Areeiro recomenda manter a vixilancia e garantir a aireación das viñas para conter o mildio

A Estación Fitopatolóxica suxire tamén incrementar a vixilancia fronte ao oídio, tanto pola fenoloxía da viña como polas condicións meteorolóxicas previstas

10/06/2022

Mildiu

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que resalta que os tratamentos realizados contra o mildio nas viñas nas últimas semanas están contendo as infeccións. Esta situación, unida ás maioritarias previsións meteorolóxicas, que apuntan tempo anticiclónico para as vindeiras xornadas, leva á EFA a sinalar que é posible ampliar o intervalo entre tratamentos, sempre mantendo a vixilancia e garantindo a aireación dos acios mediante as labores agronómicas recomendadas (esfollas,  podas en verde, desnetados e roza da vexetación do solo). En caso de que, como anuncian outras previsións (as menos), se produzan algunhas precipitacións á metade  da semana, Areeiro apunta que haberá que renovar o tratamento antes ou inmediatamente despois do episodio, ao menos se está finalizada ou a piques de finalizar a protección teórica da intervención anterior.

O aviso tamén suxire incrementar a vixilancia fronte ao oídio, tanto pola fenoloxía da viña coma polas condicións meteorolóxicas, aínda que nas viñas se segue sen atopar síntomas da enfermidade en albariño. A mesma recomendación de manter a vixilancia realízase para o black rot. Desde a EFA sinalan que malia ter habido unha climatoloxía favorable, na revisión desta semana non se atopou unha maior presenza de síntomas, e tampouco nas plantas abandonadas onde xa apareceran. Amais disto, as condicións meteorolóxicas maioritariamente previstas para os vindeiros días non serán favorables ao fungo. En caso de que finalmente se produzan choivas, o persoal de Areeiro recomenda elixir funxicidas con efecto fronte a este outro fungo para os potenciais tratamentos fronte ao mildio.

O aviso refírese tamén outras incidencias nas viñas. Neste senso,  esta  semana detectáronse puntualmente novos glomérulos das larvas da primeira xeración de Lobesia  botrana, e non en todos os predios. Amais, xa só nalgunhas viñas se recolleron adultos nas trampas polo que está a finalizar o voo da primeira xeración. Así mesmo, nas parcelas con plantas vellas e problemas de enfermidades de madeira observouse igualmente algunha sintomática máis, e sen dúbida o estrés que van sufrir as plantas coa calor prevista favorecerá que aparezan en maior número.

Por outra banda, o aviso fitosanitario refírese tamén a outros cultivos como a maceira. A EFA recomenda que despois da climatoloxía cálida e húmida rexistrada nesta semana, nas plantas que non estean protexidas por tratamento, sobre todo aquelas de variedades sensibles ao fungo, será precisa unha intervención para evitar que o patóxeno do moteado afecte aos froitos. E, no caso da avelaíña da mazá, lembra que a presenza de praga pode variar moito mesmo en zonas próximas, de aí conveniencia de dispor de trampas como método de seguimento para saber cando intervir e así reducir os danos potenciais ás mazás.

No que atinxe ao buxo, o aviso apunta que coas previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, é de esperar un aumento da actividade da Cydalima perspectalis, polo que recomenda incrementar a la vixilancia. E, por último, no caso da pataca e outras plantas de horta, a EFA sinala que convén aplicar un tratamento contra o mildio e outros patóxenos, xa que as condicións dos pasados días poden reactivar estas afeccións.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.