A Deputación cambia de data o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’ das Letras Galegas en Vigo para o martes 24 de maio

No evento presentarase e entregarase de balde ao público unha banda deseñada sobre a biografía do poeta e loitador antifascista

09/05/2022

Letras galegas florencio

A Deputación de Pontevedra vén de cambiar a data de celebración do espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’ que terá lugar en Vigo co gallo das Letras Galegas e finalmente será o vindeiro martes 24 de maio en lugar deste mércores 11.  No evento presentarase e entregarase de balde ao público unha banda deseñada editada polos departamentos de Lingua e Memoria Histórica provinciais para dar a coñecer á mocidade e ao público xeral a vida e obra do poeta e loitador antifranquista ao que se homenaxea este ano.

O público interesado en asistir ao acto do martes 24 ás 19 horas, organizado a través dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica,  deberá realizar a súa inscrición a través do formulario habilitado na páxina web depo.gal, admitíndose reservas ata completar cabida.

No espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’  Serafín Marcos fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes.

O evento parte dun verso tomado unha obra de Delgado Gurriarán e pretende descubrir a traxectoria que fai ao escritor ser merecedor do recoñecemento das Letras Galegas deste ano. Será unha “viaxe de volta ao seu Córgomo natal revivindo a travesía marítima de fuxida no Ipanema e gozando pausadamente da natureza valdeorresa, un relato dinámico e participativo no que os versos de Florencio cobran vida”, explica o autor noiés.

Por outra banda, presentarase tamén en Vigo a banda deseñada (BD) que pretende que a mocidade e o público xeral “descubra e se apaixone” coa biografía de Florencio Delgado Gurriarán. Foi realizada de maneira coral por alumnado e persoal da escola ‘O Garaxe Hermético’: coordinada por Kiko Dasilva, con Fernando Llor no guión, Fernando Iglesias na rotulación de textos, e Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez nas ilustracións.

Segundo explica o coordinador, trátase dun libro diferente “que vai chamar a atención” porque fai protagonista do libro autobiográfico á xente moza. De feito, a historia da BD é a de tres rapazas que teñen que afrontar a encarga da súa mestra de realizar un traballo sobre Florencio Delgado Gurriarán. “Primeiro están perdidas e aburridas, dicindo ‘outra vez un traballo de Lingua Galega para as Letras Galegas’, pero despois descobren e apaixónanse sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán¸ descubrindo unha persoa comprometida coa terra e que incluso participou nas guerrillas, un poeta e un loitador antifascista comprometido coa República e co galeguismo”, afirma Dasilva.

A obra está destinada principalmente á rapazada e ao público adulto, non tanto ás crianzas, posto que inclúe escenas “duras” da Guerra Civil “aínda que contadas con elegancia e poética para non ferir sensibilidades”, subliña o coordinador, que explica que a historia está narrada en varios tempos, o presente (das rapazas), e o pasado, con varios saltos temporais para falar da vida do autor que inclúen tratamentos gráficos diferentes.

“É un ‘traballazo’ feito en tempo récord e cunha grande calidade, posible grazas á multiplicidade de autores e autoras que están entrenados a facer unha BD deste estilo e que saben como funciona”, subliñou Dasilva.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.