A Deputación dá a benvida á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes a Pontevedra e Oia, así como ás mancomunidades Terras de Pontevedra e do Morrazo

Carmela Silva destaca o carácter pioneiro da Deputación adheríndose hai tres anos a unha rede que hoxe é o estandarte da calidade e a competitividade turística

28/03/2022

RDTI

A incorporación de catro novos destinos da provincia de Pontevedra á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (RDTI), aprobada hoxe pola súa Comisión Executiva, foi sinalada como unha excelente nova pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. A Deputación, única institución galega integrada na Executiva desta rede estatal promovida pola Secretaría de Estado de Turismo, valora as adhesións dos concellos de Pontevedra e Oia e das mancomunidades Terras de Pontevedra e do Morrazo, como un reforzo ás políticas turísticas pioneiras a prol do “modelo DTI” que se veñen desenvolvendo xa a escala provincial. De feito, a Deputación forma parte da Executiva do “club” dos destinos intelixentes de España dende o seu nacemento hai tres anos.

As novas incorporacións provinciais á Rede DTI de Pontevedra e Oia, xunto cos concellos mancomunados en Terras (Pontevedra, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Vilaboa, Campo Lameiro, Barro e A Lama) e no Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) seguen os pasos que deron no seu día a Deputación de Pontevedra e, posteriormente, Sanxenxo, Vigo, Vilagarcía, Mancomunidade do Salnés e os municipios do GDR do Condado-Paradanta.  Carmela Silva valora o substancial avance da presencia da provincia de Pontevedra a prol da calidade turística, un avance que se produce xusto no momento en que as portas péchanse temporalmente porque, outro dos acordos adoptados durante a Executiva da Rede celebrada hoxe foi o de non aceptar novas incorporacións ata que se desenvolvan os procesos de avaliación e calidade pendentes.

As catro incorporacións da provincia de Pontevedra complétanse con outras 12 procedentes das outras provincias galegas e un total de 103 en toda España. A RDTI experimenta, por tanto, un forte crecemento pasando de 226 membros titulares a 329. Os membros titulares son as Entidades Locais que teñan recoñecida a condición de destino turístico intelixente por parte da Sociedade Estatal para a Xestión das Tecnoloxías Turísticas (Segittur) ou teñan iniciado a metodoloxía para acadalo). Ademais hai outros 63 membros institucionais (Administracións públicas que aínda non teñen iniciado o proceso), 89 colaboradores (asociacións e empresas) e 3 membros observadores, o que fai un total de 484 integrantes. A partir de agora, a rede tomarase un tempo para garantir que tódolos destinos adheridos avanzan no proceso e, ademais, impón un tope máximo de dous anos para os que aínda non o teñan iniciado.

“Un modelo de éxito, como demostra o aluvión de solicitudes de entrada”

RDTI

Carmela Silva subliñou que a iniciativa xurdida hai 3 anos “confirmouse como un éxito, como demostra este aluvión de solicitudes de entrada nunha rede da que a Deputación está dende o principio porque tiña moi claro que a calidade turística non só é o futuro, senón o presente”. Ademais recalcou o recoñecemento da importancia das deputacións para a consolidación do turismo baseado na dixitalización, na tecnoloxía e na calidade medida en tódolos aspectos que conforman a experiencia turística. Amosouse, finalmente, especialmente satisfeita da presencia final dos destinos galegos na rede. O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, precisamente reserva un papel protagonista para os destinos turísticos intelixentes introducindo convocatorias específicas para este tipo de destinos e para acelerar a dixitalización do sector.

A Deputación de Pontevedra non só está na Rede DTI dende o principio, senón que, ademais, forma parte da súa Comisión Executiva como único representante institucional de Galicia. Esta Executiva, composta na actualidade por 9 membros, vai ser renovada. Hoxe mesmo aprobouse o proceso de renovación e designación da nova Executiva, que será a encargada de dirixir o proceso de consolidación da calidade turística española en destino durante o próximo trienio.

Os destinos turísticos intelixentes, de acordo co Plan Nacional Integral de Turismo 2021-25, son aqueles que apostan pola innovación, as infraestruturas tecnolóxicas de vangarda, garantindo a sostibilidade, a accesibilidade e a alta calidade de vida tanto para as persoas visitantes como para as persoas residentes e todo elo monitorizado a través da metodoloxía estandarizada  por Segittur, de xeito que é necesario cumprir un mínimo dun 80% os estándares fixados.