A Deputación traslada a súa “profunda dor” e condolencia polo falecemento de Domingo Villar

Carmela Silva expresa a súa consternación pola perda do escritor vigués nun día “tan triste para a cultura” e invita a gozar do seu legado: “fíxonos enormemente felices coa súa obra”

18/05/2022

A Deputación de Pontevedra lamentou hoxe “con profundo pesar” o falecemento do escritor Domingo Villar e trasladou á familia do creador vigués e ás súas amizades a condolencia pola súa perda. A presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou que vaise “un autor extraordinario, alguén do que todas e todos sentímonos orgullosas/os e que fíxonos enormemente felices coa súa obra. Hoxe sentimos unha profunda dor, pero déixanos tanto!”. “Hoxe”, engadiu a presidenta, “o inspector Leo Caldas, un personaxe incrible, chora con todas/os nós”.

A presidenta provincial lembrou que a obra de Villar, traducida a moitos idiomas e tamén levada á  gran pantalla, glosa a ría de Vigo “que tanto amou Domingo, e as ondas do mar de Vigo, das que falou Martín Códax, seguirán mecendo o seu recordo”. Para Carmela Silva, que agradeceu tamén a colaboración de Villar coa Deputación sempre que tivo ocasión para elo, a súa figura é inesquecible tamén pola faceta humana: “recordo que cando o nomearon Vigués distinguido foise pronto porque quedara no Elixio (a mítica taberna viguesa, eterno escenario das súas novelas) para celebralo”.

Domingo Villar, como autor de obras da relevancia de Ollos de Auga, A praia dos afogados ou O Último Barco, forma xa parte dun selecto elenco de imaxinadores/as de novela negra imprescindibles en toda biblioteca. O seu célebre inspector Caldas ocupa tamén un lugar propio ao lado doutros/as detectives da literatura universal. A Deputación súmase ao pesar xeral polo pasamento dun escritor que nunca perdeu o contacto coa terra e impregnado do sentimento da paisaxe de Galicia. Villar, que finou xusto despois do Día das Letras Galegas, foi tamén un creador fundamental para entendelo auxe da literatura galega contemporánea.

A Deputación valora o seu respecto absoluto polos lectores e lectoras, a defensa da lingua e a proxección de Vigo, da provincia e de Galicia que emana de toda a súa obra. Ao mesmo tempo recoñece o seu traballo creativo a conciencia, inconformista ata a obsesión para que cada libro estivese á altura dende a primeira á última páxina. Nun panorama editorial con tendencia ao bestseller, o creador do inspector Leo Caldas encaixaba máis nun mundo propio e íntimo, no que literatura brota aos poucos, como saíndo da man experta dun artesán da escrita namorado de Vigo, da súa ría e da súa xente.