A Deputación ten aberto o prazo para optar ás axudas para a edición de obras en galego de difusión cultural, dotadas cun orzamento de 90.000 euros

19/03/2024

Última semana para optar ás axudas da Deputación para a edición de obras en galego de difusión cultural dotadas, neste 2024, cun orzamento de 90.000 euros. A convocatoria está dirixida a entidades sen ánimo de lucro que poderán recibir ata 12.000 euros e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo martes 26 de marzo.

A institución provincial pretende con esta liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, fomentar a edición de publicacións que teñan interese social e cultural para a provincia de Pontevedra e que redunden no conxunto da sociedade. Deste xeito, os traballos subvencionados, de carácter divulgativo, deberán tratar aspectos relacionados coa provincia, co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico, ou con persoas e colectivos relevantes desta. Ademais, deberán estar editados en galego normativo e non poderán ser distribuídos como suplemento doutra publicación.

O importe máximo da subvención para cada edición non superará o 70 % do orzamento total e, en calquera caso, os 3.500 euros no caso de publicacións en papel, os 8.000 euros no caso de edicións en formato audiovisual e mixta (que inclúan publicacións en papel e en audiovisual) e 12.000 euros no caso de formatos especiais de edicións para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva. Á hora de conceder as axudas valorarase a calidade técnica da proposta e a achega da publicación ao desenvolvemento, á normalización e promoción da lingua galega, ao fomento do patrimonio galego, á recuperación da memoria histórica, á igualdade de xénero, á diversidade funcional e á conservación do medio.