Chega a Silleda a mostra itinerante "Pontevedra e américa. Unha mirada en feminino" cunha homenaxe a Elena Colmeiro e Virxinia Pereira

A mostra da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da USC inaugurarase este mércores, ás 18.30 horas, na Praza da Igrexa 

10/05/2022

Pontevedra e América. Unha mirada en feminino  

"Pontevedra e América. Unha mirada en feminino", a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da USC para poñer en valor a historia de 13 mulleres da e na emigración, chega este mércores a Silleda tras pasar por Pontevedra. A exposición será inaugurada ás 18.30 horas na Praza da Igrexa e completarase, a continuación, cunha conferencia na Casa da Xuventude a cargo de Rosario Sarmiento e Montse Fajardo para poñer en valor a dúas mulleres moi vinculadas á comarca como Elena Colmeiro e Virxinia Pereira, que forman parte da mostra.

Elena Colmeiro (Silleda, 1932. Madrid, 2021), filla do pintor Manuel Colmeiro, recibiu numerosos recoñecementos en América e Europa polo seu traballo como ceramista e obras de gran e pequeno formato de escultura. A súa obra atópase en museos de todo o mundo. Pola súa banda, Virxinia Pereira (A Estrada, 1884. Madrid, 1969), muller moi comprometida e con ideais propios, tivo que compartir o exilio co seu home, Castelao, apoiando a súa produción artística e sendo a gardiá do seu legado á súa morte.

Amais de Elena Colmeiro e Virxinia Pereira, a mostra, que se poderá visitar na Praza da Igrexa ata o 6 de xuño, presenta a historia de outras once mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez , para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión. A través de catro cubos dispostos na Praza da Igrexa poderase afondar na súa traxectoria vital, observar fotografías e coñecer o papel imprescindible que xogaron todas elas na historia da emigración.

Tralo seu paso por Silleda e Pontevedra, a mostra continuará por Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade. Así, se en Pontevedra as protagonistas foron Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas, en Silleda Elena Colmeiro e Virxinia Pereira, en Cerdedo-Cotobade a protagonista será Nélida Piñón; en Vila de Cruces Anisia Miranda; no Grove Lorena Lores; en Vilagarcía María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde; en Soutomaior María Vinyals e en Redondela Isabel Gómez.

documentos