
#IGUALDADE
365 DÍAS-365 MULLERES
EDICIÓN 2022 - 2023
A Deputación de Pontevedra quere visibilizar a pegada das mulleres ao longo da historia, o seu legado no avance da sociedade actual.
E con este obxectivo pon en marcha o proxecto "365 días-365 mulleres", unha recompilación con referentes femininos de todos os tempos e de moi diversos ámbitos para poñer en valor e visibilizar as súas achegas, determinantes para o desenvolvemento da cultura, da ciencia, da literatura, da economía ou da música.
Pioneiras do feminismo, escritoras, investigadoras, xornalistas, filósofas, cineastas, científicas, deportistas ou artistas daranse cita cada día durante o próximo ano no noso calendario.
Reivindicar a pegada das mulleres e a súa contribución real ao longo da historia é fundamental para construírmos un futuro máis xusto e igualitario.
2022 - 2023
Marzo

09 de marzo
Annette Kellermann

10 de marzo
Ruth Bader Ginsburg
Día Internacional das Xuízas

11 de marzo
Rosi Braidotti

12 de marzo
Silvia Federici

13 de marzo
Ana Requena Aguilar

14 de marzo
María Luisa Posada Kubissa

15 de marzo
Altamira Gonzalo Valgañón

16 de marzo
Ana Tijoux

17 de marzo
Waris Dirie

18 de marzo
Rozalén

19 de marzo
Manuela Camino López
Día Nacional do Transplante

20 de marzo
Sandra Rodríguez Perales

21 de marzo
Xohana Torres
Día Mundial da Poesía

22 de marzo
Sonia Rubio Hernando
Día Mundial da Auga

23 de marzo
Whitney Houston

24 de marzo
Brie Larson

25 de marzo
Lucy Stone

26 de marzo
Mar Asunción Higueras
Hora Mundial do Planeta-WWF e Día Mundial do Clima

27 de marzo
Margarita Ramón Borja-Berenguer
Día Mundial do Teatro

28 de marzo
Dolors Monserdà i Vidal

29 de marzo
Nuria Varela Menéndez

30 de marzo
Selma James

31 de marzo
Julia Peguero
Abril

01 de abril
María Dolores Díaz Baliño
Día das Artes Galegas

02 de abril
Astrid Lindgren
Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

03 de abril
Márcia Cristina Bernardes Barbosa

04 de abril
Blanca Fernández Viguera

05 de abril
Marisa Kohana

06 de abril
Susan Sarandon

07 de abril
María Dolores Varela Costa
Día Mundial da Saúde

08 de abril
Élida Alfaro Gandarillas

09 de abril
Oliva Pérez Arauna

10 de abril
Cecilia Barriga

11 de abril
Karen Uhlenbeck

12 de abril
Luz Martínez Ten
Día Europeo da Igualdade Salarial, proclamado por BPW Europa

13 de abril
Carme Freixa Zurita

14 de abril
Antía Jácome Couto

15 de abril
Margarita Aizpuru Domínguez
Día Mundial da Arte

16 de abril
Susana Pérez Iglesias
Día Mundial do Emprendemento

17 de abril
María Espinosa de los Monteros Díaz

18 de abril
María de Maeztu y Whitney

19 de abril
Mar Esquembre Cerdá

20 de abril
Angiola Bonanni

21 de abril
Maria E. Beasley

22 de abril
Rachel Carson
Día Internacional da Terra Nai

23 de abril
Arantza Portabales Santomé
Día do Libro

24 de abril
Carmen Castro García

25 de abril
Mercedes Peón

26 de abril
Penélope Cruz

27 de abril
Susan Kare
Día Internacional do Deseño Gráfico

28 de abril
Doreen Bogdan-Martin
Día Internacional das Nenas nas TIC

29 de abril
Rosie Kay
Día Internacional da Danza

30 de abril
Ella Jane Fitzgerald
Día Internacional do Jazz
Maio

01 de maio
Mary Macarthur
Día Internacional do Traballo

02 de maio
María Xosé Silvar

03 de maio
Gabriela Cañas
Día Mundial da Liberdade de Prensa

04 de maio
Rosa Cobo Bedía

05 de maio
Aleksandra Shevchenko

06 de maio
Yolanda Domínguez

7 de maio
Karen DeCrow

8 de maio
África González

9 de maio
Nilde Iotti
Día de Europa

10 de maio
Sofía Toro

11 de maio
Blanca Berlín Miravete

12 de maio
Teresa Fernández-Valdés

13 de maio
Almudena Bernabéu

14 de maio
Placeres Castellanos

15 de maio
Judith Rodríguez

16 de maio
Emily Greene Balch
Día Internacional da Convivencia en Paz

17 de maio
Bea Johnson
Día Mundial da Reciclaxe

18 de maio
Gloria Moure
Día Internacional dos Museos

19 de maio
Violeta Mosquera

20 de maio
Letitia Mumford Geer

21 de maio
Carlota Álvarez Basso

22 de maio
Elena Pita
Día Internacional da Diversidade Biolóxica

23 de maio
Semíramis González Fernández

24 de maio
Alva Myrdal
Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme

25 de maio
Kizzmekia "Kizzy" Shanta Corbett

26 de maio
Jameela Alia Jamil
Annette Kellermann

Annette Kellermann foi unha muller polifacética que destacou en moitas das súas actividades: nadadora profesional, estrela de cine, escritora e empresaria. Foi unha das primeiras mulleres en usar o traxe de baño dunha soa peza, en lugar das enaguas que ata entón lles estaban permitidas.
Este desafío aos costumes sociais de comezos do século XX valeulle unha detención e inspirouna para deseñar a súa propia liña de roupa. As entón denominadas Annette Kellermans foron un primeiro paso para a fabricación de roupa de baño feminina moderna. Está acreditada como a inventora da natación sincronizada no ano 1907.
Nada en Sidney en 1887, Kellermann comezou a nadar moi nova para superar un problema físico nas pernas. En 1902 gañou os campionatos femininos de Natación de 100 Iardas e 1 Milla, en Nova Gales do Sur, nos que bateu todos os récords. En 1905, con 19 anos, foi unha das primeiras mulleres en intentar cruzar a canle da Mancha.
En 1916 Kellermann converteuse na primeira actriz importante en facer unha escena espida na película Daughter of the Gods. A gran colección de traxes e de recordos teatrais de Kellermann legáronlla á Ópera de Sidney.
Foi unha defensora da saúde, do exercicio e da beleza natural ao longo de toda a súa vida, e publicou numerosos artigos en revistas e varios libros, entre eles Como nadar (1918) e un libro de contos infantís titulado Contos de fadas dos mares do sur (1926).
Ruth Bader Ginsburg

Ruth Bader Ginsburg foi xuíza do Tribunal Supremo dos EE. UU. ata o seu falecemento en 2020. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís. É unha auténtica lenda polo seu traballo na defensa da xustiza social e na loita pola igualdade legal de xénero, o que a converteu en toda unha icona do feminismo.
Nada en Brooklyn en 1933, Bader estudou Dereito na Universidade de Columbia e exerceu como profesora na Universidade Rutgers, coa que litigou para obter o mesmo salario que os seus compañeiros varóns. Despois de trece anos como xuíza do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, Bill Clinton propúxoa para o Tribunal Supremo, onde votou en contra da pena capital e a favor dos dereitos das e dos homosexuais.
A segunda muller en ser nomeada á Corte Suprema dos EE. UU. converteuse nunha celebridade e consolidouse, co paso dos anos, como unha das voces máis progresistas da xudicatura do país. A súa actitude foi sempre a favor dos dereitos das mulleres, pero tamén a favor da regulación da inmigración, do aborto seguro ou do matrimonio igualitario.
As súas opinións disidentes convertérona nunha referente para as xeracións máis novas, que a apodaron “Notorious R. B. G.” e a transformaron en toda unha icona da cultura popular. Está considerada como un símbolo da resistencia pública e da xustiza social.
O seu falecemento ocasionou un enorme impacto emocional na sociedade estadounidense. Recibiu o premio World Peace & Liberty Award en recoñecemento á súa independencia xudicial e ao seu legado a favor das liberdades civís.
Rosi Braidotti

Nada en Italia en 1954, a traxectoria vital da filósofa e teórica feminista Rosi Braidotti pasa por Australia e Francia, onde se doutorou en Filosofía na Sorbona, antes de instalarse en Holanda, onde exerce como catedrática do Departamento de Estudos da Muller da Universidade de Utrecht. Algunhas das súas publicacións máis recoñecidas, coma Sujetos nómades ou Metamorphoses. Hacia una teoría materialista del devenir (2005), están consideradas fundamentais na filosofía contemporánea.
A súa é unha vida dedicada á filosofía como disciplina crítica baseada na teoría e na práctica feministas. Foi directora da Escola de Investigación de Estudos da Muller dos Países Baixos (1995-2005) e ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios e distincións, coma a mención Real Knightood dos Países Baixos, a medalla da Universidade de Lodz (Polonia), o doutoramento honoris causa da Universidade de Linköping (Suecia) e o da Universidade de Helsinqui. Ademais, é socia honorífica da Academia Australiana das Humanidades e recibiu o Premio Erasmus da Comisión Europea (2010).
Braidotti pertence á chamada "segunda xeración" de teóricas da diferenza sexual e ten unha conciencia máis aguda das complexidades relativas á construción da categoría de muller. As súas publicacións sitúanse dentro da filosofía continental, na intersección coa teoría social e a política, a política cultural, o xénero, os estudos étnicos e a teoría feminista.
Braidotti é pioneira nos estudos europeos das mulleres: funda a rede interuniversitaria Sócrates Noise e a Rede Temática de Estudos da Muller Athena. Na súa obra O posthumano, a filósofa suxire que cómpre derrubar a concepción da subxectividade antropocéntrica eurocentrista, branca e masculina, co fin de romper coas tendencias máis antidemocráticas, que se manifestan no mundo occidental en forma de exclusións sociais.
Silvia Federici

Silvia Federici converteuse nunha das teóricas máis recoñecidas do feminismo anticapitalista. Nada en Parma (Italia) en 1942, esta escritora, profesora e activista feminista chega á conclusión de que o traballo reprodutivo e de coidados que fan gratis as mulleres é a base sobre a que se sostén o capitalismo. Analiza o traballo asalariado e reprodutivo desde unha perspectiva de xénero e denuncia que o corpo das mulleres é a última fronteira do capitalismo.
Federici criouse en Italia e nos anos sesenta mudouse aos EUA para estudar Filosofía na Universidade de Buffalo. Na década dos setenta foi unha das impulsoras das campañas que comezaron a reivindicar un salario para o traballo doméstico realizado polas mulleres sen ningunha retribución nin recoñecemento como demanda da economía feminista.
Leva máis de trinta anos estudando os acontecementos históricos que deron lugar á explotación social e económica das mulleres. No seu libro Calibán y la bruja (2010) pon o foco na transición do feudalismo ao capitalismo, onde se forxou de forma máis evidente a división sexual do traballo.
Cunha longa traxectoria de activismo e reflexión, a vida de Federici percorre os axitados anos da revolta en Italia, as campañas polo salario doméstico en Nova York, a loita contra os plans de axuste estrutural en África, a crítica ao proceso de globalización capitalista e o ciclo de loitas que desembocou na última onda feminista.
Entre as súas obras destacan, ademais de Calibán e a bruxa, Revolución en punto cero (2013), O patriarcado do salario (2018) e Reencantar o mundo. O feminismo e a política dos comúns (2020).
Ana Requena Aguilar

Ana Requena Aguilar é unha xornalista nada en Madrid en 1984 que actualmente exerce como redactora xefa de Xénero en eldiario.es. Pasou a formar parte do equipo fundador do xornal en 2012 e especializouse en dereitos laborais, coidados e mercado de traballo, feminismo, conciliación e violencia machista.
No ano 2014 realizou unha contribución fundamental para reactivar o debate sobre a necesidade de erradicar costumes patriarcais herdadas ao fundar a sección “Micromachismos”, un espazo de denuncia e divulgación polo que recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio de Comunicación non Sexista 2015 da Asociación de Mulleres Xornalistas de Cataluña, o galardón Imparables de Castela-A Mancha pola súa contribución á igualdade nos medios e o Premio Pilar Blanco á Comunicación Sociolaboral.
Escribiu crónicas e reportaxes sobre explotación sexual, a violencia contra as mulleres en Bangladesh, os feminicidios en México, a violencia de xénero en Gaza e o terrorismo machista en España. Tamén participou en campañas de concienciación e grupos de traballo, coma o organizado por Oxfam Intermón no Congreso de Xornalismos Dixital de Huesca en 2017 sobre o tratamento das violencias contra as mulleres nos medios.
Requena foi parte importante do movemento Las Periodistas Paramos, que en 2018 impulsou a primeira folga feminista. É coautora do libro Las voces del 15M (2011) e autora de Cómo identificar los micromachismos (2018) e de Feminismo vibrante. Si no hay placer no es nuestra revolución (2020), o seu último traballo e no que reivindica o pracer como eixe dun feminismo de todas.
María Luisa Posada Kubissa

María Luisa Posada Kubissa é doutora en Filosofía e profesora titular do Departamento de Filosofía e Sociedade da Universidade Complutense de Madrid. Forma parte do Consello do Instituto Universitario de Investigacións Feministas desde 1991, do Grupo de Investigación en Estudos Feministas e dirixiu o Máster en Estudos das Mulleres desta universidade.
Nada en Madrid en 1957, a catedrática de Teoría do Coñecemento, Estética e Historia do Pensamento e Teórica Feminista é autora dalgúns libros de referencia para o feminismo contemporáneo coma Sexo y Esencia. De esencialismos encubiertos y esencialismos heredados, Sexo, vindicación y pensamiento. Estudios de teoría feminista, Filosofía, crítica y (re)flexiones feministas ou ¿Quién hay en el espejo? Lo femenino en la filosofía contemporánea.
Participou como experta no Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller desde 2004 ata 2009. No marco da teoría crítico-feminista e da filosofía publicou numerosos artigos, colaborou en edicións colectivas e participou en múltiples cursos, seminarios e proxectos de investigación.
Altamira Gonzalo Valgañón

Altamira Gonzalo Valgañón é unha xurista feminista especializada en dereito de familia e dereito comunitario. Preside o Consello Asesor de Igualdade para as políticas de igualdade do PSOE desde a súa creación en 2017 e tivo un papel moi relevante nos avances en materia de dereitos para as mulleres en España ao conseguir a primeira sentenza que levou a un home ao cárcere polo delito de falta de pagamento de pensións.
Nada en Zaragoza en 1949, comezou a exercer en 1974 e a súa militancia feminista cristalizou nos anos oitenta ao fundar a Unión de Mulleres Feministas, pola que se creou a publicación La mujer feminista. Sempre se amosou crítica coa falta de perspectiva de xénero na lexislación histórica que afectaba as mulleres desde o Dereito Romano ata as normas máis recentes.
Ao longo da súa traxectoria desempeñou diversos cargos, sempre en prol da igualdade e contra o terrorismo machista a nivel nacional e rexional. Foi asesora xurídica da directora do Instituto da Muller entre 1987 e 1990 e durante catro anos presidiu a Asociación de Mulleres Xuristas Themis. Tamén exerceu como secretaria de Igualdade do PSOE de Aragón e foi vogal no Observatorio Aragonés contra a Violencia de Xénero como experta e do consello de redacción da publicación Aequalitas. Revista xurídica de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
En 2020 foi elixida entre as 25 mulleres más influentes do país e un ano despois recibiu o Premio Mulleres Progresistas na categoría Nuestras Mujeres, outorgado pola Federación de Mulleres Progresistas.
Ana Tijoux

Ana Tijoux é unha cantante, música, rapeira e compositora de orixe chilena asentada en Francia, a onde chegou a súa familia fuxindo da ditadura de Pinochet. Nas súas letras denuncia as carencias sociais e culturais e toma postura a favor dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero. Co seu tema Antipatriarca, lanzado ao mercado en 2014, contribuíu a levar a igualdade de xénero e a violencia machista a un estilo musical, o rap, eminentemente masculinizado.
Tras ser nomeada aos MTV Vídeo Music Awards Latinoamérica como Mellor Artista Novel e Mellor Artista Urbana, converteuse na segunda artista chilena en ser nomeada aos Premios Grammy e a primeira en conseguilo en máis categorías, ao facelo en catro de forma simultánea.
O ano 2014 supuxo un punto de inflexión na súa carreira. A revista Rolling Stone nomeouna Mellor Rapeira en Español e gañou o seu primeiro Grammy Latino coa canción Universos paralelos, unha colaboración co músico uruguaio Jorge Drexler.
En 2020 a súa canción de temática feminista No estamos solas foi elixida como tema principal de Jauría, a primeira serie orixinal de Amazon Prime Video de Chile e, uns meses despois, foi incluída na lista das cen mulleres máis importantes do ano pola BBC, que destacou a súa participación “nas campañas contra a desigualdade e a opresión no mundo”.
Un dos seus referentes é Violeta Parra, pioneira do folclore chileno e muller comprometida coa xustiza social. A música de Tijoux é a banda sonora dunha xeración chilena con gañas de mudar as cousas. É case imposible imaxinar unha marcha feminista sen escoitar de fondo as súas cancións e o sector recoñece a súa capacidade para combinar a rabia, o baile, o compromiso político e a investigación artística.
Waris Dirie

