“As mulleres que opinan” fan memoria cun libro que mostra que “non só son perigosas, senón máis necesarias que nunca”

Diana López e Susana Pedreira subliñan que catro anos despois hai máis mulleres opinando nos medios “polo que agora temos que facer un exercicio de resistencia”

29/03/2022

Acto da presentación do libro “As Mulleres que opinan son perigosas” na Deputación de Pontevedra  

Cun formato de debate ao mellor estilo do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira deron a coñecer hoxe no Pazo Provincial da Deputación os contidos do libro que fai memoria da primeira edición do congreso celebrada no 2018, que puxo á provincia de Pontevedra como centro e referencia da igualdade e o feminismo no Estado. O salón de plenos vestiuse esta tarde de lila e coas ilustracións de Emma Gascó, que inclúe a obra, para acoller a presentación deste volume, que converte os quince relatorios daquel debut  noutras tantas crónicas coas que as xornalistas buscan reflexionar sobre o eco do evento despois de catro anos e unha pandemia. No acto, no que se deron cita máis de medio cento de representantes do xornalismo, da política, da cultura e da Universidade, López e Pedreira mantiveron un ameno diálogo coa presidenta provincial, Carmela Silva, e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que subliñaron a repercusión acadada polo congreso e amosaron a súa emoción pola próxima volta á presencialidade do debate.

“As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois” repasa en clave xornalística os trece relatorios e as dúas mesas daquel primeiro congreso, que xurdiu en resposta a un foro de columnistas en León que non incluíra a ningunha muller. Na primeira edición participaron, amais de Susana Pedreira e Diana López, María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Rosa Montero, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera. Do volume se ten realizado unha tirada de 1.500 exemplares que tamén se distribuirán na quinta edición do congreso.

Como explicou hoxe Susana Pedreira, "o libro é un exercicio de periodismo para recuperar e gardar a memoria da primeira edición dun congreso pioneiro como foi ‘As mulleres que opinan son perigosas’, e para reflexionar desde a actualidade entrevistando ás protagonistas. Pasaron catro anos e unha pandemia, e todo o vivido desde entón atravesa o libro porque atravesou as vidas de todas nós, de todos os que estades hoxe aquí".  Para a xornalista, despois do período transcorrido "non hai dúbida de que hoxe hai máis mulleres opinando nos medios de comunicación que fai catro anos”. “Todas as xornalistas convidadas a Pontevedra en 2018 seguen opinando –afirmou-, e moitas delas ampliaron os espazos mediáticos nos que teñen palestras desde as que facerse escoitar". Tamén Diana López Varela insistiu en que “catro anos e unha pandemia despois se algo teño claro é que as xornalistas feministas non só somos perigosas senón que somos máis necesarias que nunca para o oficio e para o conxunto da sociedade". "Custounos moito ocupar os espazos e agora temos que facer un exercicio de resistencia, aínda que as veces custe –engadiu-. E custa moito mais cando es nai".

A presidenta provincial Carmela Silva lembrou con emoción aquel primeiro foro “e a rabia contida que deu pulo a un encontro que nos encheu de inmensa felicidade e ledicia”. “Porque hai mulleres –sentenciou-,moitas e moi potentes. Grandes xornalistas con voz e ideas propias repletas de optimismo, que rompen teitos de cristal e de formigón armado. Mulleres que se encontraron e situaron a provincia como un grande eixe central e reivindicativo da igualdade no xornalismo de todo o Estado, pero tamén como punto de encontro anual e como xeito de tecer unha rede de amizade, intercambio de ideas, de colaboración e sororidade inigualable”. Lamentablemente, resaltou, “aínda hai que seguir facendo moito traballo de pico e pa, esforzarse en derrubar teitos de cristal e rachar con chans pegañentos e apostar por visibilizar o talento das mulleres”. Neste senso, apuntou que a obra presentada hoxe rememora un momento histórico que se produciu ás portas do 8M e constitúe un novo pilar “polo que supón de memoria para as novas xeracións” dentro desta loita pola igualdade, como o serán as vindeiras edicións “que xa estamos agardando con impaciencia”.

Pola súa parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a importancia da publicación que hoxe se vén de presentar; de que o papel recolla as ponencias e as intervencións realizadas durante estes anos no foro “As mulleres que opinan” nun compendio que poida ser consultable en calquera momento. “Será a mostra do labor desenvolvido a prol do feminismo por ducias de mulleres que escolleron Pontevedra para ser un referente na defensa dos dereitos das mulleres”

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.