A Deputación revalida a súa aposta pola biodiversidade e o sector primario na presentación do “Catálogo das coleccións vexetais da Misión Biolóxica de Galicia”

Carmela Silva: “Temos un firme compromiso coa ciencia e investigación vinculada á biodiversidade e ao sector agrogandeiro. Síntome moi orgullosa de que sexa así e demando máis capacidade do mundo local para aportar recursos á ciencia”

05/04/2022

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o delegado do CSIC en Galicia, Javier Rey, e Elena Cartea e Estefanía Suárez, coautoras do “Catálogo das coleccións vexetais da Misión Biolóxica de Galicia”, presentaron hoxe este volume, froito das investigacións realizadas no marco do convenio coa institución, nun salón de plenos ateigado de persoas do mundo da investigación, do CSIC, da propia Misión Biolóxica e de cooperativas agrarias e empresas vinculadas ao sector primario. Carmela Silva aproveitou a ocasión para amosar o “firme compromiso coa ciencia e investigación vinculada á biodiversidade e ao sector agrogandeiro” e para reclamar “máis capacidade do mundo local para aportar recursos á ciencia, innovación e investigación”.

O “Catálogo das coleccións vexetais locais da Misión Biolóxica de Galicia” amosa os principais resultados dos traballos sobre a conservación, manexo e emprego de biodiversidade de variedades locais de cultivos galegos e constitúe un documento de grande valor para empresas, persoas produtoras e público en xeral. Entre outras cuestións, presenta, tal e como detallou Estefanía Suárez información sobre o millo, as coles, as xudías, os chícharos, a vide, a oliveira e as rosas, incluídas nos bancos de xermoplasma da Misión Biolóxica e nas coleccións vexetais en campo, explicando a súa orixe, historia e usos, realizando unha descrición dos mesmos, das súas áreas de cultivo, floración e variedades, así como os seus aproveitamentos hortícolas, os períodos de semente e colleita, os ciclos de produción e valor nutricional.

“Esta administración, este goberno, somos xente que pretendemos ser intelixentes e por  iso traballamos co CSIC e coa Misión Biolóxica de Galicia, para beber dos seus coñecementos, tomar decisións intelixentes e investir os recursos públicos en cuestións transformadoras”, asegurou Carmela Silva. Para a presidenta é fundamental investir en biodiversidade, porque “é o que vai facer que poidamos manter un sector agrogandeiro potente”, e en ciencia, xa que “sen ela non hai futuro e, temos que telo claro, esta publicación serve para ter coñecemento, pero sobre todo para poder mellorar a nosa contorna que é tan potente e ten tanto futuro”. Enxalzou o “Catálogo das coleccións vexetais”, publicación que “comparte coñecemento, o único que nos permite dar resposta a tantos retos complexos que temos” e que o fai ademais “atendendo á biodiversidade de variedades locais de cultivos galegos”. A presidenta provincial aproveitou a ocasión para reclamar a necesidade de “cambiar o mundo” e alertou de que “non temos moito tempo, por iso hai que apoiar á ciencia, á investigación e á innovación”. Amais subliñou a importancia de “apostar moi seriamente pola biodiversidade, xa que se non coidamos a nosa contorna imos ter problemas gravísimos que non remataron coa covid-19”, e afondou nas cuestións que a pandemia ten posto en valor, como o carácter imprescindible da ciencia, “que salva a humanidade”, a necesidade de preservar a biodiversidade ou a necesidade de garantir a suficiencia alimentaria.

Pola súa banda, o delegado do CSIC en Galicia, Javier Rey, remarcou o compromiso e apoio da Deputación á Misión Biolóxica de Galicia. Para o científico, a publicación que se vén de presentar é froito “de moitos anos de recolección de variedades vexeitais” e “achega ao público un traballo científico que en  moitas ocasións permanece hermético”. Tamén salientou o “papel moi útil” do catálogo para “descubrir moitas variedades, máis agora que se promove tanto a economía de quilómetro cero”. Na mesma liña se pronunciou a directora da Misión Biolóxica de Galicia e coeditora de “Catálogo das coleccións vexetais locais da Misión Biolóxica de Galicia”, Elena Cartea, que enxalzou a importancia desta publicación xa que “para achegar o que facemos ao gran público, que saiban o que temos, que cultivos estudamos e conservamos”.

Novo convenio entre a Deputación e o CSIC

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén informou que vén de asinar un novo convenio co CSIC a través da Misión Biolóxica de Galicia que permitirá estudar neste 2022 os usos alternativos dos sistemas agroforestais na provincia, que ben poden destinarse a cubrir necesidades realizadas coa alimentación, a vivenda, a hixiene ou a cultura, así como para xerar enerxía mediante a combustión da biomasa. Así, mediante este proxecto afondarase na obtención de novos produtos cun alto valor engadido e de maior calidade, de acordo ás necesidades dos mercados e das persoas consumidoras .

“Temos moitas expectativas postas neste novo convenio, porque se trata de investigar os usos alternativos dos cultivos agroforestais introducindo na súa xestión os conceptos de sostibilidade, bioeconomía e respecto á biodiversidade”, manifestou a presidenta. Para Carmela Silva “somos unha potencia agroforestal que temos moita capacidade de futuro e moitos usos diversos que non soamente poden ser a industria madereira por iso é necesario analizar novos usos que nos permitan ter unha fonte de riqueza mantendo a biodiversidade dos nosos bosques e montes”. Neste eido, adiantou que, entre outras cuestións, vaise estudar o aproveitamento dos residuos da vide ou das resinas dos pinos, obter novos cultivos de brásicas, seleccionar variedades de millo de alta calidade ou diferentes cultivos de leguminosas facendo máis sostible, ademais, o sistema agroforestal da provincia de Pontevedra.

Galerias de imaxes

videos

audios