Waris Dirie é unha activista somalí contra a mutilación xenital feminina. De 1997 a 2003 foi embaixadora especial da ONU contra a mutilación xenital e hoxe dirixe a súa propia organización, Flor do Deserto, coa que loita para acabar con esta esta forma de violencia contra as mulleres que se segue a aplicar en ducias de países.
Nada en Somalia en 1965, aos trece anos tivo que fuxir ao deserto para librarse dun matrimonio concertado cun home moito maior ca ela. En 1981 trasladouse a vivir a Londres, á casa do seu tío, e con dezaoito anos foi contratada por un fotógrafo de moda mentres traballaba nun establecemento de comida rápida..
Protagonizou cunha entón descoñecida Naomi Campbell a portada do Calendario Pirelli de 1987 e acabou converténdose na primeira muller de cor que apareceu na portada de Vogue en Europa. Traballou para grandes firmas coma Chanel, L'Oréal, Revlon, Versace ou Cartier e a finais dos noventa, no cumio da súa carreira, decidiu aproveitar a súa popularidade para falar da súa experiencia persoal e iniciar unha loita pública contra a mutilación xenital feminina.
En 1998 recibiu o premio África do goberno alemán polo seu traballo a favor dos dereitos das mulleres africanas e tamén obtivo as máximas condecoracións que outorgan o goberno francés e o parlamento suízo. O seu segundo libro, Amencer no deserto, foi o máis vendido do ano 2002 e, en 2005, publicou Nenas do deserto, que supuxo o comezo dunha campaña a nivel europeo contra a mutilación xenital feminina.
Rozalén

María de los Ángeles Rozalén Ortuño, máis coñecida como Rozalén, é unha cantante e compositora manchega capaz de converter a súa música e as súas letras en himnos de toda unha xeración de mozas feministas. A fusión do seu talento artístico co seu compromiso social permitiulle empregar o seu traballo como unha extraordinaria ferramenta para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes.
Nada en Albacete en 1986, Rozalén ten catro traballos editados cos que cativou o público e a crítica a partes iguais ata situarse como unha das principais voces da nova canción de autor no noso país. É unha das artistas de maior éxito en directo e unha importante activista social, que defende coa súa música a igualdade e tamén os dereitos das minorías e das comunidades máis desfavorecidas. Sobre o escenario sempre está acompañada por Beatriz Romero, intérprete de lingua de signos.
A compositora ten catro discos de ouro, dous de platino, un Premio Goya á mellor canción orixinal (2021), tres nomeamentos aos Latin Grammy e a Placa ao Mérito Profesional de Castela-A Mancha.
O seu éxito disparouse en 2017 coa publicación do seu álbum Cuando el río suena..., precedido do sinxelo Girasoles, que a levou ao número un da lista de vendas española. Deste traballo tamén se extrae La puerta violeta, un himno contra a violencia machista que ela mesma sufriu por parte dunha exparella.
En outubro de 2020 lanzou El árbol y el bosque, o seu cuarto álbum de estudio. Rozalén entrou directa ao número un da lista oficial de vendas española e segue implicada en causas sociais e benéficas.
Manuela Camino López

Manuela Camino López está considerada unha das mellores cardiólogas de España. Xefa da Unidade de Transplante de Corazón Infantil do hospital Gregorio Marañón de Madrid, liderou en 2018 o equipo que realizou o primeiro transplante cardíaco infantil con incompatibilidade sanguínea nun bebé de dous meses que naceu cunha malformación conxénita.
Nada en Santiago de Compostela en 1967, sentiu desde a infancia interese pola docencia, pero finalmente decantouse polas ciencias e licenciouse en Medicina en 1990, na cidade na que naceu, e especializouse en Pediatría no hospital Gregorio Marañón, no que exerce na actualidade. O seu primeiro destino foi o centro de saúde de Galapagar, onde coñeceu outra realidade sanitaria distinta á hospitalaria, pero un ano despois decidiu retomar a súa formación en pediatría e entrou a traballar na Fundación Jiménez Díaz.
Camino López obtivo o doutoramento en Pediatría na Universidade Complutense de Madrid en 1995 e tres anos despois incorporouse á sección de Cardioloxía Pediátrica do hospital San Joan de Deu de Barcelona, onde permaneceu tres intensos anos, ata que en 2001 saíu unha praza no Gregorio Marañón e decidiu regresar a Madrid. Ingresou na Unidade de Cardioloxía Pediátrica e unha vez que entrou en contacto con nenas e nenos que precisaban un transplante quixo quedarse e enfocar a súa carreira na procura de procedementos cada día máis eficaces.
A cardióloga galega pertence á Sociedade Internacional de Transplantes Cardíacos e Pulmonares e é secretaria do Grupo de Traballo en Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco Infantil da Sociedade Española de Cardioloxía Pediátrica e Cardiopatías Conxénitas. É toda unha referente no seu campo.
Sandra Rodríguez Perales

Sandra Rodríguez Perales dirixe desde 2017 a Unidade de Citoxenética Molecular no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Estudou Bioloxía e é doutora en Xenética desde o 2004. A científica emprega a edición xenética na busca de terapias oncolóxicas máis eficientes que eliminen os tumores sen afectar as células sas.
Traballou no laboratorio de Bioloxía Molecular LMB-MRC de Cambridge co profesor T. H. Rabbitts antes de incorporarse ao CNIO, que ten por obxectivo mellorar as opcións terapéuticas das persoas enfermas. Rodríguez Perales comezou a súa carreira investigando o ADN do trigo co fin de mellorar as variedades e a produción e en pouco máis dunha década o grupo que dirixe deu pasos fundamentais no tratamento con eficacia dos tumores.
O persoal investigador do CNIO conseguiu no outono de 2020 un fito histórico ao destruír por primeira vez as células tumorais do sarcoma de Ewing e da leucemia mieloide crónica cortando mediante CRISPR os xenes de fusión causantes destes tumores de forma selectiva. A unidade está a implementar e a desenvolver continuamente novas tecnoloxías no campo da citoxenética molecular e da edición de xenoma.
Ela mesma explica que o seu traballo está enfocado a dar con modelos e ferramentas baseados en células nai para estudar o papel das translocacións cromosómicas no cancro. Ten en marcha investigacións en España e colaboracións a nivel internacional.
Xohana Torres

Xohana Torres foi unha escritora pioneira na defensa da lingua e da literatura galegas, incorporándoas a espazos pouco habituais coma a radio, as revistas ou o teatro durante a segunda metade do século XX. Faleceu en 2017 e foi considerada, con todo merecemento, unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas ao cultivar tanto a poesía coma a narrativa, o ensaio e a literatura infantil cun talento soberbio.
Nada en Santiago de Compostela en 1931, criouse en Ferrol, onde pasou a súa mocidade e chegou a ser alumna de Carvalho Calero. Publicou os seus primeiros versos cando era adolescente na revista do seu instituto e moi cedo deu o salto a revistas coma Aturuxo, Vida Galega ou Vieiros. En 1955 recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo, compartido con Celso Emilio Ferreiro, e apenas un ano despois publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957).
O seu poemario Estación ao mar (1980) foi Premio da Crítica Española en 1981, tamén é autora da premiada novela Adiós, María, e realizou unha importante contribución ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e Un hotel de primeira sobre o río (1968).
Torres foi fundamental para que a editorial Galaxia apostara pola literatura infantil desde finais dos anos sesenta, e destacou pola construción de personaxes que subvertían os roles asignados socialmente ás mulleres e aos homes. Tras unha brillante carreira literaria ingresou na Real Academia Galega en 2001.
Sonia Rubio Hernando

Sonia Rubio Hernando é enxeñeira en telecomunicacións e ecofeminista. Muller cun forte compromiso social e medioambiental desde hai décadas, estivo á fronte de Greanpeace España durante dous mandatos. Ela mesma defínese como “pacifista, colapsista, nai, agricultora” e unha persoa na procura dun mundo máis xusto e sostible.
Comezou a súa traxectoria profesional como analista de conmutación para telefonía fixa e pasou outros dezaseis anos traballando como enxeñeira de telecomunicacións. Actualmente é directora técnica en MeteoGRID, unha firma especializada no campo da climatoloxía e da meteoroloxía aplicadas á predición do tempo e á alerta rápida da xestión de riscos.
As persoas que a coñecen destacan dela a súa enorme capacidade técnica e o seu forte compromiso social e medioambiental. Rubio implicouse en proxectos de cooperación en Etiopía da man da Fundación Madre África e fíxose socia de Greenpeace-España en 1986. Dez anos despois entrou a traballar na organización como voluntaria e conselleira. Pertenceu á xunta directiva entre 2001 e 2005, na que desempeñou o cargo de vicepresidenta, e ocupou a presidencia en dúas etapas distintas.
Foi moi crítica co consumismo imperante na sociedade contemporánea e de forma reiterada defendeu unha vida máis sinxela que aposte polos produtos ecolóxicos e de proximidade, así como pola reutilización de materiais como ferramenta de concienciación para as novas xeracións e como paso imprescindible para loitar contra o cambio climático.
Whitney Houston

Whitney Houston foi unha cantante, compositora, actriz, produtora e empresaria estadounidense coñecida como The Voice pola súa extraordinaria voz. Pasou á historia como a artista feminina máis premiada de todos os tempos e unha das que máis discos vendeu, ao rozar os 200 millóns de copias. Ao longo da súa traxectoria conseguiu seis premios Grammy, dous Emmy, trinta Billboard Music Awards e vinte e dous American Music Awards. Así ata superar os seiscentos galardóns.
Whitney Houston naceu en 1963 en Newark e viviu os disturbios raciais que azoutaron o barrio de Nova Yersei a finais da década dos sesenta. Comezou a cantar nun grupo de gospel aos once anos e acadou un éxito impresionante co seu álbum debut, Whitney Houston, do que vendeu 22 millóns de copias. Dous anos despois, en 1987, sacou ao mercado o seu segundo traballo, que se converteu no primeiro dunha artista feminina en debutar directamente no número un da lista de vendas Billboard 200.
A cantante foi un fenómeno sen precedentes, capaz de superar en vendas aos The Beatles ou aos Bee Gees nos EUA. Os 90 foron a década da súa consagración e o comezo da súa carreira cinematográfica como protagonista da cinta The Bodyguard. Houston tamén firma a banda sonora desta película, que se situou como a máis vendida da historia con 45 millóns de copias ata 2012. No ano 1999 gañou un Oscar á mellor canción orixinal por When you Believe, tema pertencente a The Prince of Egypt.
En 2020, oito anos despois de falecer, converteuse na primeira artista afrodescendente na historia en acadar os tres discos de diamante. De acordo con The New York Times, o estilo vocal de Houston tivo un impacto significativo na industria da música e revitalizou a tradición do gospel-soul-pop.
Brie Larson

Brie Larson é unha actriz, directora, produtora, guionista e firme defensora dos dereitos das mulleres na industria audiovisual. Nada en California en 1989, a intérprete gañadora do Oscar, o Globo de Ouro, o SAG Awards e o BAFTA á mellor actriz no ano 2016, considera o cinema unha forma de activismo e defende a capacidade das películas de contribuír a unha sociedade máis igualitaria coa proxección de novos roles femininos en pantalla e coa creación de novos referentes de empoderamento para as nenas e as mozas.
Larson debutou en televisión con nove anos no programa nocturno de Jay Leno e cando era adolescente converteuse en personaxe habitual na comedia Raising Dad. Destacou como actriz adolescente en media ducia de traballos e no ano 2009 fíxose popular na industria grazas á serie United States of Tara. A súa grande oportunidade chegaría con Room, cinta pola que foi recoñecida como a mellor actriz do ano e na que interpreta a unha vítima de secuestro e abuso continuo.
Foi das primeiras actrices en alentar importantes debates sobre a igualdade na profesión, denunciou a brecha de xénero e de raza que existe na industria do cinema e reclamou o mesmo salario que os seus compañeiros homes antes de asinar un contrato. En 2019 fixo historia ao interpretar a Capitana Marvel, a primeira cinta da compañía baseada por completo nunha protagonista feminina que ademais se mostraba combativa, progresista e feminista, o que lle carrexou duras críticas dunha parte da audiencia.
Larson tamén escribiu e dirixiu dúas curtametraxes, participou nunha produción teatral no Festival de Teatro de Williamstown e debutou como directora de cinema en 2019 coa comedia Unicorn Store.
Lucy Stone

Lucy Stone foi unha oradora, activista, abolicionista e firme defensora dos dereitos das mulleres, unha das figuras máis destacadas do feminismo estadounidense. Foi a primeira muller en obter un título universitario en Massachusetts e a primeira en todo o país en conservar o seu apelido despois do matrimonio. Traballou como mestra na Sociedade Americana contra a Escravitude e no ano 1869 creou en Boston a Asociación Americana para o Sufraxio das Mulleres.
Nada en Massachusetts no ano 1818, Stone tivo que traballar como docente para poder seguir estudando e, nada máis graduarse no Oberlin College, en 1847, converteuse en conferenciante da Sociedade Contra a Escravitude de Massachusetts e axudou a organizar a primeira convención nacional sobre os dereitos da muller, a National Women’s Rights Convention.
En 1855 casou con Henry B. Blackwell, un abolicionista de Ohio, pero conservou o seu apelido de solteira en protesta contra as leis patriarcais impostas ás mulleres casadas. Uniuse á loita sufraxista en 1867 e colaborou na creación da Asociación polo Sufraxio Feminino de Nova Jersey.
Stone tamén participou en ducias de encontros antiescravistas por todo o país e foi cofundadora da Liga Nacional de Mulleres que promoveu a Décimo Terceira Enmenda á Constitución dos Estados Unidos, que aboliu a escravitude, aprobada en 1865.
Mar Asunción Higueras

Mar Asunción Higueras é unha veterana e recoñecida ecoloxista que desde a organización WWF traballa para impulsar a implicación de distintos actores na protección do medio e na loita contra o cambio climático. Licenciada en Ciencias Biolóxicas e cun mestrado en Ordenación do Territorio, iniciou a súa traxectoria profesional traballando como educadora ambiental para a Comunidade de Madrid e para organizacións do sector privado.
No ano 2002 pasou a ser a responsable de Clima e Enerxía de WWF, e tratou de implicar no cambio a clase política e á empresarial. Ata entón dedicou gran parte da súa enerxía a avanzar en materia de sensibilización, participación social e negociación, como directora de Educación Ambiental en WWF/Adena.
Nos últimos anos tamén entrou en contacto co sector financeiro coa intención de que na toma de decisións sobre investimentos se valoren os importantes riscos que supón o cambio climático e se prioricen os seus fluxos financeiros cara a actividades que fomenten unha economía libre de CO2 e un modelo enerxético renovable, eficiente e xusto.
A responsable do Programa Clima e Enerxía WWF España impulsou en 2015 a creación da Alianza polo Clima, a plataforma das organizacións sociais que buscan sinerxías para afrontar a emerxencia climática. É vogal do Consello Nacional do Clima en representación das organizacións ecoloxistas, integrante da Comisión de Educación da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) desde 1991 e participa no Grupo de Reflexión sobre Enerxía e Desenvolvemento Sostible. Desde 2005 realiza o seguimento dos cumios do clima das Nacións Unidas.
Margarita Ramón Borja-Berenguer

Margarita Ramón Borja-Berenguer, máis coñecida como Margarita Borja, é unha poeta e dramaturga feminista, produtora de teatro e xestora cultural de consolidada traxectoria nos ámbitos iberoamericano e europeo. En 1992 fundou o Teatro das Sorámbulas, un grupo creado por feministas de varias xeracións e profesionais do teatro, da música e da plástica. Ao longo da súa carreira posicionouse sempre en defensa dos dereitos das mulleres.
Nada en Alacante en 1942, en 1996 impulsou o Encontro de Mulleres de Iberoamérica nas Artes Escénicas no marco do Festival Internacional de Teatro de Cádiz, e en 2009 foi cofundadora da Asociación Clásicas e Modernas para a igualdade de xénero na cultura xunto a Laura Freixas e outras escritoras e mulleres do teatro, da música e do activismo feminista na profesión.
Esta entidade, en colaboración coa SGAE, realizou dúas investigacións sobre a presenza de creadoras e directoras de artes escénicas na xestión estatal e autonómica, e apuntou unha importante desigualdade no sector a nivel de autoría e de dirección.
A súa primeira produción teatral foi Helénica, poemas para el público, no ano 1993. Para teatro tamén escribiu Hécuba: nomos y música de las ciudadanas e Olimpia de Gougues o la pasión de existir. Cultivou a poesía, con Almas y jardines e Las flores del yodo, e dirixiu diversos espectáculos, nos que demostrou un gran dominio das letras e das artes escénicas no seu conxunto.
Dolors Monserdà i Vidal

