implantación do Sistema da Calidade e de garantir que se implante e aplique en todo momento.

Certificados

Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra aposta por alcanzar a excelencia dos seus servizos e unha oferta cultural de calidade. Para iso, a formación continua do seu persoal, a mellora das súas instalacións e a creación de novas narrativas a través das súas coleccións son tres claves importantes na súa procura dun museo social, inclusivo e transformador.

O principal obxectivo de todo o persoal do Museo e moi especialmente do Departamento da Avaliación da Calidade é realizar un seguimento e unha análise global de toda a actividade museística e do seu impacto para poder avaliar as súas fortalezas e debilidades e actuar en consecuencia en prol dunha progresiva mellora; todo isto baixo o rigor do cumprimento da normativa vixente en temas de calidade turística, coma a recollida na Carta Internacional sobre Turismo Cultural do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (1999) e a Norma 302002:2018 de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española.

A política de calidade do Museo adopta os seguintes compromisos:

  • Establecer a calidade e a sostibilidade como elementos vertebradores do seu proxecto, así como informar e valorar as cuestións ambientais e socioculturais que inflúan no seu devir
  • Aliñar as distintas actividades do Museo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para contribuír, na medida do posible, a acadar a Axenda 2030
  • Considerar "a mellora continua" un obxectivo permanente e implicar o público e a todo o persoal do Museo
  • Potenciar a formación continua de todo o persoal do Museo co obxectivo de asegurar a máxima calidade no servizo á cidadanía
  • Valorar o impacto da dixitalización nos museos e ofrecer novas formas de ver e gozar das súas coleccións de maneira complementaria á tradicional
  • Analizar as demandas culturais e de lecer da sociedade e adoptar medidas que optimicen a participación cidadá e se axusten ás súas necesidades
  • Elaborar proxectos orientados á comunidade ao apostar pola integración social e colaborar con diferentes colectivos, urbanos e rurais, no deseño da programación educativa e cultural: asociacións, público escolar, artistas…
  • Favorecer o tecido empresarial comunitario ao integrar de forma complementaria ás nosas actividades outras xeradas por empresas, asociacións e institucións da cidade e da contorna
  • Realizar de forma periódica estudos de público, tanto a nivel cuantitativo coma cualitativo, que permitan mellorar os servizos
  • Poñer énfase na prevención para evitar posibles erros de xestión
  • Mellorar a imaxe institucional cara a un criterio de unidade

Certificado "S" de Sostibilidad

Certificado "Q" de Calidade

Política de calidade 

ORAL

O ORAL é o órgano desconcentrado da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar cos concellos na xestión, inspección e recadación dos tributos locais e outros ingresos de dereito público delegados nesta institución provincial, así como de facilitarlle á cidadanía destes concellos o cumprimento puntual das obrigas derivadas da imposición dos tributos locais e dos ingresos que xestiona por delegación.

O compromiso do ORAL é ofrecer a máis ampla, eficaz e eficiente prestación de servizos para satisfacer as necesidades das persoas usuarias e entes delegantes, como resposta tanto aos valores e á misión do organismo coma ao propio cumprimento lexislativo como Administración pública.

Neste sentido, a nosa misión céntrase en:

  • Maximizar as facilidades no cumprimento voluntario das obrigas tributarias, respectando os dereitos e garantías das persoas contribuíntes e minimizando os custos indirectos da fiscalidade.
  • Mellorar, de forma continua, a calidade dos servizos e favorecer e promover a innovación e a eficiencia no uso dos recursos.

Esta política de calidade ponse ao dispor das partes interesadas e serve de referencia para orientar os obxectivos cara ao logro do desenvolvemento da actividade. Co propósito de informar axeitadamente o persoal e implicalo, estableceranse as canles de información necesarias para facilitar o entendemento dos obxectivos, políticas, estratexias e propósitos da organización.

Certificado

Turismo Rías Baixas

Turismo Rías Baixas entende a calidade como o conxunto de características do servizo que realiza e que lle confiren a súa aptitude para satisfacer as necesidades da ou do usuario.

O principal obxectivo dos servizos de atención de Turismo Rías Baixas é facer da calidade un elemento básico na cultura do destino Rías Baixas, implicando para iso a todo o persoal afectado no cumprimento dos requisitos do Sistema de Calidade da norma UNE-ISO 14785: 2015 de Oficinas de información turística, asegurando unha mellora continua e a satisfacción da ou do turista.

Por iso, a Ordenanza reguladora da creación da rede de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS, segue as pautas da norma UNE-ISO 14785 e trata de coordinar e impulsar accións de promoción do destino Rías Baixas, apostando por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, formación e información do persoal implicado, unha imaxe integrada e unhas características homoxéneas.

As políticas de calidade de Turismo Rías Baixas partes dos seguintes puntos:

  • A CALIDADE é a sensación de satisfacción de calquera cliente, en relación do que obtén polo que custa conseguilo
  • A CALIDADE é o resultado dun estado de ánimo e de ilusión que é necesario manter e mellorar
  • A CALIDADE constrúese con tempo, paciencia, constancia, vigor e con moitísimas ganas de alcanzar ese nivel
  • A xestión da CALIDADE depende da CALIDADE da ou do xestor do punto de información turística e do destino en xeral
  • A CALIDADE é asunto de todas e todos, asocia a quen ten algo que ofrecer con quen ten algo que comprar
  • A organización do traballo e a motivación detrás dela é máis positiva para a CALIDADE que a multiplicación dos controis
  • As suxestións do propio persoal son un dos maiores recursos de Turismo Rías Baixas para mellorar a CALIDADE do noso destino
  • O xuíz supremo da CALIDADE en destino é a ou o turista que nos visita

Certificado