A Deputación analiza as claves do futuro do sector naval na súa aula de formación en Navalia

A aula organizada pola institución provincial é froito do primeiro patrocinio da súa historia no marco da Feira Internacional da Industria Naval que se está a celebrar en Vigo

22/05/2024

Aula de formación da Deputacuión en Navalia

As actividades que está a organizar a Deputación de Pontevedra no marco da súa aula de formación en Navalia, a Feira Internacional da Industrial Naval de Vigo, están a permitir coñecer as claves dalgunhas das cuestións que máis preocupan ao sector á hora de abordar o seu futuro. A institución provincial impulsa estas accións froito do primeiro patrocinio na historia da Deputación a este evento, que reúne milleiros de visitantes de todo o mundo en torno a un sector estratéxico para o desenvolvemento da provincia.

Neste sentido, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, indicou que o apoio da institución provincial "non é un feito anecdótico" por canto "somos moi conscientes de que o naval, do mesmo xeito que todo o que ten que ver co mar, é un sector estratéxico para a nosa provincia". Convencida de que se superarán os 20.000 visitantes alcanzados o pasado ano, Sánchez ve nesta feira un "potencial de captación magnífico para a nosa aula", onde, dixo, "abordáranse cuestións de vital importancia para o desenvolvemento e o futuro do sector" relacionadas coa enerxía, o almacenamento de hidróxeno, a sustentabilidade, o impacto ambiental ou a mellora da eficiencia na construción naval.

Deste xeito, a aula de formación da Deputación acolle este mércores unha xornada organizada por GABADI e Bureau Veritas co título "Solucións aos regulamentos de descarbonización da Organización Marítima Internacional-Marpol (Convenio internacional para previr a contaminación polos buques) e da Unión Europea en 2050. Impacto no sector marítimo, oportunidades e retos", distribuída en cinco paneis que xiran arredor do gas natural licuado, o H2/ammonia, o metanol e o etanol e mais as tecnoloxías, con máis dunha vintena de expertos de firmas internacionais. Tamén se exporán nela algúns dos proxectos da 'Zona de Innovación' que incorpora este ano a feira, deseñada para apoiar e incentivar o ecosistema emprendedor do sector, e se analizarán as "Solucións de almacenamento de hidróxeno mediante a xeración de amoníaco verde como combustible multipropósito", da man de Soermar.

Mañá xoves 23 de maio, en horario de mañá, terán lugar na aula da Deputación dúas. A primeira será a conferencia "Solucións modulares alternativas á soldadura", a cargo de Sergio Forcelledo, trade manager da firma E&I, e con representación da firma Hilti. E, por último, a mesa "Enerxía naval do futuro: Solucións Innovadoras de Almacenamento Enerxético en Proxectos Europeos enfocados á Descarbonización e Desenvolvemento con Baterías", organizada por Soermar e con representación de SEABAT, Hypobatt, AENEAS e o proxecto Flexship.

As actividades da aula de formación da Deputación en Navalia comezaron este martes con tres conferencias arredor da redución de custos utilizando ferramentas imantadas na construción naval e industrial, a redución de custos e tempos de ciclo utilizando ferramentas magnéticas na industria moto motriz e sobre combater a corrosión xerando un bo perfil de ancoraxe con pelo de aceiro ou aceiro inoxidable sen aplicar o granallado tradicional, e mais outra rolda de exposicións dos proxectos da 'Zona de Innovación' da feira.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.