Dolors Monserdà i Vidal foi unha escritora, poeta, narradora, dramaturga, ensaísta e columnista. Foi unha das primeiras mulleres xornalistas do noso país e a primeira que presidiu uns Xogos Florais (1909). Tivo unha participación moi activa na vida cultural catalá na transición do século XIX ao XX e a súa é unha obra literaria prolífica e variada, consolidada en diversos xéneros.
Naceu en Barcelona en 1845 no seo dunha familia da burguesía catalá, conservadora e católica, circunstancia que non lle impediu elixir o seu propio camiño, escribir sobre e para as mulleres da súa época e incidir na súa educación e capacidade intelectual.
Monserdà i Vidal destacou polo seu compromiso coa defensa da situación da muller. Xunto a María Josefa Massanés e Carmen Karr está considerada unha das primeiras feministas catalás. Aínda que adopta o termo “feminista” rexeita as bases seculares do feminismo internacional.
Durante os primeiros anos cultivou con bastante éxito a poesía e o teatro, pero a súa faceta máis destacada é a de novelista. As súas obras achégannos unha perspectiva feminina da época desde un punto de vista sociocultural e ideolóxico. O seu traballo é, en palabras da Asociación de Escritores en Lingua Catalá (AELC), unha mestura de costumismo, realismo e romanticismo. Entre as súas novelas destaca La fabricanta (1904).
Na súa faceta de muller comprometida cos dereitos femininos cabe lembrar que promoveu iniciativas coma o Padroado de Obreiras da Agulla e escribiu sobre o decisivo papel das mulleres na chamada Semana Tráxica de 1909, na que por primeira vez unha reacción popular puxo en risco o réxime político da Restauración. Monserdà i Vidal é unha referente dentro do primeiro feminismo catalán.
Nuria Varela Menéndez

Nuria Varela Menéndez é escritora, profesora, xornalista, doutora en Ciencias Xurídicas e Sociais e experta en feminismo radical e violencia de xénero. Participou na posta en marcha do primeiro Ministerio de Igualdade creado en España na IX lexislatura e foi directora xeral de Igualdade do Goberno de Asturias.
Naceu en Mieres en 1967 e é docente en programas universitarios de posgrao en comunicación con perspectiva de xénero, políticas de igualdade e violencia de xénero, consultora internacional e coopera con gran número de grupos e plataformas feministas que loitan contra o terrorismo machista. Participa habitualmente en congresos nacionais e internacionais como relatora experta en políticas de igualdade e colabora en diversos medios de comunicación.
Traballou como reporteira para o Grupo Zeta entre 1989 e 2008, período no que cubriu conflitos bélicos e crises internacionais coma a guerra de Iraq, a de Bosnia, a matanza de Acteal en Chiapas (México), a Revolución Laranxa en Ucrania ou os feminicidios en Ciudad Juárez. Tamén realizou traballos sobre refuxiados e sobre a vida nos campamentos saharauis.
Ten un mestrado en Estudos Interdisciplinares de Xénero e outro en Xénero e Políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes. Varela é directora da Editorial Hotel Papel e autora de importantes libros para o feminismo contemporáneo en España: Íbamos a ser reinas. Mentiras y complicidades que sustentan la violencia contra las mujeres (2002), Feminismo para principiantes (2005), La voz ignorada. Ana Orantes y el fin de la impunidad (2012), Cansadas. Una reacción feminista frente a la nueva misoginia (2017) e Feminismo para principiantes ilustrado (2018).
Selma James

Selma James é unha escritora e activista feminista coautora do clásico O poder da muller e a subversión da comunidade (1972), texto de referencia para o movemento feminista co que se acuñou a nivel mundial o concepto de traballo non remunerado no fogar. É a Fundadora da Campaña Internacional de Salarios para o Traballo Doméstico e desde o ano 2000 coordinadora da Folga Mundial das Mulleres.
James naceu en Nova York en 1930 e comezou a súa traxectoria profesional traballando nunha fábrica. No ano 1952 publicou o artigo A Woman’s Place, onde fala sobre a aportación da muller á sociedade e dos prexuízos imperantes.
De 1958 a 1962 participou no movemento de independencia e federación das Indias Orientais e decidiu retornar a Inglaterra, onde se converteu na primeira secretaria de organización da Campaña Contra a Discriminación Racial, ademais de ser fundadora e editora do xornal Black Regional Action Movement, en 1969.
A publicación en 1983 de Marx e feminismo rompeu coa teoría marxista anterior realizando unha lectura de Marx desde o punto de vista das mulleres e do traballo non remunerado. James foi tamén a primeira portavoz do Colectivo Inglés de Prostitutas, que fixo campaña pola despenalización e que reclamaba alternativas económicas viables á prostitución.
Julia Peguero

Julia Peguero foi unha mestra, pedagoga, política e comunicadora pioneira na defensa da participación da muller na vida pública. No ano 1918 colaborou activamente na fundación da Asociación Nacional de Mulleres Españolas. Foi unha destacada activista no Ateneo de Madrid e en 1934 fundou un partido político feminino independente chamado Acción Política Femenina Independiente.
Peguero naceu en Zaragoza en 1880, estudou maxisterio e opositou ao corpo de Normais, no Programa de Gramática Xeral, Filoloxía e Literatura Castelás e no de Aritmética, Xeometría e Álxebra. Formou parte dun importante grupo de docentes que durante as primeiras décadas do século XX ligaron a súa actividade educativa cos seus desexos de transformar a sociedade a través de actividades políticas, sociais e sindicais.
En 1913, xunto a Benita Asas Manterola e Pilar Fernández Selfa, creou a publicación quincenal El pensamiento femenino. Peguero exerceu como vicepresidenta da institución benéfica Desayuno Escolar, participou no Consello Superior de Protección á Infancia, foi xefa superior honoraria de Administración Civil e vogal da Xunta Provincial de Madrid e do Tribunal para Nenos.
Asidua colaboradora e articulista na prensa da época, Julia Peguero avogou pola educación das mulleres. En 1917 ingresou na Asociación de Pintores e Escultores na modalidade de pintura. No Ateneo de Madrid exerceu a secretaría das seccións de Música, Filosofía e Ciencias Históricas ata a súa clausura.
María Dolores Díaz Baliño

Lolita Díaz Baliño foi unha artista e mestra galega. Unha das primeiras mulleres profesora na Escola de Artes e Oficios da Coruña e no Instituto Feminino de Ensinanza Media. Compaxinou a docencia con moitas horas de pintura e realizou exposicións individuais en Santiago de Compostela, Palma e A Habana, ademais de participar en numerosas mostras colectivas. Foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes da Coruña en 1938 xunto a María Corredoira.
Baliño naceu na Coruña en 1905, no seo dunha familia fortemente vinculada co mundo da arte. Na súa mocidade traballou sobre todo no deseño de libros, carteis de festas e revistas nas que cultivou a súa faceta máis moderna. En 1929 recibiu unha axuda da Deputación da Coruña para ampliar os seus estudos en Madrid.
Foi unha das ilustradoras, debuxantes e acuarelistas máis importantes dos anos previos á Guerra Civil, polo que acadou un gran recoñecemento que lle abriu as portas de numerosas publicacións, centros expositivos e academias. Coa súa obra inaugurou en 1934 os salóns da Asociación de Artistas.
A súa foi unha obra de forte personalidade na que predominan a acuarela e o debuxo, e en canto á temática destacan a figura e a paisaxe galega. Un dos seus principais traballos é As fadas do caracol, que se pode visitar no Museo de Belas Artes coruñés e que se enmarca nese mundo colorista e irreal que é unha das súas sinais de identidade e que ten reminiscencias dos prerrafaelitas decimonónicos. O centro dos seus debuxos e carteis sempre foi a muller, case sempre representando figuras fortes e decididas.
Astrid Lindgren

Astrid Lindgren foi unha recoñecida escritora sueca, a autora con máis impacto e difusión internacional no campo da literatura infantil e xuvenil e a creadora da mítica personaxe de Pippi Mediaslongas. Con máis de trinta libros de narrativa e corenta ilustrados, supera os 160 millóns de exemplares vendidos en todo o mundo con traducións a máis dun cento de idiomas.
Lindgren é a escritora sueca máis lida dentro e fóra do país nórdico e unha das autoras infantís máis populares do planeta xunto a Hans Christian Andersen e os irmáns Grimm. Creou a súa personaxe Pippi Länsgtrump a petición da súa filla pequena durante unha convalecencia por enfermidade. O que comezou como un relato oral informal transformouse en libro en 1945 e co tempo converteuse nunha icona xeracional e nunha crítica ao mundo creado polos adultos con regras absurdas e un desmedido apego ao diñeiro.
Máis alá de Pippi, Lindgren escribiu outras excepcionais historias coma Os nenos de Bullerbyn (1947), Mío, o meu pequeno Mío (1954), Os irmáns Corazón de León (1973) ou Ronja, a filla do bandoleiro (1981), protagonizados sempre por nenas e nenos decididos, independentes e cun sentido moi claro da xustiza.
A autora sueca recibiu o Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil, e o premio Right Livelihood. Os seus libros deron orixe a series de televisión, películas, cancións e xoguetes.
Márcia Cristina Bernardes Barbosa

Márcia Cristina Bernardes Barbosa é unha física brasileira especializada en mecánica estatística. Dirixe desde 2008 o Instituto de Física da Universidade Federal de Río Grande do Sul. A súa traxectoria internacional na última década foi impresionante: en 2010 recibiu a Medalla Nicholson da Sociedade Americana de Física (APS) e en 2013 o Premio L’ Oréal-UNESCO For Women in Science.
A científica naceu en Río de Xaneiro en 1960, estudou na Universidade Federal do Rio Grande do Sul e completou a súa formación cunha estadía de dous anos no grupo de investigación de Michael Fisher na Universidade de Maryland. Hoxe forma parte da Academia Mundial de Ciencias (Twas), da Sociedade Americana de Física (APS) e da Sociedade Brasileira de Física, ademais de pertencer ao Conselho Nacional de Ciência e Tecnologia e á União Internacional de Física Pura e Aplicada (IUPAP).
O seu traballo de investigación científica axudou a explicar por que moitas características da auga a fan diferente doutros líquidos e como interactúan con esta biomoléculas coma o ADN, as proteínas e as graxas dentro do corpo humano.
En paralelo aos seus recoñecementos científicos, Bernardes Barbosa combate desde 1998 a discriminación de xénero na ciencia e traballa activamente para promover a incorporación de máis compañeiras a postos de relevancia na ciencia en Brasil, esforzos que lle valeron a Medalha Nicholson en 2010 e o Premio Cláudia en 2013.
Blanca Fernández Viguera

Blanca Fernández Viguera é unha socióloga, investigadora social, profesora de Traballo Social e impulsora dos estudos de xénero na Universidade Pública de Navarra. Foi pioneira no seu activismo e militancia en movementos feministas e sindicais en defensa dos dereitos das mulleres. En 2018 foi a primeira persoa galardoada co Premio Berdinna, creado polo Goberno de Navarra para recoñecer a persoas que realizan unha importante contribución para acadar a igualdade entre mulleres e homes.
Nada en Pamplona en 1951, Fernández Viguera licenciouse en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade de Deusto. De 1975 a 1978 foi responsable de organizar a sección de Humanidades e Ciencias Sociais da Editorial Gómez.
Destacou como pioneira do feminismo navarro e foi cofundadora do Instituto para o Fomento dos Estudos Sociais (IPES), polo que está implicada desde hai décadas na loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria, no marco do cumprimento dos dereitos humanos de mulleres e homes.
As súas principais liñas de investigación inclúen a feminización da pobreza, a exclusión social e o xénero, a situación social da muller en Navarra desde 1975 ata 2003, a violencia de xénero, a transversalización de xénero nos estudos universitarios e o desenvolvemento de plans de igualdade.
Marisa Kohan

Marisa Kohan é unha xornalista española de orixe arxentina especializada en xénero, cooperación co desenvolvemento e dereitos humanos. Desde 2017 é a coordinadora da información sobre igualdade e xénero no diario Público, onde realiza investigacións relevantes a nivel social sobre os abusos ás temporeiras do amorodo en Huelva ou o seguimento do caso de Juana Rivas.
Nada en Bos Aires en 1964, chegou a España en 1977 e licenciouse en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid. Cursou un mestrado en Estudos Internacionais no Instituto Universitario Ortega y Gasset.
Suma máis de vinte anos de experiencia en comunicación estratéxica. Entre 1996 e 2002 mantivo a súa residencia en Nova York, onde traballou para o Fondo de Desenvolvemento das Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM, polas súas siglas en inglés) e a Division for the Advancement of Women (DAW). En 2004 incorporouse ao Departamento de Comunicación de Oxfam Intermon, onde permaneceu algo máis dunha década, ata a súa chegada en 2015 á Women' s Link Worldwide, unha organización que traballa para promover un cambio social a favor dos dereitos das mulleres e das nenas.
En novembro de 2018 recibiu o Premio Compromiso que concede a Fundación Clece Social ao mellor traballo xornalístico contra a violencia de xénero. Ao recollelo denunciou o teito de cristal nos medios de comunicación e os chans pegañentos.
Susan Sarandon

Susan Sarandon é unha das intérpretes e produtoras de teatro, cinema e televisión máis recoñecidas do planeta. Cinco veces nominada aos premios Óscar, conseguiuno finalmente en 1995 pola súa interpretación de Helen na cinta Pena de morte, que tamén lle valeu o Premio do Sindicato de Actores e a candidatura a un Bafta.
Nada en Nova York en 1946, Sarandon estudou teatro na Universidade Católica de Washington e debutou no cinema en 1970 cun papel secundario en Joe. Dous anos despois estreouse sobre o escenario de Broadway e en 1975 logrou o recoñecemento internacional coa cinta de culto The Rocky Horror Picture Show.
O ano pasado cumpríronse tres décadas da estrea de Thelma & Louise, película que protagoniza xunto a Geena Davis e que co tempo as converteu en dúas iconas feministas polo tipo de personaxes empoderadas e libres que representaban. Ao longo da súa dilatada traxectoria participou en máis de 50 películas.
Pero igual de relevante que a súa carreira é o seu activismo social e político durante as últimas catro décadas. Sarandon opúxose con firmeza ás guerras emprendidas por EUA en Kuwait e Iraq, defendeu a igualdade de dereitos dos homosexuais e mobilizouse contra o racismo, polo que chegou a ser detida en diversas ocasións.
Como embaixadora especial da UNICEF, desde o ano 1999 implicouse en importantes campañas en países en vías de desenvolvemento e centrouse na loita contra a explotación laboral infantil.
María Dolores Varela Costa

María Dolores Varela Costa é especialista en cirurxía minimamente invasiva de columna, cirurxía endoscópica lumbar e cranial. En xaneiro de 2022 foi incluída na lista elaborada por Forbes coas 100 persoas máis destacadas do campo da medicina en España. Apenas uns meses antes fixo historia ao realizar unha intervención pioneira de columna por abordaxe anterior, é dicir, a través do abdome. Trátase dunha técnica pioneira en España con importantísimas vantaxes para as persoas doentes ao ser máis efectiva, menos invasiva e axilizar a recuperación.
Natural do municipio pontevedrés de Agolada (1983), licenciouse en Medicina na Universidade Autónoma de Barcelona e finalizou a súa residencia de neurocirurxía no Hospital Universitario Mutua de Terrassa en 2013. Tamén realizou unha estadía formativa co equipo de Patoloxía de Base de Cranio no Hospital Monte Sinaí de Nova York. A continuación decidiu regresar e traballou durante seis anos no Centro Médico Teknon.
En 2020 incorporouse ao equipo do Instituto Clavel, onde está consagrada ao tratamento de patoloxías dexenerativas de columna cervical e lumbar, de tumorais craniais e de nervios periféricos, ademais da hidrocefalia.
A doutora galega forma parte na actualidade das sociedades española e catalá de neurocirurxía e da Sociedade Española de Patoloxía de Base de Cranio. Combina o seu traballo en quirófano cunha importante actividade investigadora e divulgativa e participa en numerosos cursos e congresos da súa especialidade.
Élida Alfaro Gandarillas

Élida Alfaro Gandarillas (1945) é unha ximnasta, profesora e investigadora especializada en mulleres e deporte. Obtivo a medalla de bronce ao mérito deportivo en 2006, o Premio Nacional do Deporte en 2016, e é doutora en ciencias da actividade física e o deporte, profesora titular no INEF de Madrid e toda unha referente a nivel nacional polo seu activismo a prol da igualdade de oportunidades no deporte.
Alfaro Gandarillas practicou deporte desde nena e experimentou en primeira persoa a discriminación das mozas e das mulleres no deporte, polo que decidiu orientar a súa carreira investigadora a este binomio complexo de muller e deporte. As súas áreas de especialización son os estereotipos de xénero na participación das mulleres na práctica deportiva, o liderado feminino na dirección e xestión deportiva e a análise da linguaxe sexista no deporte.
O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero elixiuna unha das Mulleres que Inspiran Europa polas súas achegas académicas. Tamén recibiu a medalla ao mérito deportivo do Consello Superior de Deportes e o premio do Observatorio para a Violencia Doméstica e de Xénero, con sede no Consello Xeral do Poder Xudicial, polas súas achegas á eliminación dos estereotipos de xénero.
En 1994 converteuse na primeira muller en dirixir o INEF. Desde 1998 dirixe o Seminario Permanente Muller e Deporte da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (INEF. Universidade Politécnica de Madrid). É unha firme defensora da coeducación na educación física e en 2011 foi coautora de Speak for Sport, que ofrece orientación sobre o uso da linguaxe inclusiva neste campo.
Oliva Pérez Arauna

