A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias organizan este xoves dúas conferencias en liña sobre cribado neonatal e a situación actual do VIH

Enmárcanse no ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, un programa promovido para achegar a ciencia á sociedade

17/04/2024

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias continúa este xoves, ás 19 horas, cun seminario web sobre epidemioloxía e terapia dirixido á cidadanía en xeral. A deputada provincial Isabel Couselo e o presidente da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Manuel Lema, serán os encargados de abrir unha xornada na que M.ª Luz Couce, directora da Unidade de Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, afondará no "Cribado neonatal, onde estamos e cara a onde imos", e Eva Póveda, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, sobre "VIH: situación actual, avances e retos actuais".

Galicia ten o programa de cribado neonatal máis amplo de España e un dos primeiros de Europa, un programa fundamental para detectar nas e nos neonatos enfermidades conxénitas graves. Neste sentido, a tamén xefa do Servizo de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, M.ª Luz Couce, remarcará a importancia de seguir na vangarda e avanzar na investigación de novos estudos piloto xenéticos poboacionais.

No que respecta ao VIH, Eva Póveda dará a coñecer a situación actual da infección e os avances neste ámbito, claves para transformar a doenza nunha situación crónica. Neste campo, a investigadora destacará os novos retos para a continua mellora da saúde e calidade de vida das persoas que viven con VIH e para alcanzar os obxectivos de ONUSIDA en 2030.

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos continuará o 25 de abril co relatorio "O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo" impartido por Fernando Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo. Xa en maio terán lugar tres conferencias: a primeira o día 16, sobre "Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade", a cargo de Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada; a segunda o 23, sobre "Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais", impartida por Silvia García, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo; e a terceira o día 30 da man de Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, que falará "De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta".

En xuño, o día 6, rematarán as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral con: "Os biomateriais no combate do cancro", a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago de Compostela, e "Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro" a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.

Todas as charlas dirixidas á cidadanía en xeral serán ás 19 horas e en formato seminario web.

Conferencias nos centros de ensino

O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos contempla tamén cinco charlas dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia que imparten ESO, bacharelato e ciclos formativos. Ademais da que acolleu o pasado xoves, 11 de abril, o IES Illa de Tambo de Marín, terán lugar outras catro: "Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros" a cargo de Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo; "Medicamentos personalizados" a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia; "Exoplanetas e a nova ciencia de Astrobioloxía" a cargo de Minia Manteiga, catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña; e "O impacto das substancias cotiás no noso material xenético" a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética na Universidade da Coruña.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.