A Deputación celebra no Castelo de Soutomaior unha xornada para conmemorar o Día Internacional do Té

Na actividade, inaugurada pola deputada Nava Castro e clausurada polo deputado Javier Tourís, persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro deu a coñecer os diferentes tipos de té e o seu proceso de elaboración a partir de gromos de Camellia sinensis

21/05/2024

Día Internacional del té

A Deputación de Pontevedra celebrou o Día Internacional do Té cunha xornada e cata-degustación deste produto no Castelo de Soutomaior. Na actividade, inaugurada pola deputada Nava Castro e clausurada polo deputado Javier Tourís, persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro detallou o proceso de colleita e elaboración do té, explicando o proceso de murchado mediante o cal se deixan os gromos ao sol para que perdan a humidade e se volvan maleables para facilitar o posterior enrolado. O broche de ouro tivo lugar coa cata-degustación, na que as persoas que acudiron á actividade puideron gozar de diferentes tipos de té elaborados en Areeiro como té verde, con pétalos de feixoa, té vermello e negro.

O deputado responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, subliñou na clausura o papel clave de Areeiro, “que leva máis de 20 anos estudando, seleccionando e propagando clons de Camellia sinensis da que se obtén o té”. Tamén remarcou a aposta decidida da Deputación de Pontevedra para impulsar a marca TeAreeiro, “unha iniciativa que vai converter á provincia nunha referencia na produción de té con características senlleiras, un té 100% Rías Baixas”. Ademais subliñou a “magnífica oportunidade” que supón o cultivo e fabricación de té para o “desenvolvemento económico e o impulso do rural da provincia”.

Pola súa banda a deputada de Turismo, Nava Castro, encargada de inaugurar a xornada, recordou que a provincia de Pontevedra é o espazo de toda Europa co maior número de xardíns integrados no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos, con seis en total, que teñen en común á camelia. Tamén asegurou que son cada vez máis as persoas que se achegan á provincia “buscando algo diferente, único, para gozar dese slow turismo cada vez máis demandado e que tan ben representa todo o que ten que ver coa camelia”. Por estes motivos, Castro adiantou que o novo Plan Estratéxico de Turismo terá, entre os seus eixos, á camelia.

O té, a bebida máis consumida do mundo despois da auga, obtense das follas e dos brotes novos de Camellia sinensis. Esta planta ornamental forma parte dos xardíns pontevedreses desde hai máis de 200 anos e de feito coñécese como a flor das Rías Baixas. Grazas ás condicións climáticas e ao solo da provincia, a Camellia sinensis pode cultivarse para elaborar té de características propias e senlleiras. Por iso a Deputación de Pontevedra rexistrou a marca TeAreeiro e ten en marcha un plan estratéxico para poder orientar sobre o seu cultivo, produción e elaboración.

En 2018 a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura (FAO) publicou os principais motivos para aumentar o consumo de té polos beneficios que achega para a saúde e o benestar, polas súas propiedades antiinflamatorias, antioxidantes e por contribuír coa perda de peso. Un ano despois, en 2019, a organización acordou fixar o 21 de maio como Día Internacional do Té.

Galerias de imagenes