Oliva Pérez Arauna, coñecida como Oliva Arauna, é unha recoñecida galerista, marchante, comisaria e coleccionista de arte contemporánea española. Durante as tres décadas que mantivo aberta a súa galería en Madrid contribuíu de forma determinante á internacionalización da arte española e foi pioneira da arte máis innovadora a nivel nacional.
Nada en Santander en 1953, desde nena interesouse pola arte e, de forma especial, pola fotografía. A Galería Oliva Arauna abriu as súas portas en Madrid en 1985 cunha intención renovadora e co firme obxectivo de achegarlle á escena artística española unha visión contemporánea a través da fotografía, do vídeo e das instalacións cando aínda ninguén apostaba por elas.
Tras 30 anos de traballo incansable nos que participou nas feiras de arte máis importantes do mundo, Arauna pechou as portas da súa galería no ano 2015 para centrarse na súa colección, que xa supera as 400 pezas. Na súa traxectoria foi membro do Comité de ARCO, asesora artística para Canal +, socia fundadora de Arte Madrid e tamén do Consorcio e do Instituto de Arte Contemporánea.
Arauna considera a arte como un grande investimento. “Ensínache a vivir, ensínache a pensar, ensínache a mirar, ensínache a comprender aos demais”, expresou nunha das súas moitas entrevistas e conferencias. É recoñecida como unha pioneira na promoción das prácticas artísticas máis innovadoras e radicais.
Cecilia Barriga

Cecilia Barriga é unha directora, guionista e produtora audiovisual hispano-chilena centrada desde o inicio da súa carreira, nos anos oitenta, en documentar a situación da muller no mundo, o pensamento e o activismo feminista, e reflexionar sobre a construción de identidades individuais e colectivas. Un dos seus sinais de identidade é a experimentación con diversos formatos e xéneros coma a videoarte, o documental ou o cinema de ficción.
Nada en Chile en 1957 e afincada en Madrid desde 1977, Barriga estudou Imaxe e Son na Universidade Complutense e completou a súa formación con estadías en Cuba e nos EUA. En 2008 obtivo unha bolsa de escritura de guión no Centro de Arte Montehermoso en Vitoria e no Art in Residency en Villa Strauli (Suíza).
No seu primeiro traballo, Entre actos (1982), experimenta coa videoarte, un xénero que se comezaba a coñecer en España. En 1984 realiza o seu primeiro documental, Alcobendas puede ser un nombre de mujer, que recibiu o Premio Nacional de Vídeo do Instituto da Muller español.
A ditadura chilena na que viviu a súa adolescencia é determinante para explicar o seu compromiso social e a súa preocupación innata amosada sempre pola denuncia de calquera forma de represión das liberdades. Seguiu de preto e documentou o proceso de creación de movementos cidadáns coma o 15M en España, o Occupy Wall Street nos EUA e as protestas de estudantes en Chile.
Os seus traballos expuxéronse internacionalmente en museos de arte contemporánea coma o MOMA ou o Centro Pompidou, canles de televisión, festivais de cinema, centros sociais e plataformas alternativas. Na súa obra aparecen de forma constante temas coma a representación do feminino, a diversidade de opcións sexuais, os estereotipos sexuais, a denuncia social e a multiculturalidade, a dor do desamor e a soidade do ser humano.
Karen Uhlenbeck

Karen Uhlenbeck é unha matemática estadounidense especialista en ecuacións e derivadas parciais, catedrática emérita da Universidade de Texas e Senior Research Scholar na Universidade de Princeton e no Instituto de Estudos Avanzados dos EUA. No ano 2019 a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras concedeulle o Premio Abel, coñecido como o Nobel das matemáticas. Foi a primeira muller en lograr este galardón polas súas revolucionarias investigacións na intersección das matemáticas e a física.
Nada en Cleveland en 1942, Uhlenbeck comezou estudando física na Universidade de Míchigan pero decidiu reorientar os seus estudos cara as matemáticas. O seu traballo levou a algúns dos avances máis espectaculares en matemáticas do último medio século.
Recibiu en 1983 unha bolsa MacArthur e, posteriormente, a medalla nacional da Ciencia dos EUA en 2000 e 2007, e o premio Steele pola súa contribución á investigación. É doutora honoris causa pola Universidade de Harvard e forma parte da Academia Nacional de Ciencias dos EUA.
Uhlenbeck é unha muller comprometida coa igualdade entre mulleres e homes. Ela mesma relatou en primeira persoa, nun libro do ano 1997, a discriminación sufrida durante os seus primeiros anos de carreira e denunciou os prexuízos contra as mulleres e as dificultades nos espazos profesionais da ciencia. “Dixéronme que ninguén contrataba mulleres, porque as mulleres debían estar na casa e ter bebés”.
Luz Martínez Ten

Luz Martínez Ten é sindicalista, feminista e psicopedagoga, secretaria de Mulleres e Políticas Sociais da nova Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos da UGT. É especialista en políticas de interculturalidade, coeducación e igualdade, e unha muller de recoñecido prestixio no movemento feminista en España polo seu traballo a prol da igualdade no ámbito educativo.
Martínez naceu en Madrid en 1960 e é licenciada en Ciencias da Educación. Completou a súa formación cun mestrado sobre Xénero na Universidade Complutense de Madrid e con cursos de doutoramento en Políticas Sociais e Migracións na Fundación Ortega y Gasset. É autora de numerosos textos, guías e manuais sobre coeducación impulsadosw desde a Federación de Ensinanza da UGT.
En 2008 elixírona responsable de Políticas Sociais de FETE-UGT. O seu primeiro libro, Orientación para una educación no sexista, escribiuno con Inés Alberdi e publicouno o Ministerio de Educación. Tamén escribiu Guía de formación política y social de las mujeres, Guía de formación para mujeres directivas, Diez razones para la igualdad, Guía para la formación en igualdad e El viaje de Laila. Guía de sensibilización sobre la trata de personas con fines de explotación sexual.
Foi promotora do documental Maestras de la República, Premio Goya 2014 ao mellor documental, no marco da recuperación da biografía e da historia das mestras esquecidas da República. En maio de 2018 foi galardoada co II Premio Mujeres Progresistas de Retiro outorgado pola asociación de mulleres do mesmo nome e en 2019 recibiu a Mención Maria Pons i Adrover polo seu traballo en favor da igualdade, outorgado polo sindicato UGT.
Carme Freixa Zurita

Carme Freixa Zurita é feminista, psicóloga, xornalista e ciberactivista en temas de feminismo, dereitos humanos, prostitución e política. De 2010 a 2012 presidiu a Asociación de Mulleres Xornalistas de Cataluña. É especialista en políticas públicas e usos sociais do tempo e en políticas de mocidade e xénero, foi unha das impulsoras dos servizos de planificación familiar en España.
Freixa é licenciada en Psicoloxía Clínica pola Universidade Autónoma de Barcelona, especializada en Sexualidade. Traballou durante dúas décadas en programas de saúde sexual e reprodutiva no ámbito sanitario e forma parte de diversas organizacións que loitan polos dereitos das mulleres coma a Rede Estatal Contra o Alugueiro de Ventres, a Plataforma Abolicionista da Prostitución e a Alianza contra o Borrado das Mulleres.
Recibiu o premio do Instituto Catalán da Muller polo seu programa informativoPlural e o galardón T-Incluye ao blog máis inclusivo. Tamén dirixiu e presentou tres programas de variedades radiofónicos para xente nova e é articulista e analista política en diferentes medios de comunicación. Como escritora publicou cinco libros, entre os que destacan Los principios de Eva Woman e Ellos y nosotras, tratado contra la mutilación cerebral femenina.
En 2020 participou no proxecto colectivo Nietas de la memoria, un libro que recolle a historia das mulleres que quedaron invisibilizadas durante a época franquista e que, tras os avances logrados na II República, viron minguados os seus dereitos e pasaron a ser "cidadás de segunda".
Antía Jácome Couto

Antía Jácome Couto é unha prometedora deportista galega que compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas. Gañou unha medalla de prata no Campionato Mundial de Piragüismo de Copenhague de 2021, na proba de C1 200 m, e acadou un merecidísimo quinto posto nos Xogos Olímpicos de Tokio nesta mesma proba.
Nada en Pontevedra en 1999, Jácome demostrou o pasado verán unha gran solvencia na súa primeira participación nunhas olimpíadas, con apenas 21 anos. O seu diploma olímpico sóubolle a pouco porque a atleta galega quedou a un suspiro do podio e ademais deixou claro que posúe condicións para seguir mellorando tecnicamente e que ten mentalidade de gañadora.
Consciente das expectativas xeradas, Jácome leva con enteireza a responsabilidade que carrexa pola súa boa actuación en Tokio e adestra xa coa mente posta nunha nova medalla internacional antes de clasificarse para a vindeira cita olímpica en París, en 2024.
Xunto a Tano García e Pablo Martínez, a padeeira pontevedresa integra o denominado trío de ouro no que están depositadas as esperanzas do renacer da canoa a nivel nacional. Jácome leva desde o 2016 no centro de alto rendemento de Sevilla, onde se exercita o equipo nacional de piragüismo. Desde ese momento a súa mellora e súa proxección deportiva foron impresionantes, aínda que o mellor está por chegar.
Margarita Aizpuru Domínguez

Margarita Aizpuru Domínguez é comisaria de exposicións, crítica de arte, docente e investigadora de arte contemporánea especializada en novas tendencias, arte, xénero e feminismo. Dirixiu máis dun cento de exposicións, festivais de performance, vídeo e cinema en España, América Latina, Marrocos e Francia. No ano 2018 recibiu o premio Mulleres nas Artes Visuais á mellor teórica e crítica de arte.
Nada en Madrid en 1960, Aizpuru Domínguez medrou nunha contorna familiar estreitamente vinculada ao mundo da arte, pero ela decidiu estudar Dereito antes de licenciarse en Historia da Arte na Universidade de Sevilla. Desde principios dos noventa traballa como comisaria independente, crítica de arte e programadora de artes visuais.
En 1994 traballou no Departamento de exposicións temporais do Centro George Pompidou, na Fundación Cartier de París e no Museo de Arte Contemporánea de Burdeos. Tamén foi programadora de artes plásticas da Casa de América de Madrid (2003-2004) e da área Zona Emerxente no Centro Andaluz de Arte Contemporánea de Sevilla (1999-2003).
Aizpuru Domínguez sempre se interesou polo papel da muller na arte. A perspectiva de xénero está presente na maioría dos seus traballos, coma a exposición "Carrera de fondo" (2005) ou a de videoarte, fotografía e instalacións "Feminisarte IV: Mujeres y narraciones estéticas genéricas" (2016). Forma parte da xunta directiva do Instituto de Arte Contemporánea (IAC) e do consello asesor da asociación Mujeres nas Artes Visuais (MAV).
Susana Pérez Iglesias

Susana Pérez Iglesias é a presidenta da asociación Empresarias Galicia, directora de INFI Consulting Group, consultoría especializada na xestión de subvencións e financiamento para pemes, e socia fundadora de Etiqueta Ibérica, unha empresa de fabricación e comercialización de xamóns e embutidos ibéricos de Guijuelo. Tamén é vicepresidenta do Clube de Balonmán Reconquista de Vigo.
Nada en Vigo en 1984, Pérez Iglesias é licenciada en Administración e Dirección de Empresas, cun MBA en Finanzas pola Universidade de Vigo e unha Certificación en Finanzas pola Universidade de Bratislava; recibiu o Premio Executivos Galicia 2018 á xestión empresarial e institucional.
Ela mesma se declara “fiel defensora do mundo empresarial, da muller e da creación de redes de traballo”. Como muller nova no mundo da consultoría financeira tivo que enfrontarse a situacións de inxustiza que non fixeron máis que reafirmar o seu compromiso coa igualdade no mundo da empresa e coa visibilización do talento feminino no tecido empresarial galego.
Para acadar este obxectivo naceu en 2016 Empresarias Galicia, centrada no mundo da empresa, pero co tempo abriuse ao talento de mulleres directivas e doutros perfís profesionais. O seu obxectivo é crear sinerxias entre diferentes colectivos de mulleres a nivel autonómico e nacional e completar a súa formación.
Considera que “as empresarias galegas xogan un importantísimo papel na economía pola súa gran capacidade de liderado e a súa achega en materia de responsabilidade social empresarial”.
María Espinosa de los Monteros Díaz

María Espinosa de los Monteros y Díaz de Santiago foi unha empresaria e destacada activista polos dereitos civís e políticos da muller. Membro fundador da Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME), un dos grandes fitos do feminismo español da primeira metade do século XX.
Nada en Estepona en 1875, Espinosa de los Monteros comezou traballando na industria e foi directora da delegación en España da casa de máquinas de escribir Yos. As súas crenzas relixiosas non lle impediron defender e exercer o que se denominaba “feminismo moderado”. Por esta tarefa de promoción da formación de mulleres e mozas recibiu a Cruz da Orde de Alfonso XII, concedida polo Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes en 1915.
En outubro de 1918 fundou en Madrid un dos órganos feministas de España, a Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME), que presidiu ata 1924. Tamén foi presidenta do Consello Supremo Feminista de España, que agrupaba cinco asociacións feministas: La Mujer del Porvenir; La Progresiva Feminina, de Barcelona; La Liga Española para el Progreso de la Mujer; a Sociedad Concepción Arenal, de Valencia; e a Asociación Nacional de Mujeres Españolas.
A traxectoria pública feminista de María Espinosa de los Monteros acada o seu cumio a comezos de 1920 en dúas conferencias que constitúen un fito histórico para o feminismo español, a primeira titulada “Influencia do feminismo na lexislación contemporánea”, na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, en Madrid, e a impartida no Colexio de Avogados de Barcelona baixo o título “A emancipación da muller”.
María de Maeztu y Whitney

María de Maeztu y Whitney foi unha relevante pedagoga, directora e impulsora da Residencia de Señoritas e defensora do sufraxio feminino. Xogou un papel determinante nalgunhas das iniciativas máis importantes a prol dos dereitos das mulleres xurdidas no período de entreguerras. Foi a primeira presidenta da Federación Española de Mujeres Universitarias, vogal do Consello de Instrución Pública nos anos trinta e integrante do Consello Nacional de Cultura.
De Maeztu naceu en Vitoria en 1881, licenciouse na Escola Normal de Mestras e en 1902 aprobou a oposición e foi destinada a Santander. Posteriormente obtivo a especialidade de Filosofía con premio extraordinario na Universidade Central de Madrid no ano 1915 e tivo ocasión de coñecer de cerca algúns dos sistemas educativos europeos máis innovadores a comezos de século xa que viaxou a Gran Bretaña, Bélxica, Suíza e Italia.
Na Residencia de Señoritas realizou un importante traballo pola educación superior da muller e pola súa incorporación á vida activa na sociedade. Sempre manifestou proximidade cos principios da Institución Libre de Ensinanza e defendeu unha educación individual e activa, de carácter integral e práctico.
Viaxeira e conferenciante de éxito, obtivo o doutoramento honoris causa polo Smith College en 1919, o nomeamento como integrante da Hispanic Society of America e o de profesora honoraria da Universidade de México, entre outros moitos recoñecementos.
Mar Esquembre Cerdá

Mar Esquembre Cerdá é unha xurista española especialista en dereito constitucional e teoría feminista, cofundadora e presidenta ata 2021 da Red Feminista de Derecho Constitucional, unha asociación que trata de reverter a discriminación histórica da muller nas ciencias sociais e no dereito constitucional.
Esquembre Cerdá naceu en Alacante en 1969, é profesora titular de Dereito Constitucional na universidade desa cidade, directora do Seminario Universitario sobre os Dereitos das Mulleres e foi subdirectora do Centro de Estudos sobre a Muller na mesma institución.
Participou e dirixiu numerosos congresos, seminarios e cursos sobre igualdade e outros relacionados con temas de cidadanía, inmigración e estudos de xénero. Tamén participou na realización de informes sobre políticas de igualdade e a súa aplicación nas reformas autonómicas.
En materia de igualdade, entre as súas publicacións cabe destacar Género y ciudadanía, mujeres y Constitución (2006) e Género y derechos fundamentales (2010). As súas liñas principais de investigación enmárcanse no dereito constitucional e na súa interrelación cos estudos de xénero, cidadanía e inmigración; destacan as súas propostas para as reformas na metodoloxía de investigación e ensino do dereito constitucional coa incorporación das teorías feministas.
Forma parte do grupo de feministas de diferentes ámbitos sociais e do coñecemento que en 2015 lanzaron a campaña contra a xestación subrogada chamada #NoSomosVasijas co obxectivo de abrir un debate sobre esta práctica desde a perspectiva dos dereitos humanos.
Angiola Bonanni

Angiola Bonanni é unha escultora e artista visual de orixe italiana afincada en Madrid. A inmigración e a situación das mulleres en países nos que non se respecta a súa liberdade son os seus temas principais de preocupación.
Bonanni naceu en Italia en 1942 e manifestou desde moza o seu interese pola arte e durante unha bolsa dun ano nos EUA recibiu unha forte influencia das teorías feministas da arte. Aprendeu a soldar o ferro en obradoiros artesáns e participou en exposicións xuvenís. A artista decidiu entón abandonar a universidade, coa oposición da súa familia, e recalou en Madrid a mediados dos anos sesenta.
A súa primeira exposición individual de esculturas en ferro e cemento foi na Galería Neblí, en 1966. Traballadora incansable, a partir deste momento a artista investiga, experimenta e produce nun principio obras de escultura en ferro para evolucionar cara á expresión xeométrica e rematar nunha mestura de medios que inclúen obxectos fabricados en materiais brandos, instalacións en fábricas abandonadas, vídeos ou representacións.
Despois de numerosas exposicións individuais e colectivas en prestixiosas galerías de Madrid, despraza a súa actividade a Berlín e Marrocos. Fundou dous grupos artísticos de traballo, o Grupo Sutura, integrado por catro escultoras e escultores que utilizan materiais téxtiles que estivo activo entre 1990 e 1996, e Norte Sur Este Oeste, integrado por mulleres artistas procedentes de toda Europa.
Maria E. Beasley

