A Estación Fitopatolóxica Areeiro constata a estabilidade na situación do mildio nas viñas

O novo aviso fitosanitario da EFA advirte por outra banda da aparición dos primeiros síntomas do Black-rot , polo que recomenda iniciar a vixilancia deste patóxeno

06/05/2022

Manchas de aceite difernte grao de secado

Despois da detección, a pasada semana, da primeira mancha do mildio nas viñas das parcelas de seguimento e nas demais viñas revisadas pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, e tralos tratamentos realizados, o persoal da EFA  vén de anunciar no seu novo aviso fitosanitario que non atopou novos síntomas, e os aparecidos están curados ou en fase de curación. Deste xeito, a situación é de estabilidade e, de cumprirse as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, que anuncian o mantemento da climatoloxía seca e cálida durante o día e temperaturas nocturnas normais, desde Areeiro sinalan que non será preciso renovar os tratamentos, salvo que a situación concreta dalgunha viña faga que as plantas se manteñan húmidas durante horas polo orballo da noite, en cuxo caso será necesario vixiar a posible detección de novas manchas.

Por outra banda, o aviso refírese tamén ao Black rot, trala aparición dos primeiros síntomas deste patóxeno. Aínda que Areeiro sinala que de momento a situación parece ser moi esporádica, sinala que hai que iniciar a vixilancia, novamente con máis intensidade nas viñas máis húmidas.

O persoal da EFA tamén segue a atopar nas viñas síntomas de erinose (que non é preciso tratar) e, nalgúns predios, ataques de caracois. Amais, observáronse plantas con síntomas de alteracións de madeira e, naquelas moi ventiladas produciuse a rotura de pampos a consecuencia dos ventos que se rexistraron.

No que atinxe a outros cultivos como a maceira, o novo aviso sinala que se atoparon os primeiros síntomas de oídio, aínda que unicamente en brotes illados. Tamén fala da avelaíña da maceira, para lembrar que a presenza desta praga pode variar duns predios a outros aínda que estean próximos, polo que é recomendable  a instalación de trampas para actuar en cada caso segundo as capturas que se teñan.

No caso do kiwi, Areeiro sinala que malia que o tempo está seco, as plantas están cos botóns florais, e este é un estado fenolóxico que hai protexer das bacterioses, enfermidades tan frecuentes nas zonas de influencia atlántica. A protección é obrigada se o tempo é húmido pero, aínda sen precipitacións,  tamén é conveniente tratar nos predios onde sempre hai problemas.

Areeiro volve referirse tamén, por outra banda, á bolboreta do buxo, para advertir que é de esperar que co mantemento das temperaturas en valores altos as eirugas evolucionen a crisálides  ou mesmo, onde xa as haxa, pasen ao estado adulto, polo que recomenda ir instalando as trampas de feromonas se non o fixeron aínda.

Por último, o aviso advirte de brotes de pulgóns e outros insectos chupadores en moitos cultivos, favorecidos pola existencia de brotes ternos en moitos cultivos e pola climatoloxía destes días. Neste senso, persoal da EFA sinala que cando unicamente afectan a uns poucos gromos, a retirada destes é unha boa medida para retrasar potenciais aplicacións de tratamentos insecticidas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.