A Deputación e o Centro Superior de Investigacións Científicas difunden o patrimonio arqueolóxico da provincia en centros escolares de Meaño, Ponteareas e Sanxenxo

As accións están enmarcadas nun convenio valorado en 270.000 euros para difundir, protexer e fomentar o valor cultural dos bens patrimoniais de Pontevedra

09/04/2024

A Deputación de Pontevedra o Instituto de Ciencias do Patrimonio pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (INCIPIT-CSIC) inician este mércores unha nova quenda de charlas en centros de ensino co obxecto de difundir, protexer e fomentar o valor cultural dos bens patrimoniais da provincia. As accións están enmarcadas nun convenio asinado entre as dúas entidades, cunha dotación de 270.000 euros, e que consta de intervencións en espazos de interese arqueolóxico, charlas e conferencias e tamén a recuperación de materiais do Castro de Bendoiro (Lalín).

As charlas comezan este mércores 10 de abril no IES de Meaño, a cargo de César Parcero e Carlos Otero Vilariño, que se centrarán nas “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe… ou non tanto. Banquete na Lanzada”. A seguinte actividade será este venres no IES de Sanxenxo, centrada tamén no “Banquete na Lanzada” e a cargo de Carlos Otero Vilariño. As charlas pecharanse o próximo 2 de maio no IES Pedra da Auga de Ponteareas, a cargo de Xosé Lois Armada, que falará sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos”.

No marco do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o INCIPIT-CSIC tamén se inclúen, por unha banda, intervencións en oito espazos de interese arqueolóxico da provincia: a Illa de San Sadurniño (Cambados), as Torres de Oeste (Catoira), Castrolandín (Cuntis), os Chozos do Alén (Fornelos de Montes), o Castro de Garellas (Forcarei), os Petróglifos de Gargamala (Mondariz), o Cano dos Mouros (Oia) e Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa). Por outra banda, tamén contempla o estudo e a restauración dunha selección de materiais procedente das intervencións efectuadas no Castro de Bendoiro (Lalín) en 2006 e 2007, cos que se elaborará unha exposición no Pazo de Liñares.