Maria Beasley, nada en 1847 como Maria Kenny, foi unha empresaria estadounidense creadora da primeira balsa salvavidas moderna e doutros 14 inventos, entre eles dispositivos para evitar o descarrilamento de trens e unha máquina de aros para a fabricación de barrís en serie. A balsa de Beasley foi empregada no Titanic e axudou a salvar centos de vidas en todos os anos que permaneceu en uso.
A inventora asistiu á Feira Mundial de Filadelfia en 1876, que a inspirou para a súa traxectoria como emprendedora. Beasley presentou a súa primeira patente en 1878, un enxeño para fabricar ata 1.500 barrís por día que atraeu a empresas do sector do azucre e a refinerías de petróleo.
No 1880 presentaría un deseño revolucionario para unha balsa salvavidas tanto polas melloras de seguridade coma pola facilidade para transportala e almacenala ao ser fácil de pregar. Esta balsa substituía as antigas táboas de madeira por unha estrutura metálica rectangular. A balsa de Beasley tivo un papel importante na traxedia do Titanic en 1912, xa que grazas a ela lograron salvar a vida 706 persoas.
Na década dos 80 a empresaria aínda figuraba nos directorios de Filadelfia como costureira e non foi ata 1891 cando se mencionou a súa actividade como inventora, a pesar de que a máquina de barrís se amosou na Exposición Mundial da Industria e do Algodón en 1884. Ademais, Beasley ideou un sistema para evitar o descarrilamento de trens, que melloraría a seguridade neste medio de transporte, e un xerador de vapor, así como distintos enxeños útiles para a vida cotiá como potas e tixolas ou quentadores de pés. Ao longo da súa traxectoria empresarial e ata o seu falecemento en 1904 presentaría patentes nos Estados Unidos e na Gran Bretaña.
Rachel Carson

Rachel Louise Carson foi unha bióloga mariña e conservacionista estadounidense que, a través do seu traballo e da publicación do libro Primavera silenciosa (1962), contribuíu de forma determinante á creación da moderna conciencia ambiental e ao impulso de políticas e comportamentos máis responsables co medio.
Hai consenso no sector en que esta científica foi determinante, incluso anos despois da súa morte, para a creación da Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos (EPA, polas súas siglas en inglés), a conmemoración do Día da Terra e a aprobación de leis a nivel global para controlar o uso de pesticidas, insecticidas e funxicidas.
Carson naceu en 1907 en Pennsylvania e coa chegada da Gran Depresión tivo que abandonar os seus estudos de zooloxía e xenética na Universidade Johns Hopkins. Tras uns anos dando clase, comezou a súa carreira científica como limnóloga no U. S. Bureau of Fisheries antes de dedicarse a tempo completo, a partir dos anos cincuenta, á súa actividade como escritora naturalista.
Os seus libros sobre o mar foron un éxito de vendas ata o punto de que The sea around us, publicado en 1951, se mantivo 86 semanas na lista dos máis vendidos do New York Times. Coas súas investigacións sobre o pesticida DDT, Carson confrontou de forma pioneira os efectos perniciosos que a especie humana exerce sobre a natureza. A autora popularizou a idea de que non somos donos da natureza e o seu libro Primavera silenciosa está considerado un dos traballos máis notorios do século XX e dos que máis influíron na súa cultura, sociedade e política.
Arantza Portabales Santomé

Arantza Portabales Santomé é unha escritora en lingua galega e castelá considerada nos últimos anos unha das grandes damas da novela negra española. En 2021 gañou o Premio Manuel Murguía de relato coa súa obra Xanelas e publicou a súa última novela, A vida secreta de Úrsula Bas, na que continúa coa saga iniciada por Beleza vermella (2019). Reivindícase como unha sólida escritora de intriga que non renuncia a abordar con profundidade temas de máxima actualidade e calado social coma a influenza das redes sociais, a soidade ou a violencia machista.
Portabales naceu en Donosti en 1973, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Administración autonómica.
A súa estrea como escritora chegou no ano 2013 cun microrrelato. Dous anos despois publicou o seu primeiro libro neste xénero, A Celeste la compré en un rastrillo. En 2015 a súa novela Sobrevivindo fíxose co XV Premio de Novela por Entregas do xornal La Voz de Galicia.
Foi finalista do Premio San Clemente e do Premio Novela Europea Casino de Santiago co seu traballo Deixe a súa mensaxe despois do sinal, unha novela a catro voces traducida a español, italiano, hebreo e alemán e chea de sentimento na que descubrimos a alma das protagonistas a través da súa singular relación cos contestadores da súa vida.
O seu microrrelato As musas (2017) gañou o Concurso da Microbiblioteca de Barberà do Vallès e no 2019 chegaría Beleza vermella, co que se estreou pola porta grande na novela negra cun thriller de orixinal trama e ritmo vertixinoso. A vida secreta de Úrsula Bas confirmouna como autora de culto do xénero.
Carmen Castro García

Carmen Castro García, natural de Valencia (1967), é unha economista e activista feminista española especializada en modelos asistenciais e políticas europeas de xénero. Foi unha das impulsoras da Plataforma por los Permisos Iguales e Intransferibles de Nacimiento y Adopción e ao longo da súa traxectoria recibiu importantes premios e recoñecementos polo seu compromiso cunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Castro é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (1999) e doutora en Economía pola Universidade Pablo de Olavide. En 2002 puxo en marcha unha consultoría independente sobre igualdade de xénero e políticas públicas e arredor do portal web SinGENEROdeDUDAS configurou unha interesante comunidade na que se comparte coñecemento sobre cuestións de xénero, democracia e economía feminista.
Actualmente participa no Observatorio de Xénero, Economía, Políticas Públicas e Desenvolvemento (GEP & DO) e é profesora de transversalidade de xénero e orzamentos con perspectiva de xénero en diversas institucións públicas. Castro é investigadora da Cátedra de Economía Feminista da Universidade de Valencia e autora de publicacións e guías prácticas sobre mainstreaming de xénero e políticas para a igualdade, entre as que destaca o seu libro Políticas para la igualdad. Permisos por nacimiento y transformación de roles de género.
Recibiu o premio Les Corts de les Dones 2019, o premio da Fundación Nexe pola súa traxectoria académica e polos valores democráticos en defensa do país valenciano, foi seleccionada como parte de Women and Men Inspiring Europe polo European Institute for Gender Equality e premio Mulleres Progresistas 1997, entre outros moitos.
Mercedes Peón

Mercedes Peón Mosteiro é unha compositora, vocalista, produtora e instrumentista galega considerada unha das artistas máis innovadoras do folk galego e europeo e unha das voces máis importantes da comunidade. En 2008 recibiu o Premio da Crítica de Galicia na categoría de música e a súa traxectoria caracterízase pola mestura de ritmos e o seu afán continuo de renovación. Mestura o folk coa electrónica, combina letras de cancións tradicionais con modernas e utiliza instrumentos musicais novidosos.
Peón naceu en 1967 en Oza dos Ríos e de moza quedou impresionada polas pandeireteiras da Costa da Morte. Formou parte do grupo folclórico Xacarandaina e ao longo de 17 anos da súa vida dedicouse á ensinanza da música e o baile tradicionais de Galicia. Parte das cancións, danzas, historias e experiencias tradicionais e traballa a música tradicional con ferramentas tecnolóxicas.
Despois de afondar na tradición durante máis de dúas décadas, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, Isué, que lle abriu as portas dos escenarios a nivel internacional. Nas súas obras posteriores, Ajrú (2004), Sihá (2007) e Sós (2008) avanzou cara a unha atmosfera particular na fronteira coa electro-acústica. O último traballo, Déixaas, é o resultado dun intenso período de investigacións sobre as posibilidades da arte do son, campo no que é referente internacional. Conecta a artesanía musical e a vangarda creativa dunha forma excepcional.
O seu álbum Sós foi elixido quinto mellor disco do mundo pola prestixiosa lista World Music Charts Europe de especialistas en música étnica, en 2005 nomeárona Galega do Ano e en 2008 obtivo o Premio Nacional da Cultura outorgado polo Goberno galego.
Penélope Cruz

Penélope Cruz é a actriz española máis internacional. Recibiu o premio á mellor actriz en Cannes por Volver en 2006, o Óscar por Vicky Cristina Barcelona (2009), o premio BAFTA á mellor actriz secundaria, a Copa Volpi no 2021 e dous premios Goya, entre outros moitos recoñecementos pola súa traxectoria cinematográfica.
A artista madrileña, que naceu en Alcobendas en 1974, posicionouse abertamente contra o machismo na industria do cinema e o inxusto escrutinio ao que son sometidas as intérpretes na alfombra vermella. No ano 2018 colaborou activamente na organización do movemento Time’s Up contra o acoso sexual e a desigualdade en Hollywood.
Cruz estudou nove anos de ballet clásico no Conservatorio Nacional de Madrid, catro anos de danza na Escola Cristina Rota de Nova York, tres anos de baile español e realizou cursos de jazz que compaxinou con probas coas que buscou desde moi nova dar o salto á interpretación.
Tras un breve paso por programas de televisión, o seu primeiro papel na pantalla grande foi El laberinto griego (1990), de Rafael Alcázar, filme ao que seguiu a exitosa Jamón, jamón (1992), de Bigas Luna. A repercusión desta cinta abriulle a porta para rodar con grandes directores como Alejandro Amenábar, Fernando Trueba ou Pedro Almodóvar, co que estableceu un vínculo que perdura na actualidade.
O salto internacional chegoulle tras participar en Todo sobre mi madre (1999), de Almodóvar. O papel de Raimunda en Volver (2006) co director manchego serviulle a Cruz para coroarse en Cannes como unha das mellores actrices do mundo e converterse na primeira actriz española en acadar unha candidatura aos Óscar. Ese ano non foi posible, pero no seu segundo intento en 2009 trouxo a estatua para casa por Vicky Cristina Barcelona. En 2022 recibiu a súa terceira candidatura por Madres paralelas.
Susan Kare

Susan Kare é unha das deseñadoras gráficas máis influentes da historia, autora das primeiras iconas da interface de Macintosh e considerada pioneira do pixel art. Tras unha relevante traxectoria en Apple e Next, traballou para outros xigantes tecnolóxicos coma Cisco, IBM, Motorola, Paypal, Sony Pictures, Xerox, Fossil, BBDO, Microsoft e Facebook.
Estudou Arte naMount Holyoke Collegede Massachusetts e doutorouse en Belas Artes na Universidade de Nova York en 1978. A súa intención era iniciar unha carreira como artista ou mestra de arte, pero aceptou unha primeira colaboración e coa súa obra acabou configurando a estética visual dos sistemas operativos de Apple e Microsoft desde os seus inicios.
A papeleira de reciclaxe, a icona da carpeta ou as cartas do solitario son algúns dos icónicos deseños que a cultura popular actual lle debe a Kare, así como o desenvolvemento da tipografía Chicago, empregada en Macintosh e na primeira xeración de iPod, en 2001.
Kare sempre tratou de humanizar os ordenadores e está considerada unha das pioneiras no deseño centrado nas persoas usuarias. A súa pegada foi tan relevante que parte dos seus bosquexos foron adquiridos para expoñer no MoMa de Nova York. A maioría das súas creacións están rexistradas na oficina de patentes e marcas dos EUA. Foi galardoada co premio á Traxectoria Profesional de Cooper Hewitt.
Doreen Bogdan-Martin

Doreen Bogdan-Martin rompeu un importante teito de cristal no ano 2019 ao converterse na primeira muller en dirixir a Oficina de Desenvolvemento das Telecomunicacións da Unión Internacional de Telecomunicacións nos seus 153 anos de historia, organismo das Nacións Unidas para as TIC cuxo fin é facilitar a conectividade de todas as persoas no mundo.
Nacida en 1966 en Nova Jersey, Bogdan-Martin graduouse na American University, ten un mestrado en Políticas Internacionais de Comunicación, unha certificación de posgrao en Estratexias para o Liderado polo Instituto para o Desenvolvemento da Xestión de Lausanne (Suíza) e está certificada en Responsabilidade e Ética polo Programa de Líderes das Nacións Unidas.
Está considerada unha líder estratéxica con 30 anos de experiencia en relacións internacionais e intergubernamentais ao máis alto nivel. Asesorou gobernos de varios países en asuntos de política e regulamentación e participa en calidade de oradora habitual en foros e cumios internacionais.
Bogdan-Martin dirixiu de 2008 a 2018 o Departamento de Planificación Estratéxica e Relacións cos Membros da Unión Internacional de Telecomunicacións. Desempeñou un papel fundamental no establecemento da Comisión de Banda Ancha para o Desenvolvemento Sostible e supervisa a contribución da UIT á Alianza Mundial EQUALS para a Igualdade de Xénero na Era Dixital.
Rosie Kay

Rosie Kay é unha coreógrafa británica vencellada á Alianza Contra o Borrado das Mulleres. Formouse na London Contemporary Dance School e colleitou numerosos premios pola súa traxectoria profesional, coma o Bonnie Bird New UK Choreography Award ou o Cultural Highlight of the Year 2006, concedido polo xornal The Sunday Herald.
Nada en Escocia en 1976 e criada en Devon, empezou con clases de baile aos tres anos e graduouse na Escola de Londres de Baile Contemporáneo en 1998. En 2004 fundou a Rosie Kay Dance Company, unha compañía independente de danza contemporánea con sede en Birmingham enfocada en crear danzas que reflexionen sobre temas políticos actuais.
Foi galardoada como mellor compañía de danza independente e nomeada á mellor coreografía nos Premios Nacionais de Danza de 2015 coa súa produción 5 Soldiers, unha obra teatral de danza aclamada pola crítica que explora o adestramento físico para a guerra, os seus posibles efectos sobre o corpo e as potenciais lesións.
Ademais de fundadora e exdirectora artística da compañía que leva o seu nome, é artista asociada en Dance City e investigadora asociada da Escola de Antropoloxía e Etnografía do Museo da Universidade de Oxford. Kay foi tamén seleccionada para coreografiar a cerimonia de entrega da transmisión dos Xogos da Commonwealth de 2018 e 2022, retransmitidos para milleiros de persoas en todo o mundo.
Ella Jane Fitzgerald

Ella Jane Fitzgerald, coñecida polo alcume de Raíña ou Primeira Dama do jazz, deixou unha pegada fundamental no mundo da música e está considerada unha das cantantes máis influentes da historia neste estilo á altura de Sara Vaughan e Billie Holiday. O seu repertorio musical, non obstante, foi moito máis diverso e incluía o swing, o blues, a bossa nova, a samba, o gospel ou o calypso.
Nada en Virxinia en 1917, Fitzgerald foi un portento como artista e estaba dotada dunha voz cun rango vocal de tres oitavas. Orfa desde nena, aprendeu canto e piano no coro da Bethany African Methodist Episcopal Church e debutou como cantante aos 17 anos no Harlem Apollo Theater de Nova York (1934); tamén gañou o concurso Amateur Night Shows coa canción Judy.
Ao ano seguinte integrouse na orquestra de Chick Webb e en 1941 iniciou unha carreira de éxito en solitario. Cantou con The Ink Spots, Louis Jordan e The Delta Rhythm, e en 1946 empezou a cantar con regularidade nos concertos de Norman Granz Jazz at the Philharmonic (JAP). Tras aparecer na película de 1955 Pete Kelly's Blues, asinou por fin co selo Verve de Norman Granz.
Ao longo da súa extraordinaria traxectoria gañou catorce premios Grammy, entre eles o Grammy a toda a súa carreira, e galardoárona coa Medalla Nacional das Artes e coa Medalla Presidencial da Liberdade dos EUA.
Mary Macarthur

Mary Macarthur foi unha importante sindicalista e sufraxista escocesa, secretaria xeral da Liga de Sindicatos de Mulleres que participou na creación da Federación Nacional de Mulleres Traballadoras. O seu activismo e a súa capacidade de liderado axudaron a crear conciencia social sobre as malas condicións laborais das mulleres e foi unha das encargadas de dirixir, na primeira década do século xx, a loita para a implantación do salario mínimo semanal na industria.
Macarthur naceu en agosto de 1880 en Glasgow e estudou na Glasgow Girls' High School, onde xa deu mostras das súas inquedanzas sociais ao editar a revista da escola, encargo que espertou nela o interese por ser escritora.
De moza completou a súa formación en Alemaña antes de regresar a Escocia para traballar como contable nos negocios da familia. Entrou no movemento sindicalista despois de escoitar un discurso de John Turner sobre o trato malo que recibían as persoas empregadas por parte da dirección das empresas.
En 1903 Macarthur trasladouse a Londres para converterse en secretaria da Liga de Sindicatos de Mulleres, que trataba de conciliar os intereses de diferentes oficios. Tres anos despois participou na creación da Federación Nacional de Mulleres Traballadoras . Por medio desta organización, en 1910 liderou unha folga de dez semanas das mulleres fabricantes en cadea de Cradley Heath, unha vitoria histórica que mudou a vida de miles de persoas empregadas.
Debido ao seu éxito, enviárona inmediatamente para intervir no levantamento de Bermondsey, onde de novo asegurou unha vitoria para as mulleres mal remuneradas tras un mitin masivo no parque Southwark. Foi unha xornada histórica.
María Xosé Silvar

María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, é unha música e compositora galega que destaca pola súa forza e personalidade enriba do escenario e cuxa carreira se distingue pola mestura de diferentes estilos musicais. A artista, nada na Coruña en 1982, amosa en cada un dos seus traballos un firme compromiso coa cultura, coa música e coa lingua galegas, ademais de ser unha activista na reivindicación da dignidade e dos dereitos das mulleres.
Licenciada en Filoloxía e Antropoloxía e cun mestrado en Lingüística, o seu camiño ía orientado cara á docencia, pero no ano 2008 creou o grupo Chámalle Xis!, xunto con outros tres amigos, e o éxito chegoulle de forma inmediata converténdose na banda revelación daquel ano e unha das gañadoras do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudo chamado Admirando a condición.
Sés fai bandeira dos seus compromisos sociais, doa diñeiro a causas benéficas, apoia publicamente o dereito á interrupción do embarazo, critica os estereotipos vixentes para as mulleres artistas e alza a súa potente voz para denunciar a violencia machista.
O seu último disco, Liberar as arterias , componse de 12 temas propios que teñen como núcleo a loita feminista e nel anima a " levantarse, romper as mordazas e ser unha mesma ". A xira interrompida pola pandemia reactivouse en 2022 por Galicia e percorrerá América do Sur. Con sete discos en menos dunha década, Sés consolidouse como unha artista renovadora da escena musical galega e un fenómeno imparable cun talento arrasador.
Gabriela Cañas

A xornalista e escritora Gabriela Cañas fixo historia en maio de 2020 ao ser a primeira muller en oito décadas en asumir a presidencia da axencia de noticias de titularidade estatal, a Axencia Efe. Ata ese momento a súa traxectoria profesional estivo fundamentalmente ligada ao diario El País, onde era a subdirectora da Escola de Xornalismo UAM-El País.
Cañas naceu en Cuenca en 1957 e licenciouse en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Comezou a súa traxectoria profesional con traballos temporais en diversos medios coma o Diario de Cádiz, a Radiocadena Española e o xornal Informaciones. Formou parte do grupo fundador da revista El Globo, pertencente ao Grupo Prisa, e deste contacto xurdiu a súa incorporación ao diario El País en 1981, medio ao que quedaría ligada de por vida e no que ocupou diferentes cargos.
Foi xefa das seccións Madrid e Sociedade e correspondente en Bruxelas e París. Cañas informou sobre acontecementos sociais e políticos de gran relevancia coma a Conferencia Mundial sobre a Muller de 1995, o Cumio de Nova York do ano 2000, a ampliación da UE ou os atentados terroristas de Charlie Hebdo e a sala Bataclan.
Entre 2006 e 2008 fixo unha paréntese para exercer como directora xeral de Información Internacional na Secretaría de Estado de Comunicación, que depende do Ministerio da Presidencia, e durante unha etapa da súa vida tamén impartiu clases na Escola de Xornalismo da Universidade Autónoma de Madrid.
Ao longo da súa dilatada traxectoria fíxose co galardón A Muller na Unión Europea, outorgado en 2002 pola Comisión Europea, e o Premio Meridiana da Junta de Andalucía, na modalidade de iniciativa nos medios de comunicación non publicitarios (2011). Ese mesmo ano publicou a súa primeira novela, Torres de fuego.
Rosa Cobo Bedía

Rosa Cobo é unha teórica, investigadora e escritora feminista española, profesora titular de Socioloxía de Xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da mesma institución, ademais dunha estreita colaboradora da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, onde ten participado como relatora e coordinadora dalgunha das xornadas.
Cobo naceu en Cantabria en 1956 e licenciouse en Ciencias Políticas e Socioloxía en 1981 pola Universidade Complutense de Madrid. En 1992 leu a súa tese de doutoramento sobre Democracia e patriarcado en Jean Jacques Rousseau, cualificada como apto cum laude por unanimidade. Foi fundadora e a primeira directora do Seminario Interdisciplinar de Estudos Feministas da Universidade da Coruña.
O seu traballo foi obxecto de importantes recoñecementos. No ano 1997 obtivo o premio de divulgación feminista Carmen de Burgos. En 2017 recibiu o premio á igualdade Ernestina Otero en Vigo, e ao ano seguinte outorgáronlle o Premio Comadre de Ouro do faladoiro feminista Les Comadres, de Asturias. O 25 de novembro de 2020 recolleu do Ministerio de Igualdade o recoñecemento ao pensamento feminista.
As súas achegas académicas e na xestión pública foron constantes nas últimas dúas décadas. Entre 2006 e 2008 formou parte do equipo asesor da Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia e tamén dirixiu o proxecto nacional "Prostitución e políticas públicas", financiado polo Instituto da Muller.
É autora de diversos libros fundamentais para o feminismo, os dous últimos son La prostitución en el corazón del capitalismo (2017) e Pornografía. El placer del poder (2020). É unha firme abolicionista e manifestou con claridade que "non hai outra alternativa feminista, civilizatoria e humana que non sexa acabar con este crime silencioso que converte as mulleres en mercadoría".
Aleksandra Shevchenko

Aleksandra Shevchenko é unha activista ucraína cofundadora de Femen, grupo feminista radical que leva a cabo accións de protesta con espidos públicos contra o sexismo, a prohibición do aborto, a mutilación xenital feminina, o turismo sexual ou as institucións relixiosas. O grupo manifestouse tamén contra o presidente ruso Vladímir Putin, ao que tachan de ditador, e outros políticos como Silvio Berlusconi ou Marine Le Pen. Nos últimos anos Shevchenko foi encarcerada en cinco ocasións.
Femen creouse en 2008 en Khmelnytskyi, cidade natal de Shevchenko, e empezou a acadar sona en 2009, cando por primeira vez as súas activistas protestaron co torso nu en Kiev. Xunto a Aleksandra, coñecida co diminutivo de Sasha, son fundadoras Anna Hutsol e Oksana Shachko. O grupo defende que espirse é a única maneira de que se escoiten as súas reivindicacións.
Shevchenko e outras catro compañeiras manifestáronse en 2011 na praza de San Pedro cun cartel que reclamaba o dereito das mulleres a elixir sobre o seu propio corpo. A acción tivo unha gran repercusión internacional e atraeu a atención sobre Femen, que levaría a cabo nos anos seguintes numerosas protestas en actos públicos, grandes eventos e ante gobernantes e líderes relixiosos.
En 2013 Shevchenko levou a súa protesta ao Festival Internacional de Cine de Berlín, neste caso contra a mutilación xenital das mulleres, e ese mesmo ano irrompeu en Hannover nun acto da exchanceler alemá Angela Merkel e Vladímir Putin, no que lanzou proclamas contra o presidente ruso.
Sasha protagonizou en 2014 o documental Je suis Femen, xunto a Anna Hutsol, Oksana Shachko e Inna Shevchenko. Actualmente reside en Berlín. O grupo feminista ten sede en Ucraína e Francia e delegacións en España e no Reino Unido, ademais de contar con representación en nove países, entre eles os Estados Unidos e Brasil.
Yolanda Domínguez

Yolanda Domínguez é unha artista visual experta en comunicación e xénero, fotógrafa e activista. Os seus proxectos promoven a conciencia feminista e a crítica social en campos coma a publicidade, a moda e o consumo, combaten estereotipos e o machismo na cultura ao tempo que denuncian o culto á beleza, e desenmascaran as prácticas de manipulación mediática e publicitaria que perpetúan estes clixés.
Domínguez naceu en Madrid en 1977, estudou Administración e Dirección de Empresas na Universidade Complutense da citada cidade e posúe un mestrado en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade Europea de Madrid e outro en Fotografía pola Escola Fotográfica EFTI. Imparte conferencias e obradoiros en institucións educativas de todo o mundo centradas na construción da identidade e na loita contra a desigualdade.
A artista participou en novembro de 2020 na xornada Libres? A Cousificación do Corpo das Mulleres, organizada pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, e é relatora habitual en congresos nacionais contra a violencia de xénero.
Coas súas accións artísticas, Domínguez consegue mobilizar a conciencia social e axudar a apoderar as persoas; entre as máis coñecidas destaca Poses (2011), na que denuncia a superficialidade e o absurdo da imaxe feminina que transmite a moda, e Registro (2014), coa que logrou que mulleres de toda España acudisen aos rexistros da propiedade para inscribir os seus corpos como resposta ao anteproxecto da lei do aborto.
Outros dos seus proxectos máis coñecidos son Niños vs. moda (2015), no que un grupo de rapazas e rapaces desvela coas súas impresións a violencia implícita cara ás mulleres na publicidade, e Rompe el estereotipo (2020), que é unha chamada aos medios para darlle visibilidade á diversidade.
Karen DeCrow

Karen DeCrow foi unha avogada de dereitos civís, escritora, feminista e activista social estadounidense. Foi elixida presidenta da National Organization for Women (NOW) en 1974, cargo a través do cal lles demandou ás axencias do goberno e ás grandes corporacións que contratasen máis mulleres, ademais de instar a Comisión de Igualdade de Oportunidades Laborais a frear a discriminación de xénero.
Nada en Chicago en 1937, DeCrow estudou Xornalismo na Universidade Northwestern, na que era a única muller da clase, e, posteriormente, completou dous posgraos en leis e xornalismo na Universidade de Syracuse, no Estado de Nova York. Durante esta última etapa lanzou unha campaña para a alcaldía desa cidade e converteuse na primeira muller candidata na historia do Estado.
DeCrow foi autora de varios libros, entre os que se inclúen a Guía para a liberación da muller nova (1971) e Xustiza sexista: como che afecta o sexismo legal (1974). Este mesmo ano foi elixida presidenta da NOW e converteuse na primeira nese cargo en ser convidada á Casa Branca, onde coñeceu o presidente Gerald Ford.
O seu activismo e dedicación á promoción da igualdade de xénero tiveron un profundo impacto na vida de mulleres e homes a escala mundial. Desafiou constantemente a forma en que mulleres e homes vían o seu rol na sociedade e na familia. Foi unha firme defensora dos dereitos reprodutivos das mulleres e tamén se posicionou a favor da custodia compartida, o que provocou acesos debates.
DeCrow describiu o seu obxectivo final como "un mundo en que o xénero dun bebé terá pouca ou ningunha relevancia nas actividades e praceres futuros: persoais, políticos, económicos, sociais e profesionais". Entre outros recoñecementos, a revista Time considerouna en 1974 parte das 200 persoas futuras líderes dos EUA, foi honrada pola Unión Estadounidense polas Liberdades Civís en 1985 e ingresou no National Women's Hall of Fame en 2009.
África González

África González é unha inmunóloga recoñecida internacionalmente, catedrática na Universidade de Vigo, presidenta entre 2016 e 2020 da Sociedade Española de Inmunoloxía e académica da Real Academia de Farmacia de Galicia. Ademais, cofundou en 2009 NanoInmunoTech, empresa de nanobiotecnoloxía centrada na síntese e funcionalización de nanopartículas e na biodetección de enfermidades.
González é unha das principais referencias da investigación médica en Galicia. Desde o comezo da pandemia da COVID-19 é consultada habitualmente polos medios de comunicación para expoñer de xeito rigoroso e ameno os efectos e as variantes do coronavirus, a resposta do sistema inmunitario e a acción das vacinas. Tamén é unha firme defensora da igualdade e da visibilización das mulleres no campo científico e en todos os ámbitos da sociedade.
A catedrática de Inmunoloxía estudou Medicina e Cirurxía na Universidade de Alcalá de Henares e obtivo o Premio Extraordinario da súa promoción. Fixo o mir na Clínica Puerta de Hierro de Madrid e en 1991 completou a súa tese doutoral baixo o título "Mecanismo de proliferación e morte celular no timo humano". Posteriormente iniciaría no Laboratorio de Bioloxía Molecular de Cambridge unha estancia de catro anos.
No 1996 chegou á Universidade de Vigo e puxo en marcha unha área de inmunoloxía pioneira en Galicia. Entre 2009 e 2019 dirixiu o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da institución académica. González lidera actualmente un proxecto de investigación sobre cancro de páncreas, co deseño dunha vacina antitumoral combinada con estratexias terapéuticas novidosas.
Na súa traxectoria ten publicado máis de 160 artigos científicos, libros e capítulos, ademais de desenvolver catro patentes; participar como invitada en congresos, seminarios e cursos; e levar a cabo actividades divulgativas en centros educativos. En 2021 publicou o libro Inmuno Power: Conoce y fortalece tus defensas. Tamén durante a pandemia participou no ciclo "Aida Fernández Ríos" da Deputación de Pontevedra co seminario web Inmunidade fronte á COVID-19.
Gañou o Premio Executivas 2020 da Asociación de Executivas de Galicia, o Women CEO na categoría de Muller e Ciencia, e o Premio Ernestina Otero de Igualdade do Concello de Vigo, entre outros recoñecementos. Ademais, chegou á fase final do Premio UE para Mulleres Innovadoras 2017.
Nilde Iotti

Leonilde "Nilde" Iotti foi unha política italiana, dirixente do Partido Comunista e a primeira muller en presidir a Cámara de Deputados do país entre 1979 e 1992, e tamén a persoa que máis tempo exerceu o cargo. Após combater na resistencia durante a Segunda Guerra Mundial, destacou pola súa defensa dos dereitos das mulleres. Comprometida coa idea dunha Europa xusta e igualitaria, estaba decidida a levar a súa loita polo sufraxio universal ao ámbito europeo.
Iotti naceu en Italia en 1920 e obtivo a licenciatura en Letras pola Universidade Católica de Milán. Traballou durante algún tempo como profesora no Instituto Técnico Industrial de Reggio Emilia, a súa cidade natal, ata que decidiu dedicarse en exclusiva á política ante a que parecía a inminente ocupación alemá.
En 1946 foi elixida candidata independente nas listas deste partido, primeiro ao concello da súa cidade e, posteriormente, á Asemblea Constituínte. Iotti figura así entre as 21 mulleres escollidas para formar parte da citada Asemblea Constituínte italiana e entre as cinco que formaron parte da chamada Comisión dos 75, á que se lle encomendou redactar e propoñer o proxecto de Constitución.
A política mantería a súa acta ata poucos días antes de falecer, en 1999. Ao longo da súa traxectoria xogou un importante papel no impulso dos dereitos femininos. En 1955 foi a primeira en asinar unha proposición de lei para instaurar un sistema de seguridade social e pensións para as mulleres que se encargaban das tarefas domésticas e non traballaban por conta allea. En 1974 participou activamente na campaña do referendo en defensa da lei de divorcio e en 1978 contribuíu á aprobación da lei do aborto.
Iotti converteuse en deputada do Parlamento Europeo en 1969 e foi unha das pioneiras que inspiraron Europa tal como a coñecemos, ao defender de forma tenaz a celebración de eleccións para elixir as e os representantes europeos e dotar de lexitimidade as institucións comunitarias.
Sofía Toro

Sofía Toro é unha deportista galega campioa olímpica, mundial e europea de Vela. Conquistou o título continental na modalidade match race en Helsinki en 2011, gañou o ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 e proclamouse campioa do mundo en Corea do Sur en 2013.
Toro (A Coruña, 1990) iniciouse aos oito anos na clase optimist e formouse en diferentes especialidades. Após a inclusión da modalidade match race feminina como disciplina olímpica, en 2008 comezou a súa preparación xunto a Támara Echegoyen coa vista posta en Londres e un ano despois sumaríase á tripulación Ángela Pumariega.
En 2010 a deportista ingresa no equipo olímpico español e ese mesmo ano gaña o Campionato de España e o Campionato Iberoamericano en match race. Ao seguinte revalidou o triunfo na competición nacional e gañou o Campionato de Europa en Helsinki. Froito do duro traballo, chegaría en abril de 2012 a clasificación para disputar os Xogos de Londres. Na cita olímpica tocou a cima ao acadar o ouro na clase elliot 6 m xunto a Echegoyen e Pumariega. Un ano despois conquistaría o Campionato do Mundo, tamén na modalidade match race , en Busan (Corea do Sur), xunto a Echegoyen. Posteriormente, reorientaría a súa preparación cara á clase 470, na que acadaría en 2017 o primeiro posto no Campionato de España.
Toro é graduada en Ciencias da Actividade e do Deporte pola Universidade da Coruña e conta con mestrados de Dirección e Xestión de Entidades Deportivas, Xornalismo Deportivo e Formación do Profesorado en Educación Física. Desde 2019 é docente e investigadora na Universidade Católica San Antonio de Murcia (UCAM) e en setembro de 2021 foi nomeada xerente do Clúster Galego do Deporte.
Blanca Berlín Miravete

Blanca Berlín Miravete é directora e comisaria de exposicións, investigadora e galerista española especializada en fotografía e artes visuais. A súa sala de exposicións foi unha das primeiras de España en especializarse nas tendencias máis innovadoras da fotografía española e internacional contemporánea, representadas tanto por artistas consagradas e consagrados coma por prometedores talentos.
Berlín naceu en Madrid e licenciouse en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense en 1980. Completou a súa formación académica cunha estancia de catro anos en Londres durante os que realizou cursos de fotografía no Ealing Technical College, ademais de participar en seminarios de especialización fotográfica no Holborn Institute of Arts.
Comezou traballando como socióloga no equipo de urbanismo do sociólogo Mario Gaviria en Londres e Madrid. Realizaba reportaxes fotográficas para acompañar os plans urbanísticos e o talento co que se afanou nesta tarefa acaboulle abrindo as portas de publicacións especializadas antes de dar o salto aos principais xornais e revistas en España. Especializouse en xornalismo de viaxes e realizou guías para a Editorial Anaya Touring Club. Co paso do tempo as súas imaxes chegaron ao público por medio de numerosas exposicións individuais e colectivas.
No 2007 abriu no centro de Madrid a Galería Blanca Berlín, un espazo que en poucos meses xa funcionaba como punto de encontro para a arte fotográfica madrileña e era todo un referente no panorama artístico nacional e internacional. Por este espazo pasaron grandes nomes da escena contemporánea, desde Bartolomé Ros a Martín Chambi.
Tal e como se informa na web da galería, ademais do ciclo de exposicións, o centro dedica especial atención á creación dun escollido fondo á vista do público, que se pode consultar tamén na súa páxina web.
Teresa Fernández-Valdés

Teresa Fernández-Valdés é unha executiva galega, fundadora e directora da compañía Bambú Producciones e considerada pola revista cinematográfica The Hollywood Reporter como unha das 20 mulleres máis influentes e poderosas da industria audiovisual de entretemento do mundo. Desde que fundou a firma en 2007, produciu máis de 30 series de televisión, entre elas Gran Hotel, Velvet, Las chicas del cable, Hispania e Fariña. Ademais, tamén produciu catro longametraxes e cultivou o xénero documental.
Fernández-Valdés naceu en Pontevedra, é licenciada en Xornalismo e, logo de traballar un tempo en prensa, reorientou a súa carreira tras estudar un mestrado en Produción e Xestión Audiovisual. Bambú, fundada en 2007, obtivo o seu primeiro éxito en 2010 con Gran Reserva para TVE, e acadou proxección internacional en 2011 con Gran Hotel. En 2014, após encadear sucesivos éxitos, a executiva galega foi incluída por The Hollywood Reporter, unha publicación de referencia na industria cinematográfica, entre as cinco showrunners (produtoras executivas) máis influentes do mundo; e en 2016 a mesma revista considerouna noutra clasificación unha das mulleres máis importantes da televisión. En 2018 converteuse na primeira muller española en recibir unha medalla de honra no MIPTV de Cannes. Ademais, a revista Forbes declarouna tamén unha das mulleres máis poderosas de España.
As series producidas por Bambú abarcan diferentes xéneros coma o drama de época ou romántico, o policial, histórico e a serie biográfica, e a compañía ten traballado tanto para televisións (TVE, A3, BBC) coma para plataformas de emisión de contidos a través de internet. Las chicas del cable é, de feito, a primeira ficción de Netflix producida en España, e Now and Then suporá o mesmo fito en Apple TV.
As series da compañía da empresaria pontevedresa acadaron audiencias millonarias e éxito en todo o mundo. Ademais, tamén produciu as longametraxes El verano que vivimos, El club de los incomprendidos, Malasaña 32 e A pesar de todo. Recentemente, Bambú produciu Now and Then e Un asunto privado, pendentes ambas de estrea en Apple TV e Amazon Prime Video, respectivamente. Esta última acaba de ser escollida para participar na Sección Oficial da 61 edición do Festival de Televisión de MonteCarlo.
Almudena Bernabéu

Almudena Bernabéu é unha xurista de referencia en dereito internacional e dereitos humanos. Asentada nos EUA desde hai case tres décadas, litigou contra o ditador chileno Pinochet, o guatemalteco Ríos Montt e contra os militares que asasinaron un grupo de xesuítas españois no Salvador en 1989. Máis recentemente, a Audiencia Nacional admitiu a trámite a querela do seu despacho contra nove integrantes da cúpula militar siria polo asasinato dun español.
Bernabéu licenciouse en Dereito na Universidade de Valencia e actualmente é a única española que traballa en casos de xustiza internacional. Chegou ao dereito internacional a raíz do seu traballo de voluntaria con persoas inmigrantes e refuxiadas que chegaban ao noso país e, tres décadas despois, acaba de ingresar na elite do dereito internacional como a primeira barrister non inglesa, un dos dous niveis superiores nos que se divide a avogacía en Inglaterra.
Almudena Bernabéu foi directora do Programa de Xustiza Transicional do Centro de Xustiza e Rendición de Contas (CJA polas súas siglas en inglés) de San Francisco ata o ano 2017. Alén do seu papel esencial para sentar no banco a Pinochet e Montt, tamén investigou e achegou probas esenciais en Chile para xulgar a Pedro Barrientos Núñez, extenente responsable da tortura e asasinato do popular cantante Víctor Jara.
No ano 2015 recibiu o Premio de Dereitos Humanos Letelier-Moffitt, que outorga o Instituto de Estudos Políticos (IPS polas súas siglas en inglés), con sede en Washington, D. C. O seu traballo sempre ao lado das asociacións de vítimas supúxolle ser obxectivo de ameazas e tivo que levar escolta durante algunhas etapas da súa traxectoria.
Tras levar algunhas das causas máis importantes en materia de dereitos humanos, agora continúa a súa loita a través de Grupo Guernica, un despacho internacional co que traballa desde Londres, San Francisco e Madrid.
Placeres Castellanos

Nada en Ponte Caldelas en 1896, Placeres Castellanos foi unha mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira que participou activamente na resistencia francesa contra os nazis. Foi a primeira muller militante da Agrupación Socialista de Vigo (1933); o alzamento de 1936 sorprendeuna en Madrid cando estaba nunha asemblea do Socorro Vermello Internacional e xa non puido retornar á súa terra.
Lonxe de Galiza, e após perder o primeiro dos seus fillos, Castellanos centrouse en tarefas de solidariedade coidando de nenas e nenos dos barrios de Madrid antes de acabar exercendo de enfermeira no Hospital da Fronte do Jarama e no Hospital do VI Corpo do Exército. Tras mudarse a Valencia con problemas de saúde, publicou algún dos seus escritos de guerra no xornal Nueva Galicia e exerceu como secretaria de Solidariedade Antifeixista Galega.
A poucos días da caída da República, a pontevedresa embarcou rumbo ao sur de Francia, onde permaneceu en campos de internamento. Foi alí onde fixo algunhas amizades que a puxeron en contacto coa resistencia francesa. Nun primeiro momento encargábase de lles proporcionar comida e cartos aos presos, portaba mensaxes e facilitaba os contactos, mais pronto a súa audacia chamou a atención do aparato organizativo do maquis, que lle solicitou un maior compromiso. Foi entón cando Castellanos pasou a ser guerrilleira de enlace, portando mercancía comprometida e acollendo na súa casa guerrilleiros fuxidos e mesmo militares, que desempeñarían un importante papel na contenda internacional.
Unha vez rematado o conflito instalouse en Marsella, onde traballou como xornalista. O seu compromiso feminista levouna a representar a cidade no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en novembro de 1945.
Judith Rodríguez

Judith Rodríguez é unha deportista galega, campioa de España e do mundo de esgrima adaptada na modalidade de espada. Exemplo de esforzo, sacrificio e resiliencia, alcanzou a elite da disciplina en cadeira de rodas após sufrir un grave accidente de tráfico en 2018, que truncou a súa puxante carreira no mundo da esgrima.
Iniciouse neste deporte con oito anos e formouse no Club de Esgrima de Vigo El Olivo. Tras unha continua progresión, participou coa selección española en dous mundiais e europeos júnior, e foi subcampioa de España absoluta en categoría individual e campioa por equipos na modalidade de florete.
Con 22 anos sufriu un grave accidente na estrada cando regresaba de disputar o Campionato de España de Clubs en Bohadilla del Monte (Madrid). Sufriu a amputación da perna dereita por debaixo do xeonllo, ademais de graves danos no brazo dereito, polo que tivo que deixar a esgrima temporalmente. Após un duro proceso de recuperación, decidiu practicala en cadeira de rodas.
En 2020 debutou no Campionato de España e colleitou excelentes resultados, e en febreiro de 2022 gañou o Campionato de España en florete tanto na competición individual coma na de equipos, e foi bronce en espada. O seu maior éxito chegaría en abril en São Paulo (Brasil), onde se proclamou campioa do mundo en espada, o maior éxito da esgrima adaptada española en doce anos, alén de obter o quinto posto en florete. O seu próximo grande obxectivo é a participación nos Xogos Olímpicos de París 2024.
Judith é, ademais, graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade de Vigo e adestradora de esgrima de El Olivo. En marzo deste ano participou, con motivo do 8M, nun debate organizado pola Deputación de Pontevedra no que puxo de manifesto o dobre esforzo que teñen que afrontar as mulleres para veren recoñecido o seu traballo.
Emily Greene Balch

Emily Greene Balch foi unha socióloga norteamericana, líder pacifista e sufraxista que fixo campaña contra a entrada dos Estados Unidos na I Guerra Mundial e que cofundou a Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade. En 1946 foi distinguida co Premio Nobel da Paz polo seu traballo e compromiso antibelicista.
Balch (Boston, 1867) graduouse en 1889 na primeira promoción do prestixioso Bryn Mawr College e cursou estudos complementarios en París, Berlín e as universidades de Harvard e Chicago. En 1896 ingresou no Wellesley College, onde en 1913 acadou o posto de profesora de Economía Política e Ciencia Social e Política. Foi ademais unha das líderes da Women's Trade Union League -a primeira organización americana que representou as mulleres no traballo-, defendeu activamente o sufraxio feminino e promoveu reformas para o benestar infantil.
A socióloga asistiu ao Congreso Internacional de Mulleres na Haia en 1915 e desde aquel entón mostrou un compromiso crecente pola paz. Manifestouse en contra da entrada dos EUA no citado conflito bélico, o que lle supuxo o despido en Wellesley en 1918, e un ano despois cofundou, a carón de Jane Addams, a Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade.
Balch, secretaria desta organización ata 1922, axudou a crear escolas de verán sobre a educación para a paz e creou novas sucursais en máis de 50 países. Ademais, traballou coa Sociedade de Nacións en materia de control de drogas, refuxiados e desarme. Como socióloga tamén destacou polo seu estudo exhaustivo sobre as persoas migrantes eslavas nos EUA.
Bea Johnson

Bea Johnson é unha activista ambiental, escritora e conferenciante francesa recoñecida por impulsar o movemento ecolóxico lixo cero a nivel mundial. Orixinaria da comuna francesa de Besanzón e radicada en California desde 1992, é autora do libro Zero Waste e o blog Zero Waste Home, nos que brinda consellos para adoptar un modelo de vida máis sostible no que se reduza ao mínimo a produción de lixo.
A súa norma é "rexeitar todo aquilo que non necesito". A raíz da grave crise económica de 2008, Johnson adoptou un estilo de vida minimalista e está considerada a precursora do movemento global Zero Waste. O seu obxectivo é inspirar máis persoas para que se comprometan a vivir dunha forma máis respectuosa co medio.
Jonhson defende que este estilo de vida pode reducir ata un 40 % o gasto total dunha familia de catro persoas levando unha vida sinxela e adaptada á cultura e ao país en que se viva. Esta especialista en sostibilidade e novos modelos de consumo responsable viu traducido o seu libro a máis de vinte idiomas e actualmente participa en encontros por todo o mundo para sumar adeptos á súa causa.
Segundo esta activista hai que se guiar polas cinco erres: rexeitar o que non precisamos, reducir o consumo, reutilizar as cousas, reciclar como última opción e compostar o residuo orgánico. Algúns dos consellos que proporciona nas súas charlas son: adquirir produtos a granel, empregar tarros de cristal para almacenar as cousas e fabricar os seus propios sacos para o lixo.
Gloria Moure

Gloria Moure (Barcelona, 1946) é unha historiadora da arte, crítica, comisaria e editora española. Actualmente exerce como comisaria independente e traballa como editora asociada en Ediciones Polígrafa, onde dirixe a Colección 20/21 , unha serie de monografías dedicadas a artistas contemporáneos de referencia. Foi unha das primeiras mulleres directoras de museos en España.
Moure é licenciada en Historia da Arte pola Facultade de Filosofía e Historia e doutora en Historia da Arte pola Facultade de Belas Artes, ambas pola Universidade de Barcelona. Exerceu de crítica de arte e comisariou exposicións de arte contemporánea en diversos museos españois e estranxeiros. Súa é a primeira retrospectiva en Italia de Marcel Broodthaers (2021) e acaba de inaugurar no Museo de Belas Artes de Gante (Bélxica) a exposición sobre Medardo Rosso, pioneiro da escultura moderna.
A finais dos anos setenta comezou a traballar como comisaria independente e en 1984 realizou a retrospectiva de Marcel Duchamp en Barcelona, Madrid e Colonia. Foi directora da Fundación Espai Poblenou en Barcelona e tivo un papel nuclear na posta en marcha e consolidación do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. Foi nomeada directora desta institución en 1994 e a responsable de traer a Galicia as exposicións retrospectivas de Vito Acconci, Félix González-Torres, Giovanni Anselmo, Medardo Rosso e Ana Mendieta, entre outras moitas figuras fundamentais da arte contemporánea.
O seu currículo é impresionante: foi integrante do comité asesor da dirección do Museo Nacional Raíña Sofía de Madrid entre 1993-1997 e da comisión de valoración de proxectos urbanísticos do Concello de Barcelona, tamén exerceu como vicepresidenta executiva e formou parte do consello directivo do Barcelona Institute of Architecture (BIArch) durante dous anos.
Violeta Mosquera

Violeta Mosquera é unha música galega, batería de Bala, dúo de rock duro que acadou un importante recoñecemento internacional, e imparte clases deste instrumento en Pontevedra, cidade na que leva afincada desde hai máis de 15 anos. Licenciada en Comunicación Audiovisual e doutorada en Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, Mosquera implicouse tamén en iniciativas culturais coma Live in Litium ou RockLab.
É natural de Lugo e trasladouse a Pontevedra para estudar a carreira de Comunicación Audiovisual. En 2013 formou Bala coa coruñesa Anxela Baltar logo de coincidiren nun concerto coas súas respectivas bandas naquel momento. O dúo de batería e guitarra fai un rock enérxico e contundente con influencias do grunge, do hardcore e do metal. Ata o de agora publicaron tres álbums, o último deles, Maleza, en 2021. Bala actuou nos grandes festivais de España e Portugal, e en países coma o Xapón, Australia, os Estados Unidos, Colombia e o Reino Unido.
Mosquera imparte clases de batería na escola de artes Estudo Bonobo de Pontevedra e en 2021 foi a pregoeira das Festas da Peregrina. É unha firme defensora da promoción das mulleres no mundo da música, expresión artística que entende tamén como unha arma da loita feminista. Ao longo da súa carreira enfrontouse a moitas situacións de machismo, desde comentarios paternalistas eloxiando a calidade da súa música “malia seren mulleres” ata negativas en probas de batería só polo feito de selo.
Bala naceu, segundo ten explicado Violeta, pola necesidade que tiñan ela e Anxela de poder traballar con mulleres.
Letitia Mumford Geer

Letitia Mumford Geer foi unha enfermeira e inventora estadounidense, responsable dunha contribución fundamental ao mundo da medicina que se mantén practicamente sen variacións ata a actualidade. Esta neoiorquina patentou, en abril de 1899, un novo tipo de xiringa, que como novidade permitía o seu uso cunha soa man, algo que facilitaba moitísimo o traballo do persoal sanitario nos centros de saúde e hospitais. Aínda que antes xa se usaban outras xiringas de tipo máis rudimentario, a súa innovación foi tan certeira que non puido ser superada máis dun século despois.
Pouco se sabe da súa vida, máis alá de que naceu en 1852 ou 1853 na cidade de Nova York e que faleceu en 1935. O seu invento ten aínda máis valor visto con perspectiva, por se producir nun momento realmente complexo para as mulleres inventoras. A finais do século xix xa se lles permitía rexistrar os seus propios deseños, pero estaban obrigadas a presentar moitas máis probas e documentos ca os homes. Esta discriminación sistémica explica que nesa época apenas o 1 % das patentes concedidas nos EUA levasen o nome dunha muller.
O seu invento foi descrito como “unha xiringa dunha soa man”. Á hora de explicar o seu traballo, Mumford Geer sinalou con toda naturalidade que o seu obxectivo era dotar o sistema sanitario de comezos do século xx dunha ferramenta que lle permitise a unha persoa inxectar o contido da xiringa sen axuda dunha ou dun asistente.
Na solicitude de patente incorporou debuxos para explicar como manipular a xiringa e unha descrición completa. “O dispositivo é moi simple e barato”, aseguraba a súa autora.
Carlota Álvarez Basso

