#TRANSPARENCIA

Canle interna de información sobre infraccións normativas e loita contra a corrupción

A colaboración cidadá resulta indispensable para a eficacia do Dereito, que non só se materializa no correcto cumprimento das obrigas que a cadaquén lle corresponden, coa suxeición de todos os poderes públicos e da cidadanía á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico (artigo 9.1 da Constitución española), senón que tamén se estende ao compromiso colectivo para o bo funcionamento das institucións públicas e privadas.


A canle interna de información da Deputación de Pontevedra permítelle a calquera persoa empregada pública dela e á cidadanía poñer en coñecemento accións ou condutas do persoal ou dos órganos da institución provincial que poidan constituír incumprimentos normativos, fraude ou calquera tipo de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave. En todo caso, entenderase comprendida toda vulneración das normas que implique o quebranto económico para a facenda pública e para a seguridade social.

Modalidades de comunicación
A comunicación realizarase a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra e estruturarase en dúas modalidades:

  • Modalidade anónima, na que non se necesita a identificación da persoa informante, de xeito que o órgano responsable da súa xestión non coñeza a súa identidade en ningún momento.
  • Modalidade nominativa, na que é precisa a identificación da persoa informante, para que o órgano xestor coñeza a súa identidade e os seus datos de contacto e notificación. Nesta modalidade poderase manter a comunicación coa persoa informante para os efectos de solicitarlle, de ser necesario, que aclare ou amplíe a información, e comunicarlle o tratamento dado á súa información, agás que renunciase expresamente a recibir comunicacións do responsable do sistema. Non obstante, garantirase a súa confidencialidade.

Na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), aplicable con carácter básico a todos os procedementos administrativos, establécese que toda comunicación de feitos que poidan constituír unha infracción deberá considerarse como unha denuncia (artigo 62.1). Ademais, debe terse en conta que a persoa que informa da existencia dunha infracción penal ou administrativa non ten a condición de interesada, senón de colaboradora da Administración. Así, as investigacións levadas a cabo tanto no marco do sistema interno de información da Deputación de Pontevedra (sector público) coma no marco do procedemento que desenvolve a Autoridade Independente de Protección do Informante inícianse sempre de oficio e de conformidade co procedemento establecido na LPACAP.
Normativa reguladora

  • Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión
  • Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción
  • Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais