A Deputación aproba máis de medio millón de euros para outros catro municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos

Poio, Marín, O Porriño e A Guarda realizarán actuacións de pavimentación, acondicionamento ou saneamento con fondos provinciais

06/05/2022

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar na súa última sesión recursos para outros catro municipios da provincia da man do Plan Concellos. Estes fondos provinciais supoñen unha inversión de 554.000 euros cos que Poio, Marín, O Porriño e A Guarda realizarán actuacións de pavimentación, acondicionamento ou saneamento.

A Poio chegarán cerca de 222.000 euros cos que se acondicionará e mellorará a Praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Con estes fondos levaranse a cabo traballos de humanización mediante a mellora do pavimento e a eliminación de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes no entorno da desta praza. Ademais, xerarase unha plataforma única de circulación con prioridade peonil no tramo da rúa Capela. Para Marín foron aprobados 119.640 euros para a restauración da fonte e lavadoiro de Mogor. Esta achega tamén servirá para acondicionar e poñer en valor o seu entorno e mellorar a accesibilidade nos itinerarios peonís.

A Deputación tamén deu luz verde a 76.000 euros para O Porriño cos que este concello mellorará o asfaltado da rúa Lugo (na parroquia de O Porriño) e do Camiño do Cristo da Pereira (na parroquia Torneiros), na que tamén se realizarán actuacións de saneamento. Na Guarda os fondos provinciais aprobados, que ascenden a preto de 137.000 euros, servirán para a pavimentación e saneamento de vías municipais. As intervencións realizaranse no camiño das Tomadas, na baixada a San Caetano, na transversal Doantes de Sangue, na rúa Pahiños Buxán, na estrada San Lorenzo - O castro e no tramo da Roda a Chanfrías.

audios