Carlota Álvarez Basso (Vigo, 1964) é unha xestora cultural española especializada en arte contemporánea e unha firme defensora e promotora do talento feminino e da igualdade na industria audiovisual. En 2018 fundou, xunto a Diego Mas Trelles, o Festival Cine por Mulleres e foi elixida no Top 100 Mulleres Líderes de España na categoría de cultura, ocio e deporte.
Álvarez Basso estudou Socioloxía na Universidade de Nanterre, en París, e realizou prácticas durante nove meses no Departamento de Videoarte do Museo de Arte Moderna de Nova York (Moma). Ao longo de máis de tres décadas de impecable traxectoria profesional ocupou cargos directivos en diferentes institucións culturais. Foi xefa do Departamento de Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid (1992-1999), dirixiu o Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra e foi responsable do proxecto museístico do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), do que foi directora ata 2005.
É unha figura fundamental para entender a historia da arte contemporánea española. A viguesa dirixiu o centro cultural Matadero Madrid durante cinco anos e a comezos de 2018 regresou ao Museo Reina Sofía para traballar na Subdirección Artística. Alí codirixe o Festival Cine por Mulleres.
Muller inconformista, un dos seus últimos proxectos foi a posta en marcha no ano 2020 da plataforma RAMPA (Rede Aberta de Mulleres Profesionais do Audiovisual), un directorio aberto e en liña que permite localizar mulleres profesionais do sector audiovisual español co obxectivo de combater a fenda de xénero na industria.
Elena Pita

Elena Pita é experta en medio ambiente, desenvolvemento sostible e cambio climático. Foi oficiala do Programa de Adaptación ao Cambio Climático na Oficina Rexional para América Latina e o Caribe da ONU Medio Ambiente, e desde 2020 dirixe a Fundación Biodiversidade, un equipo multidisciplinar adscrito ao Ministerio para a Transición Enerxética que traballa desde hai case tres décadas na preservación do patrimonio natural e da biodiversidade.
Pita é enxeñeira agrónoma pola Universidade Politécnica de Madrid e ten a mestría universitaria en Ciencias en Economía da Explotación Agrícola e dos Recursos Naturais polo Instituto Agronómico Mediterráneo de Montpellier. O seu traballo sempre tivo unha fonda vocación internacional. Exerceu de consultora para a Dirección Xeral de Cooperación Internacional e Desenvolvemento da Comisión Europea e para a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), así como para a Oficina Española de Cambio Climático (OECC).
Pita posúe unha ampla experiencia en temas ambientais e de desenvolvemento sostible e participou tanto na definición de políticas e estratexias a nivel nacional e internacional coma a nivel operativo, executando proxectos, especialmente en África, e formando parte das negociacións internacionais de cambio climático.
A Fundación Biodiversidade, a cal dirixe desde hai dous anos, aposta pola xeración de emprego verde e por fomentar a cooperación das institucións públicas co sector privado a través de programas como “Empleaverde” ou a Iniciativa Española Empresa e Biodiversidade.
Semíramis González Fernández

Semíramis González Fernández (Xixón, 1988) é comisaria, historiadora da arte e feminista centrada na reivindicación do papel da muller na arte contemporánea. Traballa como comisaria independente e actualmente é directora artística das feiras JUSTMAD (Madrid) e JUSTLX (Lisboa).
González Fernández é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Oviedo e cursou o máster en Historia da Arte Contemporánea e Cultura Visual no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, pola Universidade Complutense de Madrid. Entre os seus proxectos comisariados figuran “En lo salvaje”, no Centro de Arte de Alcobendas; o proxecto de novos artistas “Futuro presente”, na Sala Amadís de Madrid; “Contra la piel”, no espazo Área 60 do TEA (Tenerife Espazo das Artes); ou “Equivocada no es mi nombre. Arte contra la violencia machista”, no LABoral Centro de Arte (Xixón).
A asturiana ten traballado con algúns dos museos e das institucións máis importantes do país, coma o Museo Es Baluard de Mallorca, o Festival PHotoEspaña, SCAN Tarragona (Festival Internacional de Fotografía), o Centro Atlántico de Arte Moderna (CAAM) de Las Palmas, Fiebre Photobook, ou o Instituto Aragonés de Arte e Cultura Contemporáneas Pablo Serrano en Zaragoza, entre outros moitos espazos expositivos e certames.
En 2019 foi xurado do Premio Nacional de Fotografía e traballa como docente no máster de Fotografía Contemporánea e Proxectos Persoais da escola de fotografía Efti. Recibiu o Premio Fetico Aequalitas 2021, que recoñece o traballo a iniciativas feministas en distintos campos da cultura.
Alva Myrdal

Alva Myrdal foi unha diplomática, activa feminista e pacifista. Como ministra do Goberno sueco destacou polo seu traballo a prol da posta en marcha de importantes reformas sociais e na defensa da igualdade entre mulleres e homes. En 1982 recibiu, xunto ao mexicano Alfonso García Robles, o Premio Nobel da Paz pola súa contribución ao movemento de desarme nuclear durante os anos sesenta e setenta.
Myrdal, nada en Suecia en 1902, pertencía a unha familia socialdemócrata e foi instruída desde nena en temas políticos e de xustiza social. Estudou socioloxía nas universidades de Upsala, Estocolmo e Xenebra. O seu nome comezou a soar na década de 1930 como coautora dun libro titulado Crisis in the Population Question, onde defende que as reformas sociais son necesarias para permitir a liberdade individual. Está considerada unha das principais impulsoras do estado de benestar sueco.
Muller adiantada ao seu tempo, en 1935 publicou un libro sobre educación infantil con ideas radicais para a época, como a creación dunha rede de escolas infantís e asignacións familiares. En 1949 involucrouse en temas de ámbito internacional ao ser nomeada directora da Oficina de Asuntos Sociais da ONU e en 1951 pasou a dirixir o Departamento de Ciencias Sociais da Unesco.
Myrdal foi unha importante integrante do Partido Socialdemócrata Sueco e traballou como embaixadora na India, Birmania e Sri Lanka entre 1955 e 1961, ano no que regresa a Suecia como asesora especial para o desarme no Ministerio de Asuntos Exteriores. En 1962 encabezou a delegación sueca na conferencia da ONU sobre desarme en Xenebra.
Participou na creación do Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo e nos anos setenta propuxo a creación dunha zona nórdica libre de armas nucleares.
Kizzmekia "Kizzy" Shanta Corbett

Kizzmekia "Kizzy" Shanta Corbett é unha inmunóloga viral do Centro de Investigación de Vacinas do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas dos EUA. Ingresou na institución en 2014 e liderou os ensaios da vacina contra a COVID-19 no país norteamericano. O seu é un dos nomes aos que debemos a vacina contra esta enfermidade, xa que o seu equipo foi o encargado de desenvolver a vacina de Moderna.
Nada en Carolina do Norte en 1986, graduouse en Ciencias Biolóxicas e Socioloxía na Universidade de Maryland en 2008 e en 2014 concluíu o doutoramento en Microbioloxía e Inmunoloxía da Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill.
Acumula máis de 15 anos de experiencia no estudo do virus do dengue, o virus respiratorio sincitial, o virus da gripe e os coronavirus. Polo seu importante traballo ten recibido prestixiosos recoñecementos, coma o Premio Benjamin Franklin Next Gen e o Premio Salzman Memorial en Viroloxía.
A doutora Corbett é unha referente para as novas xeracións. Inviste gran parte do seu tempo en traballar con comunidades desatendidas e forma parte de programas que promoven as disciplinas STEM entre a xuventude, ademais de realizar neste último ano e medio un importante labor de conciencieación da poboación sobre os beneficios das vacinas.
En decembro de 2021 a revista Time recoñeceuna xunto con outros tres científicos como “Heroes e heroínas do ano”, por poñer durante os dous últimos anos o seu coñecemento e toda a súa enerxía ao servizo da humanidade e polo impacto global do seu traballo sobre a saúde e o benestar da poboación mundial.
Jameela Alia Jamil

Jameela Alia Jamil é unha actriz, presentadora de radio, modelo, escritora e activista británica. Foi a primeira presentadora feminina en solitario do popular programa de listas da BBC Radio 1. Tras consolidarse como actriz e presentadora nos EUA, en abril de 2020 inaugurou o seu propio podcast I Weigh with Jameela Jamil, que se centra en darlles visibilidade aos logros das mulleres, á positividade corporal e á inclusión racial.
Nada en Londres en 1986, comezou a súa carreira en Channel 4, onde conduciu unha serie de cultura pop antes de dar o salto á radiofórmula. Con apenas vinte anos converteuse nunha celebridade e tivo claro desde o primeiro momento que empregaría a súa popularidade para loitar contra os estereotipos irreais que a industria audiovisual, a moda ou as redes sociais lles impoñen ás mulleres.
É coñecida a nivel internacional polo seu papel de Tahani Al-Jamil na comedia The Good Place, como presentadora de varios programas nocturnos nos EUA e como xuíz do programa de competencia de telerrealidade Legendary.
Jamil está en contra do retoque fotográfico e foi a responsable de lanzar en redes a etiqueta #iweigh para animar a mulleres de todo o mundo a compartir fotografías non editadas.
A finais de 2015 creou Why Not People?, unha empresa de eventos e asociacións dedicada a acoller eventos de entretemento en directo accesibles para persoas con discapacidade. Alia Jamil recoñeceu un desorde alimentario na súa adolescencia e dirixe boa parte dos seus esforzos a loitar contra a publicidade de produtos dietéticos e supresores do apetito nas redes sociais polo perigo que supoñen para as adolescentes.
Carrie Frances Fisher

Carrie Frances Fisher foi unha actriz, escritora e guionista estadounidense de cine e televisión, recoñecida mundialmente por interpretar a princesa Leia na saga A guerra das galaxias. Tiña vinte anos cando interpretou por primeira vez o papel desta líder, muller forte e guerreira que non se librou da excesiva sexualización que a industria cinematográfica lles imprimía ás mulleres.
Natural de California (1956), Fisher debutou no vídeo musical You're Sixteen de Ringo Starr e dous anos despois apareceu no filme Shampoo. Era 1977 cando lle deu vida por primeira vez á princesa Leia Organa e se convertía nun dos rostros máis queridos da industria do cinema.
Fisher fixo públicos anos despois o trato sexista e discriminatorio ao que se viu sometida durante a súa carreira, comezando polo innecesario bikini dourado que se viu obrigada a lucir en O retorno do Jedi, capítulo final da triloxía orixinal. Este traxe de baño converteu a Fisher nunha icona pop e nun símbolo sexual, trazando unha imaxe da que tratou de fuxir durante toda a súa traxectoria, na que participou en máis de oitenta producións.
Fisher foi nomeada dúas veces ao Premio Primetime Emmy á mellor actriz convidada nunha serie de comedia polas súas actuacións nas series de televisión 30 Rock e Catastrophe. As homenaxes non cesaron após o seu falecemento en 2016. De forma póstuma foi nomeada Lenda de Disney (2017) e un ano despois recibiu un Premio Grammy póstumo ao mellor álbum falado.
Tamén foi autora de dous libros de éxito de marcado carácter autobiográfico, Postcards from the Edge, mais o guión do mesmo nome para a película, e Wishful Drinking.
Princess Nothemba (Nono) Simelela

A doutora Princess Nothemba (Nono) Simelela é subdirectora xeral para Familia, Muller, Infancia e Adolescencia da Organización Mundial da Saúde (OMS) e unha figura fundamental na importancia global que se lle dá á vixilancia e loita contra o cancro cervicouterino. Ten publicado numerosos traballos sobre a saúde da muller e colaborado na elaboración de directrices destinadas a previr a transmisión maternoinfantil do VIH.
Natural de Suráfrica, foi a primeira persoa negra en obter o título de obstetra na Universidade Médica de Suráfrica (MEDUNSA, polas súas siglas en inglés). Traballou como docente no Hospital George Mukhari e o seu interese pola saúde feminina e a loita contra o VIH motivouna a aceptar un posto no Departamento de Saúde do Goberno, onde dirixiu o programa nacional para o VIH, a tuberculose e as infeccións de transmisión sexual. Hoxe suma máis de 30 anos de experiencia como obstetra, académica e funcionaria pública.
Exerceu como asesora especial do vicepresidente da República de Suráfrica, foi directora executiva do Consello Nacional Surafricano da Sida e directora de Coñecemento Técnico e Apoio para a Federación Internacional de Planificación da Familia (IPPF), onde loitou pola saúde e polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
Ten publicado numerosos traballos sobre saúde feminina e desempeñado un papel fundamental na introdución de programas para previr a transmisión maternoinfantil do VIH no mundo.
Marcela Lagarde

Marcela Lagarde é unha política, académica, antropóloga e investigadora mexicana especializada en etnoloxía e unha das máximas representantes do feminismo latinoamericano. Foi a primeira persoa en empregar o termo feminicidio en español para denominar o asasinato dunha muller por razóns de xénero, no seu caso para referirse á desaparición masiva de nenas e mulleres en Ciudad Juárez. Co seu traballo logrou crear unha Comisión Especial de Feminicidio no Congreso para investigar o asasinato de mulleres en México.
Lagarde (Ciudad de México, 1948) é catedrática e profesora xubilada da Universidade Nacional Autónoma de México. Fundadora da Rede de Investigadoras para a Vida e a Liberdade das Mulleres, está considerada a máis importante referente do feminismo en América Latina. É autora de numerosos artigos e libros sobre xénero, feminismo, desenvolvemento humano e democracia, poder e autonomía da muller.
As súas inquedanzas sociais motivárona a participar en política. Presentouse ás eleccións como candidata independente nas listas do Partido da Revolución Democrática (PRD) e foi elixida deputada no Congreso Federal de México entre 2003 e 2006, do que destaca o seu traballo a prol dos dereitos das mulleres.
Lagarde tamén forma parte do Grupo Asesor Internacional da Sociedade Civil da ONU Mulleres, cuxo fin é impulsar estratexias para promover a igualdade de xénero e apoderar as mulleres.
As súas achegas foron determinantes para situar a violencia contra as mulleres no centro do debate político e público. Dirixiu a investigación diagnóstica sobre violencia feminicida na República Mexicana, na que se constatou que o feminicidio non é exclusivo de Ciudad Juárez. Posteriormente, loitou por catalogar de forma específica este delito no Código Penal mexicano e traballou a prol da Lei xeral de acceso das mulleres a unha vida libre de violencia, vixente no país desde o 2 de febreiro do 2007.
Selma Blair

A historia de Selma Blair, actriz norteamericana diagnosticada hai uns anos de esclerose múltiple, pode ser a de moitas outras mulleres ignoradas de forma sistemática polo sistema sanitario. A intérprete decidiu compartir publicamente a súa loita contra esta enfermidade e axudar a sociedade estadounidense a comprendela mellor, a ter máis empatía coas persoas que a sofren, nun intento por denunciar o moito que lles custa ás mulleres que o persoal médico as tome en serio.
Malia a súa popularidade, Blair recoñece que comezou a sentir cansazo e dores despois de ser nai en 2011, mais tardaría un lustro en contar cun diagnóstico. Ela insistía en pedir unha resonancia magnética e chegou a denunciar nunha entrevista en ABC News que houbo profesionais que a ignoraron durante anos e atribuían as súas dores a temas de nervios e hormonais. É o que academicamente se coñece como gender bias ou prexuízo de xénero, que persiste no sistema sanitario a nivel global.
Non foi ata que caeu diante dun doutor que comezaron a investigar o que lle acontecía. As súas doenzas eran una manifestación da esclerose múltiple, coa que leva anos batallando e á que decidiu darlle visibilidade. Lonxe de ocultar o seu deterioro físico, Blair decidiu presentarse con bastón na gala dos Oscar e compartiu a perda de cabelo nas súas redes sociais, algo infrecuente nunha actriz nova. Tamén fai pedagoxía sobre os tratamentos experimentais e ten reclamado máis fondos para a investigación da enfermidade.
En 2021 estreou un documental titulado Introducing Selma Blair no que amosa como é a súa vida con esclerose múltiple. Optou por encarar a enfermidade con franqueza e como unha oportunidade de concienciar a sociedade sobre o que ela e outras persoas están a experimentar coa súa doenza; todo un exemplo de superación.
Mary Wigman

Mary Wigman é o nome artístico de Karoline Sophie Marie Wiegmann, unha bailarina e coreógrafa alemá, a máis alta expoñente da danza expresionista. A súa grande achega a esta disciplina foi elaborar técnicas de movemento desestruturadas que producirían unha nova xeración de bailarinas e bailaríns. Está considerada unha das bailarinas de maior importancia para a danza contemporánea.
Wigman (Hannover, 1886) comezou practicando ximnasia rítmica e decidiuse a bailar aos 20 anos. Desde o primeiro momento tivo estreitos contactos co grupo expresionista Die Brücke, un movemento de artistas plásticos que buscaban experimentar novas formas de facer arte como forma de protesta aos academicismos típicos da belle époque. En 1913 converteuse en axudante de Rudolf von Laban, un mestre de danza húngaro coñecido por documentar todas as poses do movemento humano.
En 1920 estableceu unha escola en Dresde, desde onde transmitiu a súa experiencia e o aprendido dos seus mestres e por onde pasaron bailarinas coma Margarethe Wallman, Gret Palucca ou Hanya Holm, quen sería unha das principais responsables do baile moderno nos Estados Unidos.
A carreira como coreógrafa de Wigman comezou en 1914 e prolongaríase ata a década dos sesenta. Para esta artista a danza era unha expresión do interior do individuo, na que a expresividade tiña máis relevancia que a forma. Incentivaba a improvisación, os movementos libres e espontáneos, e probaba novas formas de moverse polo escenario baseadas nun principio de tensión-relaxación para darlle maior dinamismo ao movemento.