Festa na Illa de Arousa na inauguración das reformadas casas modernistas

As tres históricas vivendas da rúa Marqués de Bradomín acollerán á Asociación de Persoas Xubiladas da Illa de Arousa, á Escola de Música e a Biblioteca Municipal

29/03/2022

Casas modernistas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Carlos Iglesias, abriron hoxe as portas das reformadas Casas Modernistas da Illa de Arousa  nun acto de inauguración que converteu á localidade nunha auténtica festa na que participou a veciñanza. Materialízase así a longa e histórica demanda de veciñas e veciños da Illa que desde hoxe poden gozar dunhas magníficas instalacións para o lecer, a convivencia e a cultura, “un exemplo de acción pública”, subliñou a presidenta provincial.

“Estou encantada de que a Deputación teña sido a Administración que facilitou que a reforma das tres casas modernistas da Illa da Arousa poida ser unha realidade” asegurou Carmela Silva na inauguración do novo espazo sociocultural que ten gañado a vila arousana. No acto de apertura, que contou coa música de Budiño, a presidenta descubriu xunto ao alcalde dúas placas conmemorativas na casa de Dona Tomasa, que será o lugar de encontro da Asociación de Persoas Xubiladas da  Illa de Arousa, e na casa de Goday, onde se situará a biblioteca municipal. Tamén escoitou as explicacións da historia da Casa de Dona Tomasa e desfrutou do bo facer musical da veciñanza da Illa na Casa do Campaneiro, que, cunha ampla sala de exposicións e reunións para entidades culturais e cun auditorio, acollerá a Escola de Música da vila.

“Isto –remarcou a presidenta Carmela Silva- é unha realidade grazas á veciñanza e ao goberno local que apostou, hai moito tempo, por rehabilitar estas casas e enchelas de vida como estiveron no pasado”.  Para a presidenta a actuación desenvolvida nas casas modernistas é un exemplo: “as administracións públicas o único que temos que facer é saber escoitar e destinar os recursos ao que merecen ser destinados e aquí fíxose unha reforma moi fermosa, con equipamentos que van permitir as xuntanzas das persoas maiores, que a veciñanza da Illa poida seguir formándose musicalmente nun lugar extraordinario, acudir a unha potente biblioteca, realmente fermosa, e desfrutar tamén de espazos ao aire libre que van permitir que aquí pasen moitas cousas”. Amais a reforma permite, segundo asegurou a presidenta, “recuperar aquilo que é a  vosa propia historia, porque estas casas modernistas falan de vós, do que sodes, e van facer que a Illa sexa aínda máis atractiva”.

Pola súa banda, o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, que cualificou a xornada como “día importantísimo” e á actuación como “feito histórico”, remarcou que “tiñamos claro o proxecto pero para un Concello de 5.000 habitantes sempre foi “tarefa ardua” acadar a financiación. Grazas á Deputación hoxe está materializado e despois de moito traballo, gañamos moito espazo público para desfrute das veciñas e veciños. A partir de hoxe xa toda a veciñanza pode usar estas instalacións públicas que son para todas e para todos”.

A restauración, rehabilitación e transformación das casas modernistas situadas nos números 1,3 e 5 da rúa Marqués de Bradomín ascendeu a 2,7 millóns de euros dos que a Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos, achegou máis de 2,5 millóns de €. O arquitecto responsable do proxecto, Manuel Gallego Jorreto, premio Nacional de Arquitectura e asinante de numerosas actuacións na Illa de Arousa como a Casa do Concello ou o Centro de Interpretación das Conservas, conservou a imaxe orixinal das tres vivendas demolendo os seus elementos interiores para adaptalas a novos usos socioculturais que, a partir de hoxe, poderán desfrutar as veciñas e veciños da Illa.

Galerias de imagenes

videos