Barro dignifica o seu “recibidor” coa recuperación para as persoas do espazo da praza de san Amaro

Carmela Silva: “Este é un exemplo de traballo colaborativo e onde antes había un lugar hostil para a veciñanza, para as persoas que atravesan o Camiño e para o patrimonio hoxe hai outra praza, un lugar do que sentirnos orgullosas e orgullosos”

30/03/2022

Dun entorno “hostil” para as persoas e o patrimonio a un lugar seguro e amable que se converte no mellor “recibidor” para a veciñanza e as e os visitantes do concello de Barro. A praza de San Amaro e a súa nobre contorna locen xa unha renovada imaxe coa recuperación deste espazo público froito do traballo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o Concello e a veciñanza, que permitiu dignificar esta zona que sirve de paso aos milleiros de persoas peregrinas que fan anualmente o Camiño Portugués, cun investimento de máis de 250.000 euros. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes visitaron hoxe a praza xunto ao deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o concelleiro de Obras, Iván Bello, amais de representantes da corporación e veciños e veciñas, que subliñaron a espectacular transformación acadada neste espazo “que non ten nada que ver co que había hai poucos meses”. “Esta é outra praza –destacou a presidenta- e esta é unha obra para aplaudir; ten todos os contidos das boas obras ben feitas”.

En concreto, a zona foi obxecto de dúas actuacións na estrada EP-0508 que atravesa este entorno. Dunha banda, a mellora da mobilidade peonil na citada praza de San Amaro, antes entregada ao vehículo motorizado e agora recuperada para as persoas cun deseño no que primou o emprego da pedra e o respecto ao patrimonio e na que se investiron 219.165 € financiados ao 100% pola Deputación. E, por outro lado, a institución provincial investiu preto de 40.000€ para solucionar tamén o problema medioambiental no núcleo de San Amaro coa mellora da rede de drenaxe na mesma estrada provincial.

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor que as obras realizadas permitiron recuperar para as persoas “un lugar antes hostil para a veciñanza e para os milleiros de persoas que atravesan o Camiño e un lugar hostil para o patrimonio, porque impedía desfrutar da fermosura deste lugar”. “No século XXI –engadiu- temos que rachar cos erros do pasado que converteron espazos tan fermosos en aparcamentos ou nos que o feísmo era o elemento que os identificaba. Este é un exemplo de traballo colaborativo co Concello e coa empresa, á que lle agradezo o labor realizado, porque é unha obra moi ben acabada. Fomos quen de superar xuntas e xuntos todos os atrancos que sempre ten unha obra, con lealdade institucional, e non hai ninguén con dous milímetros de sentido común que non entenda que esta é outra praza”. Carmela Silva agradeceu tamén a colaboración veciñal e destacou que o novo espazo propiciará novas actividades na contorna, “que gañará capacidade de atracción”. “Cando hai espazo público –apuntou- pasan estas cousas, poden facerse actividades deportivas, culturais e beneficia ao comercio e á hostalería. Vai haber vida, e iso é o que ten que haber no espazo público”.

Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes congratulouse de que este proxecto teña permitido dar unha nova imaxe ao “recibidor” de Barro. “Gústanos ter nas casas un espazo que cando vén alguén a visitarnos se leve unha boa imaxe –contou-. E para o Concello este é o primeiro punto polo que pasan milleiros de persoas peregrinas cada ano. Todos e todas sorprendémonos con estas obras, pero quen máis o fan son as persoas que  non viñan desde hai seis meses e sabían que isto era un cruce de estradas. Agora atópanse con que o recibidor de Barro é amable, de convivencia e desfrute para a veciñanza e para as persoas visitantes”. E engadiu que agora este é un espazo “non só para pasar, senón para quedar”. “Agora temos que desfrutar deste espazo, e o que importa é que o desfrute sexa permanente, con iniciativas sociais ou municipais”. Abraldes agradeceu a comprensión da veciñanza con esta obra e felicitou á Deputación polo “impecable traballo” que está a levar a cabo na provincia coa humanización de espazos como o de San Amaro e polo esforzo “en sacar este proxecto adiante coa mellor calidade”, algo que segundo explicou percíbese tanto na imaxe do empedrado e a vangardista iluminación como na parte de servizos soterrados. “O que marcou a execución deste proxecto de moita complexidade –sinalou- foi buscar a excelencia e a calidade e creo que se conseguiu” .

No acto, Iván Bello, concelleiro de Obras de Barro, tamén destacou “esta foi moito máis que unha obra” e que a renovada praza é agora “un lugar seguro, amable e respectuoso coas persoas e cos elementos patrimoniais, cando hai meses por desgraza era un cruce de vías hostil coas persoas e un rebumbio de coches. As persoas que cheguen a Barro polo Camiño Portugués en lugar de levar unha primeira impresión negativa terán unha moito mellor”.

O proxecto

O obxectivo das obras realizadas na praza de San Amaro foi  crear unha contorna viaria segura e tranquila co modelo de mobilidade sostible da Deputación, e materializouse co deseño dunha zona de convivencia elevada de 10 cm con respecto da rasante da estrada, con prioridade peonil, e na súa execución utilizáronse pavimentos de pedra para dignificar o entorno patrimonial existente na contorna, con mobiliario urbano moderno e de deseño. Amais, realizouse unha nova rede de pluviais, soterráronse as liñas de electricidade e telecomunicacións e executouse unha nova rede de fecais e alumeado público con luminarias LED de deseño. A obra completouse coa sinalización horizontal e vertical, a plantación de arborado e bancos de pedra na zona da praza.

Por outra banda, a mellora da rede de drenaxe da estrada provincial levouse a cabo nun treito de 230 metros no que existía unha rede unitaria de saneamento e de drenaxe que recollía as augas residuais do núcleo de San Amaro, vertendo directamente esta rede á cuneta existente ao non ter continuidade ata a depuradora. Co proxecto desenvolvido pola Deputación, conectáronse as redes de saneamento e de pluviais executadas no proxecto do núcleo de San Amaro ata as instalacións de tratamento de augas residuais executadas polo Concello no pq 1+320 da EP. Aproveitando a actuación, tamén se aglomerou o treito afectado polas obras, e pavimentouse con formigón a citada cuneta.

Galerias de imagenes

videos