A Deputación proxecta mañá en Moaña o documental de memoria histórica ‘Acorda’ no que interveñen Uxía, Tanxugueiras e Sheila Patricia

A Casa da Mocidade acolle tamén unha exposición sobre o como se fixo a produción audiovisual, que xa foi aplaudido no Festival de Cine de Ourense e en Cineuropa

11/03/2022

Acorda en Moaña

O documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, peza audiovisual producida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música, proxectarase  mañá sábado ás 19 horas na Casa da Xuventude de Moaña con entrada libre ata completar capacidade. Ademais da exhibición tamén haberá un coloquio posterior no que participará a deputada de Memoria María Ortega e algunhas das persoas que participaron no proxecto.

A peza documental da Deputación de Pontevedra xurdiu trala idea orixinal do departamento de Memoria provincial, quen outorgou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, a Lucas Terceiro a realización,  a Lois Pérez o guión e a Montse Fajardo o asesoramento de contidos.

No proxecto  participan voces moi diversas e reivindicativas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés que viviron de preto a represión franquista.

O obxectivo de ‘Acorda’ é achegar a temática da memoria histórica ao público xeral, neste caso a través dun formato como o audiovisual que non é habitual. No documental faise un percorrido por diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na provincia de Pontevedra, ben por ser lugares nos que se produciron execucións, de enterro ou relacionados coa República: a antiga ‘Escola Normal’ en Pontevedra; a Ponte Regueiro, en A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura; e finalmente a Illa de San Simón.

Antes do pase en Moaña, o documental ‘Acorda’ foi previsualizado tivo moi boa acollida do público no Teatro Principal de Pontevedra, a súa estrea oficial no Ourense Film Festival -optando ao  Premio Xacobeo-, e tamén pasou por ‘Cineuropa’, onde foi considerado parte “da produción galega máis relevante” de 2021.

Exposición

A rodaxe do documental ‘Acorda’ deu lugar a un traballo fotográfico que recolleu como se fixeron cada unha das gravacións das pezas musicais e das caracterizacións nos lugares vinculados á memoria histórica da provincia: Pontevedra, A Estrada, Marín, Cangas, Alcabre, A Volta da Moura, A Volta dos Nove e a illa de San Simón.

As imaxes organizáronse para compoñer unha mostra que funciona como complemento á proxección da peza audiovisual e que inclúe arredor de medio cento de fotografías tomadas pola fotógrafa Alba Díaz. Nelas retrátase o elenco, as persoas de asociacións e colectivos que colaboraron na gravación, así como o persoal da produción artística, e tamén os lugares da memoria. As imaxes están acompañadas de textos escritos polo guionista e narrador Lois Pérez nos que se lembra o acontecido en cada un deles logo do golpe do 36. A exposición estará a disposición do público na Casa da Xuventude de Moaña.