A sede da Deputación en Vigo acolle a “pioneira, rompedora e reivindicativa” exposición “Pequena enciclopedia de fotografía” de Rosa Neutro

Carmela Silva: “Temos que loitar para situar ás mulleres, que somos máis da metade do mundo e a aplastante maioría das persoas tituladas en Belas Artes, no lugar que por dereito merecemos”

31/01/2022

A pioneira e rompedora exposición “Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)” de Rosa Neutro encherá de reivindicación feminista a sala Maruja Mallo da sede da Deputación en Vigo ata o próximo 31 de marzo. A mostra, inaugurada esta tarde pola presidenta Carmela Silva e por Rosa Neutro, acompañadas de representantes do mundo da cultura da sociedade viguesa, reflexiona sobre a infrarrepresentación das mulleres da arte e a necesidade de que formen parte activa, como autoras, da historia da fotografía. Trátase en definitiva dun proxecto multidisciplinar que combina fotografía, escultura, instalación e pintura. O evento contou coa música de jazz da contrabaixista Yudit Almeida e do pianista Xan Campos.

Carmela Silva puxo en valor a necesidade de impulsar mostras como esta “que poñen o aceno e evidencian o forte dominio patriarcal que padecemos en numerosos ámbitos da sociedade e fronte ao que temos que loitar para situar ás mulleres, que somos máis da metade do mundo e a aplastante maioría das tituladas en Belas Artes, no lugar no que por dereito merecemos”. A presidenta provincial, que enxalzou a traxectoria e a valentía de Rosa Neutro, “unha artista recoñecida e empoderada que loita pola igualdade desde o seu ámbito”, lamentou a invisibilidade das mulleres no mundo da arte e a fenda de xénero existente. Reivindicou por elo a necesidade de rachar coa desigualdade na arte e na fotografía onde a representación feminina activa, como autoras, é, se cabe, aínda máis  minoritaria que noutros eidos.

Neste mesmo aspecto incidiu Rosa Neutro, quen detallou que “a muller estivo moi presente como representación pero non como autora na fotografía. Houbo moitas mulleres que se integraron nesta técnica xa que pola súa xuventude non había a tradición masculina doutras disciplinas artísticas, pero sen embargo a maioría dos contidos e autores son masculinos”. Así, “Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)” parte dos cascallos que a autora recolle no espazo público como “unha metáfora dese baleiro que hai na nosa formación, nos nosos referentes” pero sobre todo “ten moito que ver co feito de aproveitar eses restos do noso coñecemento e dar resposta á pregunta de que acontece se collo os cascallos da miña aprendizaxe e a partir das imaxes deles constrúo unha pequena historia da muller”.

“Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)” amosa parte da aprendizaxe da artista, concretamente da fotografía, repensando os referentes masculinos e construíndo unha “pequena historia de reconciliación”.  “O que fago –asegurou Neutro- é coller unha imaxe de muller representada por 160 autores distintos, e adaptala, darlle forma a través da pedra, reinterpretando esa fotografía para atopar diferentes ou novos significados”.
Así, na Sala Maruja Mallo poderemos ver ata o 31 de marzo estes cascallos que a propia artista recolleu nos que estarán transferidas fotografías fragmentadas. Estas pezas están pousadas descansando sobre tomos de enciclopedias antigas, totalmente recicladas, intervidas e cheas de cor (-de xeito que xa non se poden ler-), facendo fincapé e reivindicando a necesidade de que as mulleres formen parte activa, como autoras, da historia da arte: “se a enciclopedia recolle todos os saberes, eu quero plasmar enciclopedias que recollen os meus saberes”, subliñou Rosa Neutro. Xunto aos cascallos, o traballo pictórico e a fotografía recuperada, a mostra presenta tamén un traballo escultórico con dúas pezas de maior tamaño que parten da idea inicial da autora, reinterpretando obras da historia da fotografía.

Con motivo da organización desta mostra, a sede de Vigo da Deputación ten previstas actividades paralelas. Así, o 11 de febreiro ás 19 horas terá lugar unha visita guiada e o 18 de marzo un obradoiro creativo entre as 17 e as 20.30 horas para persoas maiores de 16 anos.

Rosa Neutro (Cangas, 1979) é licenciada en Belas Artes, con estudos en artes aplicadas e deseño gráfico. Como artista indaga en cuestións que teñen que ver coa construción da identidade, cos clixés femininos e coas relacións e contradicións da muller-artista-nai e as súas dificultades para definirse e ter unha presenza significativa no mundo. Combina  diferentes técnicas como a fotografía, fotomontaxe, instalación ou poesía co obxectivo de salientar a natureza e o carácter múltiple, indefinido e cambiante do concepto “muller”.

Galerias de imagenes